24 junio 2008

Ano 2004. O rescate

A vida é labiríntica (que razón ten Lynch). Se esta semana comparto con vós un vídeo do 2004 ven provocado polo feito de que no CGAI impartiron, na semana anterior, un nutritivo seminario sobre a obra do gran Andrei Tarkovski. Intrincado... pero certo.

O caso é que ao saír do seminario achegueime ate a casa do Polaco e, unha vez alí, puiden comprobar en que asuntos audiovisuais anda metido. O xeito de produción das súas curtas foi evolucionando cara a simplicidade: o punto de vista único; a figura dun demiurgo que guioniza, opera e monta; dun neno que xoga na soidade. E teño que dicir que vin cousas interesantes (quédome co tratamento das texturas nas súas imaxes). Hipnótico.

Xa de volta a casa, lembrei que eu mesmo realizara un aberrante vídeo (aló polo 2004) co mesmo punto de partida e, se cadra, un resultado bastante máis incerto.


Rebusquei nas miñas copias de seguridade e din, nun CD estragado, co vídeo que agora ides padecer. O rescate non foi doado e, durante o proceso de recuperación, a obra quedou cercenada en case un minuto. Pero tranquilos todos, que a historia do cine non se sentirá magoada por esta perda. Se cadra sentirá alivio... e pena por non ter acabado co resto tamén.

Sen máis miramentos déixovos con esta prescindible peza mutilada:


EU ACTOR, LEO

3 comentarios:

Manuel Macou dijo...

Se cadra este é o vídeo máis revelador de tódolos que levo feitos. Porque así é como vexo os meus traballos e o xeito de afrontalos. Intento tomarme en serio unha obra que seguramente non ten peso e, moito menos, relevancia. Pero estamos no camiño e, tendo os pés na terra, tomarse a cousa en serio nunca é mal negocio.

Rosalía dijo...

Recordoume a algúns videos de Andressolo....

Manuel Macou dijo...

Boas Rosalía! É certo o que dis. Pero os de Andressolo teñen un humor primario e directo, moito máis efectivo. Posiblemente porque o traballo de Andressolo xoga coa improvisación. E este vídeo está "recocido". En calquera caso, a curiosidade desta peza (obviando a nostalxia de anos pasados) está en que, sendo gravada en 2004, reflexa perfectamente o que eu mesmo penso dos meus traballos a día de hoxe: Son alguén que reflexiona sobre o que quere contar, que traballa o substrato... pero ao fin os resultados non teñen o brillo correspondente a tanto esforzo. Pero como dicía no primeiro comentario: estamos no rego. ;)