11 julio 2008

Ensaios fotográficos (por Roberto Chico)

Celébrase ate o 27 de xullo o festival PhotoEspaña 2008. Este ano dedícanlle unha atención especial a W. Eugene Smith.

Na súa reflexión sobor da dictadura franquista, elixiu Deleitosa, un pequeno pobo de Cáceres de pouco máis de 2000 habitantes. Desta estancia xurdiu a reportaxe "Spanish Village, 1950" publicada na revista Life. Nela apreciamo-las secuelas da Guerra Civil, e todo o que supuxo esa época de fascismo, terror, represión, miseria e fame.

Nestas fotos pódese aprecia-lo seu xeito de traballar. Non tiña moito que ver coa inmediatez das nosas cámaras dixitais. Eugene Smith facía unha análise, investigaba e amosaba a súa opinión sobre o tema que viña de escoller.


Sempre que abro un vello álbume de fotografías penso en toda esa xente que non coñezo e tamén no valor que teñen ao lembrarnos como eran as cousas hai non tanto tempo. Cantos novos descubrimentos poden estar agochados aínda nas vellas caixas estragadas pola humidade. Coméntovos 3 instantáneas coa miña vella polaroid...

  • polaroid#1:: Aínda non hai moitos anos que Ben Tarver herdou da súa tía 3 caixas de negativos que Robert Capa tomou durante a Guerra Civil española, sen que ata entón ninguén lle prestase moita atención.
  • polaroid#2:: fállame a memoria... pero lembro un documental no que un profesor universitario recuperaba unha vella colección de fotografías aparecidas nun faiado e que constituían o vello arquivo dun fotógrafo semiprofesional, que nos anos 50-60 retrataba a vida dos pobos deas serras dunha provincia española. Ademáis de recupera-las vellas instantáneas, completáronas coa laboura antropolóxica de coñecer a aqueles que aparecían nas fotografías, como era a súa vida, que fixeron dela... aproveitando que algún dos seus protagonistas aínda podía lembrar.
  • polaroid#3:: para rematar, o fotógrafo Virxilio Vieitez, que durante toda a súa vida estivo a retratar á xente de Terra de Montes e que ate 1998 non se recoñeceu o valor tanto estético coma documental da súa obra.

1 comentario:

Manuel Macou dijo...

Como nos informa r_ch_t nos comentarios da versión en castelán, anúnciase no día do Carme o pasamento de Virxilio Viéitez.

Se queredes coñecer un pouco máis da historia de Virxilio, r_ch_t déixanos tamén un par de ligazóns:

http://www.vieiros.com/nova/67891/finou-o-fotografo-virxilio-vieitez-o-mellor-retratista-da-realidade-dunha-comarca

http://www.soitu.es/soitu/2008/07/16/tendencias/1216198384_124729.html