28 septiembre 2008

Aurora: Deuses e Monstros

Deseño de Martin DeSoto

Con Aurora buscabamos un paso adiante. E se cadra démolo. Pero toda evolución ten o seu prezo. E no caso de Aurora o custe non é pequeno. Durante toda a fin de semana pasada lembreime do monolito de 2001: unha odisea espacial.

Nunha rodaxe chea de atrancos sentinme en algúns momentos perdido (non estou moi habituado a improvisar) pero por sorte contei cun reparto que sumou todo o rato e aportou a sua experiencia para suplir algunhas das nosas carencias e aguanta-lo trebón nos momentos difíciles.

Tiven, estes días pasados, ocasión de visionar o gravado e o certo é que ao principio non acadaba a entender como puido ser unha rodaxe tan dura. O aspecto das imaxes é formidable e os actores están a uns niveis de realidade que vos emocionarán e que a min énchenme de orgullo.

Aprendimos moito dos acertos e (sobre todo) dos erros. Nese sentido e moi ao meu pesar, teño que destaca-la lección de profesionalidade que nos deu a todos Xosé Manuel Olveira "Pico" e que deixou ao descuberto que a pesares da nosa aposta polo xiro cara o profesional (se cadra incluso na boa dirección), seguimos sendo uns novatos. As miñas máis sinceras desculpas, amigo.

Agora quédanos confirmar coa montaxe que temos unha boa película e armar todo cun bo son e banda sonora. Como dixo un amigo ao que lle confesaba o día antes da rodaxe que o cámara era os meus ollos e polo tanto unha peza fundamental para conta-la nosa historia: "Coida ben da vista, mais non descoide-lo oído." Seguiremo-lo seu consello.

4 comentarios:

Rosalía dijo...

polo que entendo, hai un paso dado en Aurora.

Imaxino que a pregunta "para cando" provoca certa presión. é que tanto falar dela e quero coñecela!

Moita sorte nesta aventura

Manuel Macou dijo...

Graciñas* Rosalía. Definitivamente demos un paso. Canto de grande xa é cousa de opinións. A vosa é unha delas, claro.

Personalmente estou moi moi contento co resultado. A vindeira semana empezo coa montaxe e xa vos irei contando as miñas impresións.

* Obsérvese que levas razón cando afirmas no teu blog que a xente di "graciñas" para fuxir do académico "grazas"

Capitán Latinoamérica dijo...

Vendo na tele o trailer dunha película que nestes momentos chega ás pantallas, acordeime de ti. "Cráneo previlegiado" o meu, non sei se isto é demendia senil prematura, ou simplemente demencia postxuvenil (que estou parvo). Coma sempre encantado de poder compartir e disfrutar as túas historias. Agardarei impaciente pola próxima.
Un saúdo (ou dous)dende Pontemerda... digo, Pontevedra.

Manuel Macou dijo...

Crack!!! Que bo leerte por aquí. Prepárate porque aló polo Nadal esperamos face-la pre-estrea oficial de "Aurora" para familia e amigos (calquera razón é boa para vervos).

Graciñas por non esquecerte deste embaixador buenense en terras alleas :P Bicos mil para a familia e outros tantos para ti.