29 marzo 2009

A vergoña De la Iglesia

O pasado xoves 26, asistiu ao programa de Buenafuente o director Alex de la Iglesia. Non me gustaría converter este blog nun espazo de crítica televisiva (estou certo de que existen mil). Pero durante a entrevista sucedeu algo que me incomodou bastante e necesito compartilo.


Os previos: De la Iglesia asistiu ao latenight show de La Sexta para falar do seu libro (en realidade unha reedición dun antigo libro que non vexo necesario promocionar dende este noso recuncho). Nun momento da entrevista, Buenafuente propuxo ao seu convidado un proxecto un tanto esperpéntico que incluía: realización de curtamentraxe en 3 semanas, con guión máis ou menos xerado alí mesmo no plató e totalmente producido polo conductor do programa.

A reacción: O director de películas prescindibles como a última estrenada "Os crimes de Oxford" mostrouse fondamente ofendido. Pero non pola falta de seriedade da proposta, senón porque en palabras súas (lea o seguinte con desdén): "Yo no hago cortos, Buenafuente". Cousa que repetiu bastantes veces. Finalmente accedeu a facelo sempre e cando se lle chamara "peza audiovisual alternativa" e non curtametraxe.

Libre asociación de ideas: A) Resonaron na miña mente aquelas protestas de hai un ano, cando estivemos a piques de ver como se retiraban as curtametraxes da entrega dos premios da Academia (por falta de interese televisivo -manda carallo-). B) Tamén viñeron a min imaxes de políticos indignados pedindo que se lle chamase "doutro xeito" ao matrimonio entre homosexuais (a min resúltame máis urxente cambiar unha das definicións de "galego" que, para os de Costa Rica, segue a significar "tonto"). C) Decepcióname comprobar que se avergoña das curtas alguén que gracias a "Mirindas asesinas" chegou a realizar "Acción mutante" ou "O Día da Besta" (posiblemente os seus filmes máis interesantes).

O suposto: Como xa dixen algunha outra vez, intentar desprestixiar ás curtametraxes (máis por parte quen escribiu e dirixiu curtas) é tan absurdo coma un hipotético caso no que Suso de Toro renegase de "Caixón desastre", Roald Dahl de "Relatos do inesperado", ou o mesmo Cervantes da cantidade de relatos curtos que escribiu, despois de ter publicado "Non volvas", "As bruxas" ou "O Quixote" (respetivamente).

__________________
Nota: Tódalas obras literarias aquí mencionadas son altamente recomendables

2 comentarios:

Capitán Latinoamérica dijo...

Vaya, lo que me he perdido. Que decepcion.

Manuel Macou dijo...

Sobre todo porque din por aí que o tamaño non importa :P

Hai curtas pésimas e obras de arte condensadas. Ao igual que hai películas boas moi, moi boas e para esquecer.

Graciñas por visitar este recuncho "Oh Capitán, mi capitán"