27 junio 2009

Fe de Erros (6)

Adoito manter unha dura loita contra da miña predisposición a pensar a priori. Por iso cando se produxo un cambio de directiva na Televisión de Galicia (produto dun cambio de tinte político no goberno da Xunta) decidín deixar distancia e valorar coa maior neutralidade posible a sorte de A Caixa Negra*. Entre outras cousas porque traballar cada día no proxecto, prívache dunha obxectividade que por outro lado (como xa dixen) case nunca se ten. Pero a cronoloxía dos feitos está a ser bochornosa:

15 de Maio de 2009 - Unha TVG aínda rexentada polo anterior goberno social-nacionalista estrea A Caixa Negra situándonos na parrilla ás 23:10h (xusto a continuación da exitosa Matalobos**).

Despois de tratar temas quentes como A Operación Nécora do narcotráfico ou O Casón, un barco que embarruncou na costa galega cunha carga perigosa e acabou estourando, chega o momento de falar de Vacas Tolas.


02 de Xuño de 2009 - Ese martes a nova directiva da televisión autonómica decide substituír o programa de vacas por unha de vaqueiros, que viva a sorna galega! Puxeron no noso lugar unha boa peli: O xinete pálido de Clint Eastwood. E aquí empeza o circo.

Do 03 ao 06 de Xuño de 2009 - Os medios de comunicación fanse eco da noticia. A sombra da censura empeza a sobrevoar San Marcos, sobre unha TVG que ten unha directiva de dous días de vida (pronto empezamos). Sucédense as mentiras dos gobernandes, as declaracións cruzadas cos gandeiros e a nosa perplexidade (despois de todo o programa non era para tanto***).

Núñez Feijoo
, que durante toda a pre-campaña fachendeou de demócrata e transparente, afirma que a motivación para retira-lo programa é o profundo problema lácteo polo que atravesa o sector gandeiro. Despois engade que recibiu a chamada de gandeiros pedindo que non se emitise o programa.


Os gandeiros falan na radio e na prensa escrita e desminten as afirmacións de Feijoo, e este sae ao paso conseguindo que un sindicato gandeiro afín ao Partido Popular asine un comunicado no que se afirma que están dacordo coa retirada do programa da parrilla.

Curioso. O noso programa non falaba de leite, senón de carne. Abraiante. Os gandeiros móstranse no documenal (e así foi) como as verdadeiras vítimas dun conflito que lles estourou nas mans por unha mala xestión/información da Xunta de Fraga. Triste. Os que asinan o documento son os mesmos que na radio afirman que eles non chamaron a ninguén para pedir que non se emitise. Están dacordo coa súa retirada, pero as chamadas previas non existiron.

07 de Xuño de 2009 - A verdadeira causa da retirada do programa. As eleccións europeas.

09 de Xuño de 2009 - A directiva da televisión admite que retirou preventivamente o programa por diferenzas nos criterios informativos (manda carallo) e para non danar a imaxe dos gandeiros. Pero unha vez pasadas as eleccións xa non lles importan tanto os criterios, a imaxe ou os gandeiros e as Vacas Tolas entran en emisión. Iso si, ás 23.30h (e con 10 minutos de publicidade previamente). Un desfase de case media hora que a partir das 23h e entre semana é un cambio de horario, pódese dicir, dramático.

E non nos podemos queixar, porque o programa sobre a mala sorte no fútbol dos equipos galegos (16/06/2009) emitiuse ás doce menos cuarto.


30 de Xuño de 2009 - Volve a televisión máis rancia dos últimos tempos. Repoñen Miña sogra e máis eu**** e póñena os martes xusto antes de A Caixa Negra. Eu penso que desta si que o conseguen e matan aos poucos espectadores incautos (e vivos) que a esas horas transiten pola decadente televisión galega.

Se isto segue así acabaremos competindo con eses programas de chamadas telefónicas nos que hai que adiviñar unha palabra de catro letras, que é un animal que da leite e empeza por:
V _ _ _

___________
* A Caixa Negra é un programa documental de investigación presentado por Gonzo que aborda temas que axitaron a Galicia dalgún xeito. ** En Matalobos traballan, por certo, algúns dos nosos artistas de Aurora e tamén de Nai que non fuches. Queda polo tanto recomendada a serie. *** Podedes ver tódolos capítulos de A Caixa Negra seguindo ESTA LIGAZÓN.**** Miña sogra e máis eu é una patética serie con Ana Kiro como protagonista (mimá!)

2 comentarios:

Capitán Latinoamérica dijo...

Vaia vaia. Por fin estou de volta en terras galegas, e da gusto ver que todo segue igual, estancados no mesmo pantano ponzoñoso (ás veces pregúntome se non viviremos atrapados nun bucle espacio-temporal como no día da marmota).
Galicia... fogar, doce fogar!!!

Manuel Macou dijo...

O certo é que si. A evolución das especies ten un punto negro en Galicia. Fogar dulce fogar... ás veces.