28 noviembre 2009

Fe de erros (7)

Lembro cando soñaba con formar parte dunha compañía de teatro, moito antes de coñecer as delicias do cine (da montaxe) na Escola de Imaxe e Son. Entón era un actor valente. Moi bon, por certo. Capaz de actuar e dirixir a un nivel extraordinario. Vaia bosta máis gorda. Vése que con menos anos, menos apretan tamén as exixencias e máis xeneroso se é na consideración dun mesmo. Pero o mundo evoluciona cunha arritmia vertixinosa e pasa por riba de nós asoballándonos. O tempo pon a cada un no seu lugar. Carallo, é que é verdade.

Un día empezas a dubidar do teu tamaño. É un xiro doloroso, pero necesario. Aceptas que cunha boca tan pequena non pode comer un o mundo todo e tomas a decisión de falar en voz baixa. Cos pés percibindo o chan por vez primeira, avanzas a tombos nunha dirección, pregando que sexa esta a correcta. Agora pensas moito máis cada paso, se cadra porque agora tamén sintes as pedras do camiño. Crúzaste con xente que pasa voando por enriba de ti acarrexando a súa propia mentira e pisándote a testa ás veces. Extraordinarios.

Admito que soñei con dirixir películas, tamén con actuar nunha compañía. Soñei tantas parvadas que cheguei a esquecer que o que realmente necesitaba eran o cine e o teatro, non esa imaxe amorfa de min mesmo: un home-elefante que se cría Adonis.

2 comentarios:

Capitán Latinoamérica dijo...

Las dosis de realidad suelen ser duras y bien necesarias, y los sueños... sueños son, pero no por ello han de perderse.
Solo hay que aprender a ver las cosas en frio.

Manuel Macou dijo...

Carallo, pois hoxe estou no sitio adecuado. Cerceda: -1ºC (22:00h).

Bromas á marxe... Tes razón: por sorte aínda que un queira abandonar un soño, o soño (que é moito máis fiel a nós) perseguirános día e noite.