01 mayo 2010

Suso de Toro e o can de Culann

Cando o neno Setanta se achegou á casa de Culann, mal sabía que o can do ferreiro, de descomunais dimensións, agardaba por el na porta coa intención de atacalo.

A súa curta estatura e os seus escasos seis ou sete anos non resultaron ser un obstáculo para acabar coa besta.

Malia proeza de saír con vida e en vendo que era o único can que tiña o ferreiro, ofreceuse, humilde, para gardar a casa de Culann ata o momento en que este adquirise outro can.


Así foi como o neno Setanta deu en chamarse Cuchulain (can de Culann), á postre un dos heroes celtas máis importantes.

Ben mirado, a obra de Suso de Toro encaixa á perfección con este pequeno relato.

Un rapaz que empeza a escribir en galego atópase cun can moito máis grande ca el: un panorama literario galego practicamente extinto. Con afouteza loita contra todo ese pesimismo e, igual que fixera Setanta, coa única axuda das súas mans, fire de morte á inercia de menosprezar un idioma que, para máis gravidade, nos é propio.

Malia proeza de logralo, en vendo que publicar é o único xeito de sentar as bases dunha normalidade á hora de utilizar o galego na escrita, decide seguir na xeira ate o momento en que o panorama literario galego atope un can mellor.

Así é como un rapaz que empeza a escribir en galego convértese nun referente para moitos de nós. Agora que Suso de Toro aparcou a pluma, prego por que o espírito de Cuchulain turre por el para que volva. Sobre todo porque seguimos sen can e agora, enriba, sóbrannos os antiheroes.

2 comentarios:

Capitán Latinoamérica dijo...

Todos sabemos que o de ser artista é unha profesión que non se pode abandoar, é algo que se leva por dentro queira un ou non queira.

Así que, cando escoito algún dos artistas que eu idolatro dicir que abandoa, ou que se retira da profesión, eu sonrío e penso para min... hata logo, descansa e vémonos nun ratiño!

Manuel Macou dijo...

Eu tamén quero pensar iso. A historia está ateigada de regresos de artistas. Sexamos optimistas logo.