20 diciembre 2012

Nada

Hoxe recibín un correo moi especial. Falaba de Nada. Nada, parvadas. Cousas absurdas que fan niño nas cabezas das persoas que están tolas.

Quero dicirlle a quen me escribiu que a esa Nada préstalle espertarme cada mañá. Conségueo soprando  lene na miña orella ou brincando divertida sobre o meu bandullo. Sento na cama e apúrase a traerme as zapatillas. "Non collas frío", díme  agarimosa mentres se me colga nas costas. Ás veces, cando o fai, pásame os brazos por diante gorxa tan forte que me quita o aire.

Camiño da cociña, paro no salón para darlle un bico aos dous bichiños que apenas reaccionan, abducidos pola tele. Pregúntanme sen agardar resposta por algo que está a pasar nos debuxos e eu, que veño de levantarme, non sei moi ben que dicir. Para eles estiven todo o tempo, supoño.

Na cociña arrecende a zume recén feito. María pon sobre a mesa tres galletas que manteñen o equilibrio sen esforzo, unhas enriba das outras. E despois outras tres, dispostas do mesmo xeito, un pouco máis aló. "¡A desayunar!" Berra. Doulle un bico. Abrázoa. E ela, que sabe canto a quero, fai como que non me viu agochar esa Nada nun dos petos do pixama e pregúntame que tal durmín. "Así, así. E ti?" "Así, así".

Cando leo ou vexo películas que me recordan o lonxe que viven moitas das persoas que aprecio e necesito, a Nada aloumíñame condescendente ("Tonto!") e pon na miña man un lápis. Entón díctame palabras. Frases con (sen)sentido. E eu, coma un autómata, escribo. Cousas de tolos coma isto.

2 comentarios:

Buenense dijo...

Las personas como tú vencen todos los días la Nada para ofrecer a los demás un Algo y para los más afortunados como yo el Todo.

Manuel Macou dijo...

Mañá fago torradas. Gañáchelas carallo!