16 noviembre 2015

Cuestións (17) / "El gallego es un rollo"

Veño saldar unha conta pendente.

Si. Matábame por dentro escoitar a un neno galego dicir aquilo de "el gallego es un rollo". Estaba convencido de que había de ser un problema de educación. Seguramente ese neno non tiña na casa uns pais que valorasen a importancia dos idiomas, con máis razón o dun propio. Vivía convencido de que necesitaban unha figura materna/paterna (ambas!) que lles lembrase que as palabras son un xeito moi doado de chegar o corazón da xente. E reafirmábame pensando no reconfortante que resultaba para min escoitar o galego cantareiro que temos os da costa, o marcado acento de interior, as mil variantes da palabra porco (cocho, rello, rancho,...).

Non. A educación non é a causante necesariamente. Na nosa familia a nai fala castelán e eu galego (maiormente). Incluso cando falamos entre nós (ela e mais eu) facemos dese cruce de idiomas algo natural. Na gardería falábanlles en galego. Aprenderon a ler e escribir con contos en galego. No colexio ao que van, unha porcentaxe moi alta dos nenos usa o galego o xogar. Nós temos o contorno moi a favor... e iso non impediu que o máis pequeno pense que "el gallego es un rollo".

É un fracaso na educación que está a recibir? Rotundamente non: o camiño non fixo máis que empezar. Pero en calquera caso hai que tomalo como un aviso e tamén como un punto sobre o que reflexionar. Unha cadea de reflexións, para sermos máis exactos:
  • Os idiomas para que serven? Para comunicarnos. Alguén fala, outro escoita, descodifica e comprende a mensaxe. Maxia pura! Pois co galego que eu falo non sucede iso. Cando falo coa xente do pobo non son poucas as veces nas que non me entenden. Por que? Supoño que porque eu empecei a utilizar a nosa lingua no instituto, cando tomei un pouco de conciencia da importancia de poñer en valor os tesouros que un ten para que non se perdan. Polo tanto aprendín o galego "normativo".
  • Que é iso do galego normativo? Pois "un rollo". O galego normativo é unha especie de máquina de Enigma que cambia o código cada pouco tempo: Digo "avó" por "abuelo" ou "beizos" por "labios" (négome soamente a dicir "grazas" por unha absurda ilusión miña de rebeldía). Intento estar á última nos cambios ortográficos e morfolóxicos, pero son tantos e tan frecuentes que me asoballan. Algúns resúltanme directamente infantís.
  • Por qué tanto cambio? Esa pregunta lévanos a outra: Como evoluciona unha lingua? Os mecanismos son diversos, pero en liñas xerais supoño que debería ser unha evolución practicamente imperceptíbel encamiñada a satisfacer as necesidades da comunidade con respecto o idioma (incorporación de termos que abrangan as novas tecnoloxías, asimilación de certos xeitos de falar por comúns e estendidos,...). Pois non. Aquí os cambios dan vertixe: un grupo de iluminados, illados no seu cubil de sabedoría, e sempre en pro da modernidade, toman unha serie de decisións que ocasionan unha ruptura entre o galego-falante de toda a vida (o que leva anos defendendo e divulgando a nosa lingua no seu día día) e o que irrumpe no panorama coa ilusión do que defende unha causa perdida (ti e mais eu).
  • É o galego como idioma unha causa perdida? Non. Pero custa soster unha lingua na que "case todo" está permitido na lingua falada e son innumerábeis as diferenzas con esta na escrita. Aquí prodúcese de feito outra desacougante ruptura: entre o galego que se permite falar e o que se debe escribir. Resumindo: "un rollo".
Acabando deixo caer polo ollo da moa novos grans dos que facer fariña, os preceptos sobre os que se asentan as continuas modificacións lingüísticas*:
  1. (A lingua normativa) ha de ser necesariamente continuadora da lingua falada pola comunidade.
  2. (O galego normativo) ha de ser supradialectal e lograr o maior número posible de falantes (...) que se identifiquen coas solucións acordadas.
  3. O galego común debe seguir as boas tradicións da lingua galega que sexan compatibles coa maneira de ser moderna da lingua.
  4. As escollas (normativas) deben decidirse de acordo cun criterio de coherencia interna, a fin de que o galego común non resulte arbitrario e incongruente.
Cúmprese algún punto realmente?

_____________________
* Todos eles aparecen na Introdución das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (Real Academia Galega e Instituto da Lingua Galega - Xunta de Galicia)

13 agosto 2015

Fe de erros (17) / Librepensamento de redes

Son punk porque digo as cousas ao meu xeito (máis orixinal, máis veces e mellor -máis alto!-). Son o máis punk porque non me trago os teus dogmatismos (cómete o meu se queres rula!). Son punk porque aborrezo as modas (bastante teño con levar o peso de marcar tendencia). Son un enxendro esnob gafapasta, con pau de selfie, silla reclinable, pantalla plana, rato ergonómico (para evitar a síndrome de túnel carpiano), iphone 6 dourado (sabes o que é a exclusividade? mmm que rico...). Sen moverme do sitio premo en gústame e sube o pan (pan!); fago RT e digo WTF in your face (incluso estando só na habitación -por pura convicción, entendes mona?-); actualizo o instagram e uso o blur, o gaussian blur, o vignette; adoro o meu peito rasurado, o meu tupé, a laca (la-ca... ah! ese cheiro que me deixa a produto recén feito lémbrame que son DEUS). Mastúrbome e non, non penso en ti, prefiro recrearme na imaxe que creo que a xente ten de min mesmo. Fantaseo con tirarme a vida. Despréciome profundamente. Despois de todo a morte de DEUS é necesaria.

Son punk, non cho dixen?

P.S. Que fartura, meu...