02 noviembre 2009

Circo e mentiras


Tema: Sad Waltz * Intérprete: Michael Ford

Un circo é unha familia. O lanzador de coitelos traballa coa súa muller. Diana é preciosa. Cando el a ata sobre a area circular, noites de caravana pasan pola súa cabeza. Ela olla cara arriba, a boca aberta da carpa. Polo burato entra un aire fresco que se mestura co abafante alento dos espectadores. Ela fala silenciosa cun deus no que non cre, mais os seus beizos soamente tremen. Recorda. O día de montaxe os artistas descansan. Ela desaparece unhas horas e, preciosa, comparte co mago os caprichos do seu corpo. Unha truca. O seu home, na cociña, deixa a pedra de afiar sobre a mesa. Apreta as mans. Redobre de tambor. O público agarda coa respiración contida. Cos ollos vendados o lanzador acariña o filo metálico dos coitelos. Lanza o primeiro e o aire zoa. Pam. Os outros coitelos caen da súa man e chegan ao chan moito antes de que un berro común inunde o espazo. Coa mirada aínda no ceo ela xa non prega. O lanzador de coitelos tira a venda dos ollos. Diana. O vestido dela muda de cor á altura do corazón. Non é un asasinato, non, pensa. Soamente un accidente laboral. Que chiste tan malo. Os paiasos, detrás do telón, reteñen ao mago que esnaquiza o seu sombreiro de copa. Fin do espectáculo. O lanzador, chorando, corre a desatar a esa preciosidade. A súa muller. E ela... ela ascende cara a boca da carpa, buscando aire fresco.

2 comentarios:

Lucy D dijo...

Simplemente hermoso, Manuel...

MulDR dijo...

Graciñas corazón, as consecuencias de ver Carnivale. Unha serie á altura da mesma Twin Peaks.

E falando de circos... teño ganas de verte :)