20 diciembre 2012

Nada

Hoxe recibín un correo moi especial. Falaba de Nada. Nada, parvadas. Cousas absurdas que fan niño nas cabezas das persoas que están tolas.

Quero dicirlle a quen me escribiu que a esa Nada préstalle espertarme cada mañá. Conségueo soprando  lene na miña orella ou brincando divertida sobre o meu bandullo. Sento na cama e apúrase a traerme as zapatillas. "Non collas frío", díme  agarimosa mentres se me colga nas costas. Ás veces, cando o fai, pásame os brazos por diante gorxa tan forte que me quita o aire.

Camiño da cociña, paro no salón para darlle un bico aos dous bichiños que apenas reaccionan, abducidos pola tele. Pregúntanme sen agardar resposta por algo que está a pasar nos debuxos e eu, que veño de levantarme, non sei moi ben que dicir. Para eles estiven todo o tempo, supoño.

Na cociña arrecende a zume recén feito. María pon sobre a mesa tres galletas que manteñen o equilibrio sen esforzo, unhas enriba das outras. E despois outras tres, dispostas do mesmo xeito, un pouco máis aló. "¡A desayunar!" Berra. Doulle un bico. Abrázoa. E ela, que sabe canto a quero, fai como que non me viu agochar esa Nada nun dos petos do pixama e pregúntame que tal durmín. "Así, así. E ti?" "Así, así".

Cando leo ou vexo películas que me recordan o lonxe que viven moitas das persoas que aprecio e necesito, a Nada aloumíñame condescendente ("Tonto!") e pon na miña man un lápis. Entón díctame palabras. Frases con (sen)sentido. E eu, coma un autómata, escribo. Cousas de tolos coma isto.

13 diciembre 2012

Estrelas Waris para combater o Nadal

Nunha casa con nenos practicamente o Nadal empeza cando remata o verán. Xa entón teñen o albarán cheo de peticións e empezan a desesperar coa "inminente" entrega de regalos.

En datas adobadas con tanta fraternidade desmedida e verdadeiro falso amor desproporcionado, penso que é xusto compartir un antídoto efectivo: as estrelas frikis para a árbore.

O ano pasado a experiencia foi tan boa que este ano comparto con vós esta sabedoría ancestral transformada en modelos para imprimir e recortar. Que o pasedes coma nenos!

DESCARGA OS OITO MODELOS PREMENDO AQUÍ

DIFICULTADE: ★★☆☆    PACIENCIA: ★★★★
TEMPO: ★★★★☆     FRIKISMO

Así quedaron o ano pasado
MATERIAL NECESARIO: Papel, impresora, tixeiras, cúter e táboa de madeira/plástica.

COMO FACELO: Unha vez descargado o arquivo, descomprimímolo (veñen catro imaxes nun arquivo .zip) e pasámolo a papel. Recortamos o círculo (van dous por folio) e pregamos polas liñas ata deixar un so "queixiño". Procedemos coa corta de detalles.

CONSELLOS VARIADOS:
1) Á hora de imprimir non sexades roñosos e imprimide en calidade normal (como mínimo) porque en calidade borrador (que vos coñezo peixes) pode ser que non se vexa demasiado.
2) En canto ao tipo de papel, canto máis fino, mellor é de pregar e cortar.
3) Empezade a recortar os detalles interiores (co cúter) para que a vosa estrela non perda consistencia antes de tempo. Xa que logo, deixaremos para o último os bordes (e algúns poden ir cortados a tixeira sen problema).
4) Traballade nun sitio con boa luz.