Mostrando las entradas con la etiqueta Aurora. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Aurora. Mostrar todas las entradas

08 febrero 2013

Aurora

Xénero: Dramedia
Duración: 15 minutos
Formato orixinal de gravación: DV PAL
Ano Gravación: 2008
Ano Produción: 2011
Reparto: Xúlio Abonjo, Mª Ángeles Prieto,
Camila Bossa, Antonio Mourelos, Abi Buceta
Banda Sonora Original: Rodrigo Guerrero.

AURORA

Pido desculpas ao audiovisual galego por sentirme orgulloso deste fillo imperfecto, tan cargado na súa orixe de boas intencións.

10 mayo 2012

Manuel de Bueu, que fai curtas

Éncheme de orgullo e satisfacción... Tranquilos, non me carguei ningún elefante.

A nosa Aurora foi seleccionada para competir no festival galego de curtas por excelencia, o IX Festival de Cans (Porriño). Se asistides á inauguración do festival (23 de maio -non se precisa entrada-) ou á proxección (26 de maio -con entrada-) por aló andaremos.



Ademáis estamos con Aurora a concurso no Festival Angelika Cinema Lounge (Madrid).

A presentación da curta correrá a cargo de Alber Ponte, e aquí dan premio do público asistente. Así que se andades desocupados por Madrid o día 16 de maio ás 21h, non vos cortedes e asistide para votarnos (aínda que a curta non vos guste un carallo). Necesitamos pelas para facer outra carallada audiovisual e non podo saquear novamente á miña muller (que non me deixa nin sacar o tema). Non vos cortedes e pasade a información aos vosos contactos, seguro que algún vive en Madrid.



Graciñas aos que co voso esforzo, traballo e comprensión axudáchedes a que hoxe sexa un home feliz.

17 marzo 2012

"Calmar el alma"

Empecei Las Montañas del Olvido de J.J.M. Veiga e, ao momento, viñeron a min as mesmas sensacións que ao ler Dune de Frank Herbert, ou ao ver por primeira vez o Episodio IV de Star Wars. Esa cousa de estar ante un universo totalmente descoñecido que se vai explicando por si mesmo a medida que se desenvolve a historia.

Non nos espetamos contra unha gran parrafada inicial destinada ao lector, coa fin de contextualizar o espazo e o tempo. E iso encántame. A orde dese novo mundo, o xeito de convivir as moitas especies que o poboan (as opinións que teñen unhas doutras...), as relacións político-militares, dedúcense a medida que cotilleamos nos diarios que tecen a novela. Obriga a unha lectura activa e, señores, como gusto diso!

Se cadra, o único punto na contra é o de contar cunha gran cantidade de personaxes e localizacións interrelacionados. Cousa que dificulta por momentos a tarefa de ubicalos dentro dunha historia que, como dixen, se nos mostra en fraccións a través de diarios.

Subir Las Montañas del Olvido non foi un camiño doado para min (houben de sortear os obstáculos da miña visión dobre). E, así a todo, foi un placer ler. Mérito da novela, como non.

Para amantes das escaramuzas militares, da Natureza, da Filosofía e da boa Literatura en xeral.

Como di o cabrón de Kalmarsiam: "La vida puede ser corta o larga, pero siempre, si uno pone todo su empeño, tenemos un tiempo para aprender de los errores, otro para añorar la venganza y finalmente un momento para actuar y calmar el alma." Graciñas por calmar a túa escribindo.

Fotograma da nosa curtametraxe Aurora, cos tres referentes
literarios
do protagonista: Bob, Suso e Juan

31 diciembre 2011

Obituario de asuntos pasados

Ampliar para ver as miñas estrelas frikis
Este foi o ano no que Aurora se levantou e andivo; da chegada de Sexyboy (mátasme con eses ollos! vamos queimar Vigo xuntos meu!!!); o ano da familia emigrada en terras alleas; da calma chicha en Cerceda; dos cambios nos máis cativos da casa; dos proxectos que se farán o vindeiro ano; dos amigos conservados e os novos atopados; das crises existenciais varias; do desprendimento parcial de retina; da Terbutalina; Klaus & Kinski; El Árbol de la Vida; Juego de Tronos; American Horror Story; e esa tenda tan chusquiña de comics en Santiago de Compostela.

O vindeiro ano é unha páxina en branco e preciso da vosa axuda para escribir unha boa historia! Boa entrada no 2012!!!

21 julio 2011

Esa hora do día que tanto me gusta

Por unhas razóns ou outras, pasados dous meses da súa preestrea en Bueu, volvín a ver Aurora.

Non sei. Agora que xa non teño ese medo do que dirán (porque todo o que se dixo foi máis ou menos bon) son quen de percibir con máis claridade todo o positivo que hai nela.

Lonxe de ver un traballo perfecto, son quen de intuir boas intencións detrás das moitas debilidades e, ao fin, penso que iso fai máis grande a nosa pequena curta.

Aurora serviu de ponte cara un traballo máis personal e profundo e conectoume con xente coa que comparto paixón e inquedanzas. Achegoume un pouco máis a Juan e Patrís (aos que xa tiña moito cariño) e tamén a outros amigos e familiares que viron as súas vidas retratadas (dun xeito ou outro) ao longo dos nosos quince minutos de imaxes en movemento.

Con sinceridade? Volvín a ver Aurora e cada vez gústame máis. Ese poso que deixa con cada novo visionado é un valor que non teñen moitas pezas. Aínda menos, claro, as propias. Sobre todo para alguén tan (auto)crítico e perfeccionista coma min.

Ogallá non se perda o bo gusto...

__________
P.S. Graciñas Abi por emocionarme coa túa voz durante a gravación, durante a edición e en cada visionado...

03 junio 2011

Durmir coa Gadaña na cabeza

Déitome coa Morte e levántome máis vivo.

Nas últimas semanas compaxino a busca de certames aos que enviar a nosa Aurora, coa escritura compartida do primeiro borrador de "A Hora da Gadaña".

Este proxecto curtametraxe parte dun interesantísimo relato curto de J.J.M. Veiga co mesmo título (La Hora de la Guadaña), e confirma que os encargos tamén poden chegar a posuirte ate facerte seu.

Polo momento traballar man a man co propio escritor (e amigo) está a ser unha experiencia estimulante, nova, enriquecedora. Sobre todo porque Juan móstrase aberto ás posibilidades que a súa propia historia posúe (máis aló do valor innegable das letras).

Pasiño a pasiño, soño con que fagamos realidade a temible Hora da Gadaña.

Para coñecer un pouco máis o Planeta Veiga: http://tlantia.elplanetaperdido.com/

29 abril 2011

Pre-estrea de Aurora

Día: 7 de maio de 2011
Lugar: Centro Social do Mar (Bueu)
Hora: 20.00h


A sorte de Aurora está botada.

23 marzo 2011

O amencer nas nosas mans

Onte quedei con Martin en Coruña. Por fin temos todo o material de Aurora á nosa disposición. Foi un proceso longo de máis, duro de máis. Estou certo de que isto non pode ser así cada vez. Entre outras moitas cousas porque teño colaborado noutras producións e isto ás veces non é así. En fin, agora hai que aprender dos erros e sacar o DVD. Hai que ensinala. Espero facelo en poucas semanas.

O gracioso de todo isto é que non debín padecer tanto se necesito meterme noutra curta. Díxenllo a Martin: Teño que degustar o proceso de novo e quitarme este sabor a fresa áceda.

Destes dous anos de proceso intermitente haiche moitas lecturas positivas que sacar, pero sobre todo gústame pensar que serviu de escusa para non perder contacto co propio Martin. Obligármonos (doce obriga) a ir ao cine de cando en vez; escoitar as súas teimas, sempre estimulantes; asistir ao concerto dos Mamá Ladilla; as conversas sobre isto e o outro, antes de coller o coche; unhas risas en Shakespeare para ignorantes de Mofa e Befa; tirarlle das orellas para que medre dun raio dunha vez e poña todo ese talento a disposición dunha produtora...

15 marzo 2011

Caídos

En tódalas guerras, tamén na que nos mete de cabeza nunha curtametraxe, van caendo pezas (moitas delas vitais) como danos colaterais do propio proceso.

Durante a gravación de Aurora, un dos momentos máis dolorosos foi aceptar que tiñamos que aparcar esta secuencia, unha das preferidas da miña irmá (tamén das miñas), por mor dun nefasto erro de planificación.

"Pico" non chegaría a darlle vida ao noso entrañable Gaspar. Nin que dicir ten que ao tempo que defraudamos a un grande como Xosé Manuel Olveira "Pico", defraudámonos a nós mesmos, quedando como verdadeiros afeccionados xogando a un xogo que nos viña grande.

Síntoo por "Pico", por Aurora, por min mesmo e tamén polo verdadeiro Gaspar. Por iso, agora que a curta xa ten pé e medio no chan, vexo importante compartir este fragmento* da historia que non veremos en imaxes:

___________________

* Respéctanse neste fragmento os idiomas utilizados no orixinal.

01 febrero 2011

Macou contra o zombie

Moi ben Macou (excelente-fetén), dous anos para facer este croquis de gardería:

Retoque final dun dos planos da zombificada curtametraxe Aurora

Algo máis de 730 días para facer un par de borrados de sonidista e micro en plano fixo; máscaras de torso, brazo, cabeza, plumas, nariz e boca; e un desenfoque gaussiano no fondo que vai cambiar o amigo Martin por un desenfoque "guaissiano" que simula ao de cámara. Hai ou non hai talento en Galiza? Cagho na vida... Hai que ir morrendo.

Aurora, coming soon (soon? hahahaha).

18 septiembre 2009

Tragando area

Teño a necesidade de saír deste dique seco.

Hai meses que debo re-dixitalizar Aurora e non lle atopo o momento. Unhas veces é a vida mesma e outras a desidia as culpables de que a día de hoxe o proxecto se atope no mesmo semáforo en vermello que estaba onte.

E a situación tenche as súas consecuencias. As máis inmediatas son a ansiedade e o bloqueo. Síntome incapaz de escribir nada novo mentres Aurora non cobre vida definitivamente. É unha sensación como de estar retendo a respiración a moitos metros de profundidade, baixo o mar, cando hai xa varios segundos que non aguanto máis. Teño a certeza de estar defraudando aos que se deixaron a pel na rodaxe e son demasiado frecuentes as noites nas que me acompañan os soños repetitivos de guións patéticos xa descartados.

Co cambio de vivenda deixei atrás unha cidade que me activaba con cada pintada, con cada conversa anónima, deixei atrás ecos de coches e a inercia de escribir para contalo. Perdón.

11 julio 2009

Martin e a habilidade (Amor/odio)

Martin mantén coa súa habilidade instinctiva para crear pequenas xoias unha relación de amor/odio que ben debera caer do lado do amor. A Martin pásalle coa súa habilidade o que a nós (xente de costa) co mar: a forza de velo aí, acabamos por pensar que non é maís que auga salgada. É un clásico que teña que vir alguén do interior a lembrarnos, coa boca desencaixada, a inmensidade dese azul marino.

Cada vez que vexo un traballo de Martin DeSoto pregúntome por que non se atreve a facer (con tempo) unha curta/longametraxe de animación. Crédeme, necesitamos que alguén como Martin se atreva a despoxar de toda inocencia aos "recortables" nunha das súas historias.



Este breve tesouro que artellou para nós é a intro de animación de Teatro Scaenae. Inspirada na tradición europea de teatros de papel e utilizando ademáis a imaxe do primeiro trávelling (filmado por Billy Bitzer no metro de New York en 1905).

Enorme. Graciñas.

31 mayo 2009

Aurora (o son, a imaxe, o texto)

Agora que pasou unha semaniña dende que colguei o trailer de Aurora, pódovos contar tres curiosidades respecto deste:

O SON
O clarinete que soa ao principio, sobre o crédito "unha produción Teatro Scaenae", é o clarinete de Elena Bangueses. Cabe a posibilidade de que así dea comezo tamén a curta.

A IMAXE
Ao final do plano da rúa (por detrás de Camila Bossa) aparece María levando no carriño a Aldara.

O TEXTO
A frase: "Isto é unha merda, non comprendo nada" que di no plano final Mª Ángeles Prieto, dixéronma a min hai algúns anos (non tantos). Foi a primeira crítica que recibín dun guión de curtametraxe. Está aí para lembrarme o duro que é dar cada paso (porque o certo é que te expós en cada cousa que amosas) e tamén como guiño a Martin (que durante os nosos anos de traballo en Baía Fracaso fartouse de repetirma).

16 mayo 2009

Aurora (Trailer)

Ás veces a Historia escrita con letra pequena, agocha vidas como a de Aurora. Pronto poderemos compartila:

AURORA TRAILER



IMPORTANTE: Recordade que podedes ve-lo trailer con toda a calidade premendo no botón HQ no reproductor do YouTube

29 abril 2009

Zapatos novos

Coa excitación dun neno con zapatos novos, agora que podo compartir arquivos sonoros, déixovos esta pequena peza. Entre risas, hai xa algúns meses, fixemos en Atalaia (Cangas) esta versión do "Amiga, namorado vou" de Amancio Prada (entre outras tolemias).


Clarinete: Elena Bangueses * Violín: Ana Bangueses

18 abril 2009

Cuestións (7)

[Nota mental: Resístome a aceptar que hoxe é día 18...]

Hai xa varias de semanas que quero compartir a inmesa Banda Sonora que creou Rodrigo Guerrero coa axuda de Il Prologo: Salvador (clarinete), Raúl e Annalisa (violíns), David (viola) e Eva María (violoncello).





Tema: No teatro (Instrumental) * Compositor: Rodrigo Guerrero * Intérprete: Il Prólogo


Aquí vos deixo un dos temas que sonarán en Aurora. Escollín esta peza polas dificultades que tiveron na gravación e o magnífico resultado final (pese a todo).

E é que construímo-la casa polo tellado. Forzamos a Rodrigo a que adaptase o tempo da súa composición ao "anárquico" tempo da rodaxe (cando deberiamos ter definido o fragmento musical previamente e rodar despois con referencia del). Graciñas polo esforzo. A vosa (nosa) música fará moito máis grande unha curta tan pequena.

[Nota mental: Confirmado. Hoxe é día 18. Queda tanto por facer...
Mellor non pensar. Láiome lembrando aquela canción que di:
"¿Quién me ha robado el mes de Abril?"]

--------------------------
P.S. Desculpas polo mal funcionamento do reprodutor pero era por mor do servidor gratuíto de Microsoft onde tiña aloxado o arquivo de audio. Agora estou utilizando o Dropbox. Espero que o problema quedase resolto.

09 marzo 2009

Autorretretetour á galega

Foto guarra (como o son dos Mamá Ladilla) sacada por Martin DeSoto

O pasado venres e (seguramente) mentres Rodrigo Guerrero durmía a noite antes da gravación da Banda Sonora de Aurora, eu rompía os meus case catro anos de voluntario confinamento (omitindo varias fugas ao cine que non contan) para ir de concerto. Os Mamá Ladilla, dentro do seu Autorretretetour, pasaron por Coruña. Bendita ocasión para acabar cunha promesa de clausura, por estúpida que esta sexa.


Moita culpa ten o señor DeSoto que me chamou, se cadra movido polo mesmo sentimento que fixo que eu aceptase: a nostalxia. Atrás quedaron aqueles días laborais no Polígamo de Pocomaco baixo a amenaza dun centenar de bombonas de butano a piques de estourar, o son coral de varias radiais e o monográfico musical a cargo dos Ladilla na cabina de montaxe (tan só interferido por algunha banda sonora de Morricone, Zimmer e algunha que outra conversa cinéfila).

A dúas ou tres xeneracións conseguiron facer saltar os Mamá Ladilla durante unhas horas. Foi un bo concerto, como lle dixen á saída a Martin, pese a (ou gacias a) o nefasto son da Sala Mardigras. Poida que se botase en falta algún tema como Acoso sexual e tamén a uns Mamá Ladilla un pouco máis irreverentes, pero se cadra é certo que os anos non pasan en balde.

Resumindo, que parezo galego: pagou a pena pecar.

19 febrero 2009

Melodía para un silencio

Case non podo crer que 120 días (semella unha condena) nos separen da publicación da foto de equipo de Aurora. Está claro que a postprodución manexa outros tempos. Empecei a decatarme do paso dos días cando, a semana pasada, o meu padriño me tirou das ourellas pedindo información da curta. Despois virían as queixas de Martin e algunha outra anónima.

A idea de compartir a evolución de Aurora adiviñábase mais atractiva (para o que le) durante a fase de preprodución. A propia incertidume da realización da curta é (cruelmente) atraínte en si mesma.

A rodaxe posiblemente daría tamén moito de que falar, pero teño certa prudencia (respecto) á hora de xulgar o acontecido neses días porque, por unha banda, todo vai vertixinosamente rápido e pola outra, o que dirixe é o que menos se entera do que en realidade está a pasar. En canto a min, podo dicir que polas noites preguntábame quen carallo me mandaba meterme nestes líos (gracias María por prestarme as túas orellas), mentres polo día loitaba inutilmente por aparentar tranquilo e manter na miña cabeza unha idea suficientemente clara de Aurora, sen deixarme arroiar pola falta de tempo e as tensións propias dunha fin de semana de traballo duro. Nese sentido agradezo profundamente a axuda e comprensión de todo o equipo. Aprendín tanto desta rodaxe...

Durante a fase de montaxe (que ocupou os últimos meses) martiricei a varias persoas co visionado de Aurora. E digo martiricei, porque non hai crueldade maior que mostrar a alguén un producto sen acabar e cheo de desaxustes. Privalo dese primeiro (e tan importante) visionado. Pido desculpas, claro, pero é un proceso necesario. Agradezo cada un dos comentarios/críticas ao igual que o agradecerán aqueles que cheguen a ver Aurora cando sexa un algo completo e, agardemos, un algo redondo.

O traballo do fondo sonoro de Aurora (ademáis do que Plof está realizando pola súa conta) iniciou coa gravación duns ensaios de clarinete con Elena (con acompañamento no violín de Ana). Esa fin de semana improvisamos en Cangas unha sala insonorizada con dúas mantas e unha escaleira. Lembroume ao que Pablo e Juan Fixeron para a terceira das nosas curtas: Nai que non fuches. O resultado foi mellor entón, pero pasámolo de medo e liamos a toda a familia para face-lo ganso. Foi realmente divertido.

A incorporación de Rodrigo Guerrero (compositor) hai un par de semanas, supón para mín e para Aurora (por descontado) una apertura. Rodrigo devolveume ao punto de partida e, gracias á súa música, volvín a visitar cunha mirada máis cargada de sentido (de sentimento) cada un dos espazos que tantas veces percorrín durante a montaxe. O seu traballo xoga coa melodía (tamén coa súa ausencia) de xeito que agora, esos silencios que xa estaban en Aurora pasaron a formar parte tamén da Banda Sonora. Máxico. Así é o traballo de Rodrigo.

Teño tantas ganas/medo de amosar a Aurora... Xa quedou máis.

_______

Foto1: Rodaxe de Aurora (coche de Fe) / Foto2: Gravación do off para Nai que non fuches (Luis Iglesia)

16 octubre 2008

Foto de Equipo

Esta é a foto do equipo de rodaxe, pero non me quero esquecer dunha das persoas que axudou a que Aurora tivese o tremendo reparto que finalmente ten: Xurxo Mares (Director de Casting). Graciñas Xurxo pola túa implicación e polo acerto das túas propostas.

Na fotografía de Pablo Carballeira (de arriba a abaixo e de esquerda a dereita):
Fila superior:
Roberto Chico (Axudante de Dirección), Fernando Dans (Fotografía)
e
Martin DeSoto (Efectos Especiais)
Segunda fila:
Xúlio Abonjo (Actor), Laura Fernández (Axudante de Produción), Abi Buceta (Actriz e Vestiario/Perruquería), Mª Ángeles Prieto (Actriz), Fé Cortón (Xefa de Produción)
e
Elena Varela (Axudante de Produción)
Fila de abaixo:
Pablo Carballeira (Foto fixa), Manuel Macou (Director), Encarna Alonso (Script e Axudante de Dirección), María García (Actriz e Productora Executiva) e Alfonso Camarero (Son)
No monitor:
Camila Bossa (Actriz) e Antonio Mourelos (Actor)

Faltan nesta foto outros rostros como o de Andi e Esther (Atrezzo) e Lois (Reforzo de Produción).

28 septiembre 2008

Aurora: Deuses e Monstros

Deseño de Martin DeSoto

Con Aurora buscabamos un paso adiante. E se cadra démolo. Pero toda evolución ten o seu prezo. E no caso de Aurora o custe non é pequeno. Durante toda a fin de semana pasada lembreime do monolito de 2001: unha odisea espacial.

Nunha rodaxe chea de atrancos sentinme en algúns momentos perdido (non estou moi habituado a improvisar) pero por sorte contei cun reparto que sumou todo o rato e aportou a sua experiencia para suplir algunhas das nosas carencias e aguanta-lo trebón nos momentos difíciles.

Tiven, estes días pasados, ocasión de visionar o gravado e o certo é que ao principio non acadaba a entender como puido ser unha rodaxe tan dura. O aspecto das imaxes é formidable e os actores están a uns niveis de realidade que vos emocionarán e que a min énchenme de orgullo.

Aprendimos moito dos acertos e (sobre todo) dos erros. Nese sentido e moi ao meu pesar, teño que destaca-la lección de profesionalidade que nos deu a todos Xosé Manuel Olveira "Pico" e que deixou ao descuberto que a pesares da nosa aposta polo xiro cara o profesional (se cadra incluso na boa dirección), seguimos sendo uns novatos. As miñas máis sinceras desculpas, amigo.

Agora quédanos confirmar coa montaxe que temos unha boa película e armar todo cun bo son e banda sonora. Como dixo un amigo ao que lle confesaba o día antes da rodaxe que o cámara era os meus ollos e polo tanto unha peza fundamental para conta-la nosa historia: "Coida ben da vista, mais non descoide-lo oído." Seguiremo-lo seu consello.