29 agosto 2011

Cousas perdidas polo planeta adiante

Gústanme os sitios que axudan a mirar dentro do cotiá e valorar os matices que normalmente pasan desapercibidos.

Ao día seguinte de ler o "más graffiti" publicado en El Planeta Perdido, din con este recuncho. Curiosamente levaba máis dun mes pasando por diante. Dúas veces ao día, cinco días á semana para sermos exactos: camiño de Santiago e de volta a Cerceda.

Hoxe, un par de semanas despois, tiven un momento de acougo e decidín deter o coche para tirarlle unha foto. Case sen dacatarme, demorei un bo rato diante do mural, coa porta do coche aberta e algún dos temas do Tierra trágalos de Klaus & Kinski sonando de fondo. Foi o momento especial do día e un bo comezo para unha semana que se adiviña esgotadora.

11 agosto 2011

Desexos (7) / 11 de Agosto

Brindo con aqueles familiares, amigos e descoñecidos que consigan atopar un pretexto para que o 11 de Agosto non sexa un día máis no calendario.

DE MÚSICA LIGERA - SODA STÉREO


Emprego este tema porque un 11 de agosto, hai 52 anos, naceu o gran Gustavo Cerati. Músico e produtor arxentino, voz e parte indispensable de Soda Stéreo.

Pese a seguir na coma pasado un ano do seu accidente cerebrovascular, seguimos desexando que un día abra os ollos e transforme toda esa oscuridade que agora o rodea en novas historias musicais. Mentres, escoitaremos unha e outra vez a súa música lixeira (nada máis queda).

04 agosto 2011

Fe de erros (9)

Hai xente que pensa que escribo neste blog ou fago curtas movido por algún tipo de paixón. Ben pensado sería bonito, porque tinguiría de certo romanticismo todo o feito e iso animaría ao lector ou espectador a desculpar as miñas torpezas.

Nada máis lonxe. O que primeiro turra por min é a necesidade. A cousa esa de mostrarme como son, coa esperanza de que alguén se apiade e diga: Macou éche así, un rariño, pero tampouco é tan mal tipo despois de todo. Porque ser ovella negra está ben (non renego delo), máis de cando en vez un precisa ser simplemente ovella. Non sei se me explico.

Na última noite, falando con Crunia na praia, din en pensar que será desas historias xa escritas que xamáis verán a luz. Invertín tanto tempo deixando nelas pistas sobre quén é un! E total para nada, porque acabarán no lixo ou cun formateado rápido.

Imaxino todo o que non farei, o que non chegarei a ser, e sinto vertixe. Cantaba Silvio Rodríguez: " (...) Para pretender, el mundo es largo. Para conformarse, se ha inventado el jamás."

Nestas últimas noites, qué demo, disipo "a necesidade" afundindo as miñas patas negras na area e vendo como outros chegan a onde eu non alcanzarei. Ti enténdesme.