Mostrando las entradas con la etiqueta Recomendo. Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas con la etiqueta Recomendo. Mostrar todas las entradas

27 febrero 2016

Zombis a esgalla

Zombis no meu Peto (Zombie in my Pocket -ZimP-) é o exitoso xogo gratuito de Jeremiah Lee. En principio está deseñado a modo de solitario (aínda que hai Escenarios especiais que permiten xogar a dous). E o mellor de todo é que só tes que imprimilo e... ¡listo!

Duración de cada partida: entre 5 e 20 minutos.

Pero entón, ¿que podemos aportar para lanzármonos neste 2016 a facer una reedición do xogo?
  • Novo deseño da portada.
  • Novo deseño e contido das Cartas de Evento:
    • Novos textos adaptados para que resulte máis doado xogar a outros Escenarios.
  • Novo deseño das Fichas:
    • Novas iconas.
    • Novas fichas: Cerebros para contabilizar a Cordura; unha Pá necesaria nun dos Escenarios.
    • Novas traseiras que permiten facer fichas dobres (Personaxe Humano/Zombi; Caixas de Subministros e Alimentos)
  • Revisión e adaptación de tódalas traduccións ao castelán para esta versión (inclúe o Manual Básico e mailos 5 Libros de Escenarios)
  • Un escenario inédito no Libro de Escenarios III por Manuel Macou (A Noite da Vingaza Zombi).
Contido deste PDF: 1 Manual; 5 Libros de Escenarios; 9 Cartas de Evento (Frontais e Traseiras); Losetas e Fichas (Frontais e Traseiras); 1 Caixa personalizada.


Créditos:
Deseñador do xogo: Jeremiah Lee (dadidea@gmail.com)
Deseño gráfico e maquetación orixinal: Kwanchai Moriya (kwanchaimoriya@gmail.com)
Deseño desta edición: Teatro Scaenae (muldr.silencio@gmail.com)
Tradución orixinal do Manual: Fran F. G. (http://tetocajugar.blogspot.com)
Tradución orixinal de cartas e losetas: mrKaf (http://www.boargamegeek.com/user/mrkaf)
Revisión das traducións: MulDR de Melk (muldr.flanagan@gmail.com)
Material extra: Eduardo Hernández (http://www.casadeedu.com).

10 enero 2016

Rol para nenos

Ultimamente recuperei o gusto polo rol da man dos meus pequenos. Todo empezou coa lectura de Magissa, Juego de Rol para niños, creado por Edanna.

Un sistema de xogo moi intuitivo que permite combinar con gran facilidade as partes narrativas con aquelas outras de acción pura e dura con dados. E todo isto sen que os nenos teñan que saber ecuacións de segundo grao para logralo. Se saben os números do 1 ao 6, saben xogar a Magissa.

Con esta premisa, decidinme a adaptar este sistema a unha ambientación que lles fose familiar aos meus pequenos: os debuxos animados. Centreime concretamente en Bob Esponja e o seu Fondo de Bikini.

O resultado teño que dicir que foi do máis satisfactorio. Xa levamos dúas partidas e todo apunta a que caerán moitas máis.

Comparto con vós o Manual Básico do Absurdo e Refrescante Xogo de Rol e agardo que, grazas a el, poidades introducir aos vosos cativos no fantástico mundo do rol. Calquera comentario será ben recibido.


08 agosto 2014

Créditos finais

Hai xa máis de dez anos que escribín "La Maraña" e esta segunda abordaxe ao guión longo foi menos doloroso. En menos tempo do esperado cheguei aos créditos finais. Axudou o feito de traballar cun material de orixe inmellorable (a novela inédita de J.J. Míguez Veiga); tamén os consellos literarios de Álex e Borja (o sistema de tarxetas realmente funciona!!!); o apoio dos máis achegados e, por qué non dicilo, a necesidade que chama tódolos días á porta de moitas familias como a miña.


Agora empeza o bo: partirme a cara por defendelo. E non determe aquí, empezar outro (agora que a engranaxe volve a estar operativa).

21 septiembre 2013

Trampoline - Motivations

Trampoline, co seu Motivations, achéganos unha proposta atmosférica e inspiradora, no sentido menos relambido da palabra. Gústame a música que transporta a quen a escoita a outros lugares/tempos, que axuda a que voe a imaxinación. E iso precisamente é o que pasa con Trampoline.

Neste traballo case todo suma. De feito son moitos os ELEMENTOS A FAVOR:
  • As letras, xa que as envolventes melodías van acompañadas dun potente discurso con acenos poéticos.
  • Os seus tres compoñentes redondean definitivamente este proxecto: o virtuosismo de Marcos Rivera coas guitarras, banjo e facendo as segundas voces; a voz de David Tizón, cunha tesitura e interpretación que axudan a acadar esa atmósfera da que falaba; a incorporación de Iago Fernández, que co seu traballo na percusión convértese nunha das melloras máis salientables con respecto ao EP "Fog".
  • En si mesmo, Motivations é un disco que aguanta unha escoita "aleatoria" porque non ten un solo tema de "recheo".
  • A proxección do grupo é prometedora. Un claro exemplo foi o tema propio, inédito, que compartiron cos que nos achegamos ao seu concerto na Banda do Rio. Unha pequena mostra do contundente material que está por vir (cando aínda andaban cos menesteres de presentar este disco).
Os seus HANDICAPS poderían ser:
  • Co pulo que está acadando ultimamente a música "indie" e sendo da nosa terra poderiamos caer na tentación de pensar que "deben ser un grupo máis facendo música alternativa", cando a realidade é ben distinta e a personalidade de Trampoline faise evidente en cada tema.
  • O uso do inglés nas súas letras poderíase converter nunha barreira no directo, xa que o suposto "nivel medio" do que goza este país está moi lonxe da realidade. Axudarían a salvar este "obstáculo" breves presentacións dos temas.
  • Que da súa música en directo, por ser íntima e personal, trascenda unha errónea idea de "elitismo" e pareza quedar reservada para o disfrute dos seus tres membros. A aportación de David neste campo é vital, porque a complicidade co público é necesaria. De feito a min este grupazo gañoume completamente no seu concerto acústico ao pé da Praia de Lagos. E aquí me teñen aínda, entregado á súa causa.
E para que se vexa que non vendo fume, aquí tedes o seu traballo:

16 octubre 2012

Fe de Erros (14) / Aldebarán

Antes de adentrarme en Betelgeuse (de Luiz Eduardo de Oliveira -LEO-), releo no texto dalgunha das viñetas de Aldebarán (Primeiro Ciclo). Un calofrío percorre o meu corpo ao facelo.

Reflexión do Senador Lopes, falando coa súa filla Gwen
crúa realidade que vivimos, ás veces atópase magnificamente representada en lonxanos mundos imaxinados como Aldebarán.

P.S. Graciñas Juan, por deixarme os libros, o teu novo libro, pola amizade.

22 agosto 2012

You Know Where I Am

Din que para conseguilo, hai que perseguilo.

É paradóxico valorar sequera un cambio de sector, cando un defende a profesión (penso) con entrega e dignidade. Así que intento reafirmarme en cada edición, poñer cariño en cada fundido e encadenado; e intentarei seguir realizando dez cortes no plano, por cada vez que escoite que todo está moi mal e vai a ir a peor.

Polos amigos que fun facendo nestes anos; pola xenerosidade de quen colabora nos proxectos propios; polo risco dalgúns traballos; pola liberdade á hora de editar e o reto de conseguilo do mellor xeito posible; por esa chamada de quen pensou en min como profesional; por todo iso sigo adiante e hoxe teño o pracer de compartir o trailer de You Know Where I Am, a nosa primeira aventura curta intercontinental.

Un trailer que non sería o mesmo de non asistir, o pasado 11 de agosto, ao concerto de Trampoline en Bueu. Dende entón teño o convencemento de que este grupazo fai boa música, bos directos e (para mostra un botón) magníficas bandas sonoras. Graciñas pola vosa disposición.


YOU KNOW WHERE I AM (TRAILER)

12 agosto 2012

Trampolineando

Empezar un novo ano trampolineando. Non existe ecuación de resultado máis exacto.
Música especial + familia + reencontro con amigos dos de sempre = concerto redondo.

Trampoline deu un paso acertado ao incorporar a batería
No chiringo de Alex, aos pes da praia de Lagos, Trampoline engadiu máxicos matices a unha das paixases máis fermosas de Beluso.

Momento "coche negro, en dobre fila, sonando en fa sostido"
A estes tres artistas deséxolles que degusten o feito de ir paso a paso. O primeiro xa está conseguido, chegar á xente e atrapala coa súa atmósfera musical. Agora hai que ir a polo disco, para que Sufjan Stevens poida versionarlles algún tema no seu vindeiro concerto. E despois xa se irá a pola Lúa e a conquista interplanetaria.


A súa páxina en Facebook: https://www.facebook.com/trampolinemusic

04 julio 2012

Fóra de contexto

O vigor das palabras soamente o dicta o tempo. Remexendo no meu "cerebro externo", un caixón desastre no que gardo aquilo que me parece importante, atopo un recorte do xornal, cunhas letras escritas hai anos por Fátima Chamadoira, autora de "Sin el permiso de Dios":

Frase de Fátima Chamadoira extraída do Faro de Vigo

Unha sentenza que, sacada fóra de contexto, encerra todo o que a min me motiva a achegarme a outros para ler, ver e/ou escoitar. E finalmente empúrrame a crear eu mesmo.

17 marzo 2012

"Calmar el alma"

Empecei Las Montañas del Olvido de J.J.M. Veiga e, ao momento, viñeron a min as mesmas sensacións que ao ler Dune de Frank Herbert, ou ao ver por primeira vez o Episodio IV de Star Wars. Esa cousa de estar ante un universo totalmente descoñecido que se vai explicando por si mesmo a medida que se desenvolve a historia.

Non nos espetamos contra unha gran parrafada inicial destinada ao lector, coa fin de contextualizar o espazo e o tempo. E iso encántame. A orde dese novo mundo, o xeito de convivir as moitas especies que o poboan (as opinións que teñen unhas doutras...), as relacións político-militares, dedúcense a medida que cotilleamos nos diarios que tecen a novela. Obriga a unha lectura activa e, señores, como gusto diso!

Se cadra, o único punto na contra é o de contar cunha gran cantidade de personaxes e localizacións interrelacionados. Cousa que dificulta por momentos a tarefa de ubicalos dentro dunha historia que, como dixen, se nos mostra en fraccións a través de diarios.

Subir Las Montañas del Olvido non foi un camiño doado para min (houben de sortear os obstáculos da miña visión dobre). E, así a todo, foi un placer ler. Mérito da novela, como non.

Para amantes das escaramuzas militares, da Natureza, da Filosofía e da boa Literatura en xeral.

Como di o cabrón de Kalmarsiam: "La vida puede ser corta o larga, pero siempre, si uno pone todo su empeño, tenemos un tiempo para aprender de los errores, otro para añorar la venganza y finalmente un momento para actuar y calmar el alma." Graciñas por calmar a túa escribindo.

Fotograma da nosa curtametraxe Aurora, cos tres referentes
literarios
do protagonista: Bob, Suso e Juan

31 diciembre 2011

Obituario de asuntos pasados

Ampliar para ver as miñas estrelas frikis
Este foi o ano no que Aurora se levantou e andivo; da chegada de Sexyboy (mátasme con eses ollos! vamos queimar Vigo xuntos meu!!!); o ano da familia emigrada en terras alleas; da calma chicha en Cerceda; dos cambios nos máis cativos da casa; dos proxectos que se farán o vindeiro ano; dos amigos conservados e os novos atopados; das crises existenciais varias; do desprendimento parcial de retina; da Terbutalina; Klaus & Kinski; El Árbol de la Vida; Juego de Tronos; American Horror Story; e esa tenda tan chusquiña de comics en Santiago de Compostela.

O vindeiro ano é unha páxina en branco e preciso da vosa axuda para escribir unha boa historia! Boa entrada no 2012!!!

30 septiembre 2011

Fe de Erros (11) / Tralas Luces

Títulos como Tralas luces, son un gancho directo na queixada daqueles pailáns travestidos de eruditos que insisten en atopar todo o bo alén das nosas fronteiras.

Préme sobre a imaxe para visitar a páxina oficial da película
Un documental sensible e atmosférico con personalidade propia. Para ver e reflexionar. Moi recomendable.

27 septiembre 2011

Solución ao gadget SEGUIDORES

Cando o Blogger engadiu un gadget para os habituais dun blog (gadget de "Seguidores"), pareceume un aporte interesante. Se non o incluín inmediatamente no meu recuncho foi porque simplemente non se me cargaba na páxina.

Comprobei nestes meses que o gadget cárgase nalgúns blogs mais noutros non. Despois de falar onte pola noite con Crunia e Deb (e vendo os seus respectivos blogs) semella que a cousa confírmase. Cheguei á conclusión de que ten que ver coa compatibilidade do patrón que empregamos ao crear o noso sitio.

Así que  seguín argallando e penso que din coa solución ao problema. En troques de engadir o gadget "Seguidores" o que hai que facer é  conseguir o código fonte e engadilo como un gadget de "HTML/Javascript" dos de sempre. Doado e efectivo. 

O PROCESO PASO A PASO (Se o fixen eu, ti tamén podes)
  • Ingresar no Blogger co teu usuario e contrasinal.
  • Ir a www.google.com/friendconnect/
  • Para os que tedes máis dun blog: Elixir o blog no que queremos engadir o gadget (número 1)
  • Premer en "Añadir el gadget de miembros" (número 2
  • Na páxina que se abre, personalizar o teu gadget (números 3, 4 e 5)
  • Premer en "Generar código" (número 6) e copiar o contido.
  • Entrar no teu Blog, ir a "Diseño", engadir o gadget "HTML/Javascript" (número 7) e pegar dentro o código fonte que ves de copiar.
  • Gardar e... listo!

PODES AMPLIAR AS IMAXES DE AXUDA PREMENDO SOBRE ELAS

29 agosto 2011

Cousas perdidas polo planeta adiante

Gústanme os sitios que axudan a mirar dentro do cotiá e valorar os matices que normalmente pasan desapercibidos.

Ao día seguinte de ler o "más graffiti" publicado en El Planeta Perdido, din con este recuncho. Curiosamente levaba máis dun mes pasando por diante. Dúas veces ao día, cinco días á semana para sermos exactos: camiño de Santiago e de volta a Cerceda.

Hoxe, un par de semanas despois, tiven un momento de acougo e decidín deter o coche para tirarlle unha foto. Case sen dacatarme, demorei un bo rato diante do mural, coa porta do coche aberta e algún dos temas do Tierra trágalos de Klaus & Kinski sonando de fondo. Foi o momento especial do día e un bo comezo para unha semana que se adiviña esgotadora.

03 junio 2011

Durmir coa Gadaña na cabeza

Déitome coa Morte e levántome máis vivo.

Nas últimas semanas compaxino a busca de certames aos que enviar a nosa Aurora, coa escritura compartida do primeiro borrador de "A Hora da Gadaña".

Este proxecto curtametraxe parte dun interesantísimo relato curto de J.J.M. Veiga co mesmo título (La Hora de la Guadaña), e confirma que os encargos tamén poden chegar a posuirte ate facerte seu.

Polo momento traballar man a man co propio escritor (e amigo) está a ser unha experiencia estimulante, nova, enriquecedora. Sobre todo porque Juan móstrase aberto ás posibilidades que a súa propia historia posúe (máis aló do valor innegable das letras).

Pasiño a pasiño, soño con que fagamos realidade a temible Hora da Gadaña.

Para coñecer un pouco máis o Planeta Veiga: http://tlantia.elplanetaperdido.com/

30 abril 2011

Sábato despois da fin

Ás portas dos cen anos, outro grande faise eterno. Agradecido pola calurosa humanidade que compartiu en cada un dos seus textos.
Portada de "Antes del fin" un dos meus libros favoritos de memorias

23 abril 2011

Cuestións (12) / Trampolín

A primeiros de mes proxectouse Exitus na I Mostra de Curtametraxes Galegas da Fundación Rodríguez Iglesias. Foi alí, durante o coloquio posterior, onde volveu a aparecer a recorrente idea de que as curtas non son outra cousa que un trampolín para chegar a facer unha longametraxe. E quedou patente xa que logo, o propio coloquio, centrouse no lamentable estado do cine dentro do audiovisual galego (cando a cousa debería versar sobre os avatares de levar a bo porto unha historia curta). Quede constancia de que o debate estivo ben. Despois de todo a un cinéfilo sempre lle apetece falar de cine.

É o caso que hai historias que piden ás voces ser contadas de xeito condensado. Vin no cine ultimamente máis dunha película mediocre que, de durar media hora, sería unha peza realmente redonda. Se cadra tratábase dunha curtametraxe no seu nacemento e decidiron estirala ate que apareceron todas esas estrías no guión.

Eu creo na curta como formato independente e, mailo respecto que lle teño a tódolos que ven na curta unha rampa de inclinación variable ou unha mera bobina/curriculum, penso que esta posición miña vai gañando en consistencia co tempo. Non en van, autores mundialmente recoñecidos polas súas longametraxes (Erice, Angelopoulos, Scorsese -por poñer tres-) seguen a facerlle as beiras ás producións curtas, sexan estas curtametraxes ou series. Tamén me dan a razón as últimas producións documentais de Marcos Nine, ou as dúas últimas curtas que lle montei a Alber Ponte (por poñer exemplos da terra). Ás veces o breve fai bo o dito sendo dúas veces bon.

Porque, é menos teatro un entremés de Cervantes que Unha rosa é unha rosa de Suso de Toro?; ten máis peso artístico Las Meninas de Velázquez ou as reflexións iróincas dunha tira cómica de Mafalda?

06 abril 2011

Novo enderezo

Buscando o blog de Maruxa Martínez decateime de que todo é máis doado se o enderezo do blog limítase ao nome e apelido do seu dono. Dito e feito.

02 febrero 2011

Partituras de Coro

Veño de encontrar un fío onde se comparten gratuitamente unha gran cantidade de partituras. Moitas delas para coro (tamén para guitarra ou acompañamento ó piano). Todas organizadas por tipo e título.

As partituras foron creadas co programa ENCORE (dispoñible para PC e MAC). Se o conseguides (ou xa tedes), poderedes abrilas e incluso reproducilas para escoitar un midi de referencia. Tamén poderedes gardalas como .pdf para imprimilas posteriormente ou o que sexa.

Espero que vos sexa útil:
http://elsitiocoral.wordpress.com/

27 julio 2010

Cuestións (10) / Consumir preferentemente antes de

En que momento expira un proxecto? É posible que apodreza unha idea antes de se materializar por completo? Despois de dous anos e co nacemento do meu segundo fillo de por medio, Aurora loita por non se converter nun finado.

O peor (¿?) é que a cabeza non se detén e a necesidade de abordar novos temas pide pola súa quenda.

Agora ando coa teima de falar do meu avó nun documental experimental (gústame chamarlle "trangallada familiar"). Por que? Porque non descubriu a penicilina, nin gañou millóns na lotería. Non salvou a un can de entre as lapas dun incendio, nin vendeu na televisión a vida de ningún dos seus fillos. É un home que simplemente está aí, un home que sostén coas súas vellas mans (tres veces maiores ás do pequeno Teo) a rede dunha familia enteira, a miña.

Foi un golpe de sorte atopar* os traballos de Alan Berliner, un director que moito antes ca min, tamén decidiu que falar dos seus podía ser unha boa idea. Agora estou a recopilar tódalas gravacións familiares espalladas nunhas cantas ducias de cintas de SuperHi8mm e VHS. Tamén fotos e documentos dos anos mozos do meu avó.

Non sei con que me vou atopar cando grave (esperemos que sexa este verán). Teremos historia que contar? O que é seguro é que este proxecto vaime achegar un pasiño máis ao meu avó e, por descontado, entenderei máis ao meu pai (seu fillo) e espero a min mesmo. Como pouco deixarei un documento para que Teo poida coñecer ao seu bisavó e de paso comprender o valor que este lle concedeu sempre á palabra familia.

Espero poder contar nesta buceta** de escasa tripulación coa arte de Area tirando fotos. Sopran ventos favorables. Será cousa de aproveitalo e temperar as velas.


____________
* En realidade a recomendación parte de Sandra Sánchez, coa que coincidín mentres ela montaba unha TV Movie. Pero non tería visto os catro documentais (The family album; Intimate stranger; Nobody's Bussines; The sweetest sound) de non ser por Xose, que compartiu xeneroso ese anaquiño de ouro dividido en catro DVD's (graciñas Polaco!).
** Buceta - pequena embarcación a vela e remos.

08 octubre 2009

Animalario

Hai un par de semanas fun ao cine con Martin, único ser humano no mundo (a día de hoxe*) coa capacidade de sacarme da quietude de Cerceda para gozar da carnicería de Malditos Bastardos. A cousa é que nun deses parlamentos ególatras nos que tanto se gosta Tarantino, un dos protagonistas pregúntase por qué nos dan noxo as ratas e non así os esquíos, que son practicamente iguais (agás pola cola).

E niso o bo de Quentin leva razón, porque hai animais socialmente ben (e mal) vistos dependendo da cultura á que pertenzas. Porque, falemos claro: quen de vós quixera ser porco, cascuda ou lesma? Mais, ai, que boíñas son as formigas que traballan a reo, que bonitiñas facendo as súas ringleiras, sorteando obstáculos, portando dez veces o seu propio peso. Que feitiñas e como se organizan.

Sexa como sexa, son consciente de que o proxecto de deseño que vos quería recomendar nesta entrada, non tería posiblemente o mesmo tirón se chega a chamarse o porco amarelo, a cascuda vermella, ou a lesma multicolor.


Hai un ano, a xente de La hormiga azul empezou a crer nas súas inquedanzas e a publicar pequenos traballos reunidos nun fanzine. Se cadra víronse identificados coas formigas porque xuntos tiran máis partido de si mesmos como individuos; ou porque agochan no máis profundo, onde normalmente o ollo non chega, un universo único e abraiante (quen sabe!).

Deixo unha ligazón permanente por se queredes colaborar con eles ou, simplemente, visitalos de cando en vez para comprobar que a comunidade segue viva, aló no formigueiro. Eles, cada tres meses, compartirán a súa arte con todos nós sen prexuizos polo feito de sermos porcos, ratas, esquíos, cascudas ou lesmas.

_____________
* Admítense invitacións.