28 diciembre 2008
Os pes comunican
17 diciembre 2008
Canción de berce para Aldara
esta nena quere Estrelas.
Esta nena soña nelas.
Berce do Sol durme á nena,
dálle calor.
Nena que soñas co mar(e)
e entre estrelas con teu pai(e).
Coida del no teu soñar(e)
e deixa que as bágoas e o mar
as quente o Sol.
Berce do Sol que é a Lúa,
esta nena ten Estrelas
Esta nena terma delas.
Berce do Sol durme á nena,
dálle calor.
16 diciembre 2008
Valor / Macou
Supoño que embarcarse en proxectos destructivos é unha parte da vida laboral (da vida en xeral) da que non se pode fuxir. Sobre todo sabendo que un non elixe os traballos que lle ofrecen e, na maioría dos casos, descoñecendo o tipo de xente coa que vas a turrar.
En xeral movémonos nun medio (o audiovisual) totalmente hermético. Se non tes un padriño, directamente non existes; se gusta o que fas (cousa totalmente subxectiva) eres un semi-deus e; se tes un mal día, en menos de 24 horas eres escoria. Non hai punto medio. Non se pode ser "soamente unha persona que fai o seu traballo". Isto provoca unha loita instinctiva (case tribal) por trepar, así como unha falta de humanidade e compromiso co compañeiro que alimenta o bochorno e a desesperanza.
Por se iso non fose dabondo, esta situación pégase de fuciños contra todo aquilo que meus pais, na súa bondade, sementaron (aínda o fan) dentro desta cabeciña miña ao longo dos anos e que se deu en chamar valores.
E aí é onde se atopa o miolo da cuestión. Porque todo o mundo fachendea de ter valores. E con toda razón! pero o certo é que o valor da para todo tipo de definicións, negativas e positivas, o que convirte en tarefa imposible saber se o que te axuda a avanzar na vida é en realidade bon ou non:
Valor: 1) Prezo, suma de cartos na que se se estima algo. (Ex: Esa xoia ten un valor elevado) Que teña moito valor non é necesariamente sinónimo de ser bo (alguén sabe o valor económico dunha bomba? ou dunha mentira?); 2) Virtude ou utilidade que fan que alguén ou algo sexa apreciado. (Ex: Eche moi sincero, ten valor) Sinceramente dubido do valor da verdade en algúns casos. Hai que aprender a omitir información; 3) Osadía ou desvergonza (Ex: Hai que ter valor para pedir un favor a quen acabas de pisar) Aquí é onde queda patente que a valentía tamén pode ser negativa.
Por iso todo é tan doado e tan complexo. Por iso moita xente á que consideramos verdadeiros monstros durmen a noite toda. Cada un acóllese á definición que mellor lle ven... e todos levamos razón (a soñar cos anxiños!).
Isto foi máis ou menos o que vivín nos últimos meses e o motivo da miña ausencia. Pero non nos poñamos pesimistas, que ultimamente tamén confirmei que teño cerca xente valiosa: Que bo tervos coñecido Mare e Lucía! En eterna débeda polo voso apoio María, Pilar e Carmen!
Por certo, o de "Macou" no título desta entrada non é porque me volvese ególatra de súpeto (se cadra iso xa ven de serie co bicho) é que onte falei con Anita e cando colleu o teléfono dixo "Coño, Macou!". Lembrei entón que son Macou polo ben que sona cando o di unha voz amiga. Graciñas.
15 noviembre 2008
Rebobine, por favor (ou como suecar unha película)
Vou facer unha excepción con “Rebobine, por favor (Be Kind Rewind)” de Michel Gondry porque, se ben non é a súa mellor película (se cadra é a máis frouxa delas), penso que dentro dunha historia máis ou menos fresca, atopámonos coa esencia de todo o seu cine e o xeito que ten Gondry de aborda-lo proceso de creación dunha película. Todo sexa dito, que unha película frouxa de Gondry non adoita ser unha película frouxa en absoluto.
Vexas na dirección que vexas (publicidade, videoclips, cine) todo o traballo de Gondry vése rodeado de elementos manufacturados. Dalgún xeito atopo en Michel Gondry a un director que se resiste a abandona-los xoguetes cos que ideou a súa historia.
Incluso en películas como “Esquécete de min” (totalmente recomendada) ateigada de efectos dixitais, atopámonos con situacións nas que argallou o xeito de resolvelas física e mecánicamente, coa utilización da iluminación, maquetas, etc. Todo isto faise máis evidente en obras como “A ciencia do sono” (tamén recomendada). E pese a que nos obriga a convivir cun híbrido, a medio camiño entre un conto de títeres e o cine clásico, consegue integrar todos estos elementos estraños (ou así mo parece a min) até convertilos, ante os nosos propios ollos, nun interesante exercicio de estilo.
Por iso gustei tanto de “Rebobine por favor”, porque nos amosa con claridade o seu xeito de traballar e aléntanos para que sexámos partícipes dese ritual.
Teño que dicir que ao remata-la película de Gondry, entráronme unhas irremediables gañas de suecar algunha outra película. E a miña sorpresa foi atopar en YouTube infinidade de películas suecadas, algunhas delas dignas de ser vistas (“sweded movies”).
Aproveito este último párrafo para: 1) lembrar con certa nostalxia aqueles tempos nos que eu mesmo montaba en cólera ao me atopar cun VHS do videoclube sen rebobinar e 2) recomendar tamén a páxina web oficial da película:
http://www.bekindmovie.com/
16 octubre 2008
Foto de Equipo

Fila superior: Roberto Chico (Axudante de Dirección), Fernando Dans (Fotografía)
e Martin DeSoto (Efectos Especiais)
Segunda fila: Xúlio Abonjo (Actor), Laura Fernández (Axudante de Produción), Abi Buceta (Actriz e Vestiario/Perruquería), Mª Ángeles Prieto (Actriz), Fé Cortón (Xefa de Produción)
e Elena Varela (Axudante de Produción)
Fila de abaixo: Pablo Carballeira (Foto fixa), Manuel Macou (Director), Encarna Alonso (Script e Axudante de Dirección), María García (Actriz e Productora Executiva) e Alfonso Camarero (Son)
No monitor: Camila Bossa (Actriz) e Antonio Mourelos (Actor)
28 septiembre 2008
Aurora: Deuses e Monstros
Con Aurora buscabamos un paso adiante. E se cadra démolo. Pero toda evolución ten o seu prezo. E no caso de Aurora o custe non é pequeno. Durante toda a fin de semana pasada lembreime do monolito de 2001: unha odisea espacial.
Nunha rodaxe chea de atrancos sentinme en algúns momentos perdido (non estou moi habituado a improvisar) pero por sorte contei cun reparto que sumou todo o rato e aportou a sua experiencia para suplir algunhas das nosas carencias e aguanta-lo trebón nos momentos difíciles.
Tiven, estes días pasados, ocasión de visionar o gravado e o certo é que ao principio non acadaba a entender como puido ser unha rodaxe tan dura. O aspecto das imaxes é formidable e os actores están a uns niveis de realidade que vos emocionarán e que a min énchenme de orgullo.
Aprendimos moito dos acertos e (sobre todo) dos erros. Nese sentido e moi ao meu pesar, teño que destaca-la lección de profesionalidade que nos deu a todos Xosé Manuel Olveira "Pico" e que deixou ao descuberto que a pesares da nosa aposta polo xiro cara o profesional (se cadra incluso na boa dirección), seguimos sendo uns novatos. As miñas máis sinceras desculpas, amigo.
Agora quédanos confirmar coa montaxe que temos unha boa película e armar todo cun bo son e banda sonora. Como dixo un amigo ao que lle confesaba o día antes da rodaxe que o cámara era os meus ollos e polo tanto unha peza fundamental para conta-la nosa historia: "Coida ben da vista, mais non descoide-lo oído." Seguiremo-lo seu consello.
07 septiembre 2008
P e A: PA
Así a todo sería moi mal pai se o día máis importante do ano non fago un alto na vertixinosa carreira cara a gravación para dicir que a miña pequecha aprendeu a dicir: Pa-pa.
E para ela vai esta entrada (e se todo sae ben a curta tamén). Quérote Aldara.
25 agosto 2008
Fe de Erros (4)
Eu amo os nosos idiomas, porque me achegan aos meus semellantes (incluso aos que non están ou aos que non chegei a coñecer porque finaron moito antes de que meus propios pais nacesen) e porque estou convencido de que o mundo é máis rico coa sua existencia.
Pero a imposición é contraproducente e as trabas á súa utilización (con tanto continuo cambio) un grave erro. A solución non é doada, admítoo, mais hai dous días, paseando por Coruña cerca do Millenium, atopei un berro feito pintada ao que me adscribo:

A evolución natural non debería ser provocada, non?
15 agosto 2008
Cuestións (6)
09 agosto 2008
Eucalipto e sons doutros tempos


30 julio 2008
Fe de Erros (3)
24 julio 2008
A), B) e C)
Se hai uns días defendía A Casa da Luz na entrada que Amelie lle dedicaba no seu blog, hoxe, cunha xogada maestra por parte do destino, entro a formar parte da familia da Luz como Axudante de Montaxe.
Isto quere dicir varias cousas: A) que as casualidades existen, B) que estou moi contento e C) que Aurora, a nosa vindeira curtametraxe, vai ter que se xestar unhas cantas semanas máis.
Luz e cine para todos.
22 julio 2008
Cuestións (5)
Espero que vos guste e que vos faga reflexionar. A min reviviume unha cuestión dolorosamente actual: vale o sabor do petróleo o sangue dun home?
FALLEN ART
16 julio 2008
Un día coma hoxe
Nacen un día coma hoxe figuras da cultura e as artes coma: Barbara Stanwick - actriz estadounidense (1907); Reinaldo Arenas - poeta cubano (1943); Rubén Blades - artista panameño (1948); Miguel Indurain - ciclista español (1964); Laura Espido Freire - escritora española (1974); ou Jesse Jane - actriz porno estadounidense (1980).
E quedan para o noso recordo personaxes coma: Herbert Von Karajan - director de orquestra austríaco (1989); ou Celia Cruz - artista cubana (2003).
E un día coma hoxe nace unha peza fundamental na miña vida: ti.
FELICIDADES ABI
13 julio 2008
Todo final é un punto de partida
Esta mañá achegueime ao Rexistro de Propiedade Intelectual. Levei todo o camiño o guión baixo o brazo, pero non me puiden resistir a abrilo e reler algunha das pasaxes coas que non estaba totalmente conforme. Dominando as gañas de volver a casa e reescribilas, cubrín os impresos de xeito case inconsciente e soamente cando me devolveron o resgardo sentín o que debe sentir un pai que leva ao seu fillo á escola por primeira vez. Gustará a historia? Atoparemos financiación? Dirá ela que si? Que ganas teño de poder falarvos de... ela.
Esta é, sen dúbida, a curta que máis me custou escribir. Isto débese seguramente a que tamén é a primeira comedia á que me enfronto. Dentro dun xénero que recoñezo non é o meu, penso que acadei algo importante: atopei un estilo que si me é propio. Espero con impaciencia as reaccións da xente, claro.
Agora mesmo as vibracións son boas, pero atrás quedan longas semanas de loita contra o bloqueo. E máis semanas que quedan por diante de loita na pre-produción. Seguiremos informando.
11 julio 2008
Ensaios fotográficos (por Roberto Chico)



Sempre que abro un vello álbume de fotografías penso en toda esa xente que non coñezo e tamén no valor que teñen ao lembrarnos como eran as cousas hai non tanto tempo. Cantos novos descubrimentos poden estar agochados aínda nas vellas caixas estragadas pola humidade. Coméntovos 3 instantáneas coa miña vella polaroid...
- polaroid#1:: Aínda non hai moitos anos que Ben Tarver herdou da súa tía 3 caixas de negativos que Robert Capa tomou durante a Guerra Civil española, sen que ata entón ninguén lle prestase moita atención.
- polaroid#2:: fállame a memoria... pero lembro un documental no que un profesor universitario recuperaba unha vella colección de fotografías aparecidas nun faiado e que constituían o vello arquivo dun fotógrafo semiprofesional, que nos anos 50-60 retrataba a vida dos pobos deas serras dunha provincia española. Ademáis de recupera-las vellas instantáneas, completáronas coa laboura antropolóxica de coñecer a aqueles que aparecían nas fotografías, como era a súa vida, que fixeron dela... aproveitando que algún dos seus protagonistas aínda podía lembrar.
- polaroid#3:: para rematar, o fotógrafo Virxilio Vieitez, que durante toda a súa vida estivo a retratar á xente de Terra de Montes e que ate 1998 non se recoñeceu o valor tanto estético coma documental da súa obra.
28 junio 2008
A unha secuencia

Secuencia de Dalí da película Recuerda
Onte foi un bo día. Conseguín por fin animar aos nosos personaxes para que entrasen no coche. Estaban atenazados polo medo. Finalmente puiden facerlles ver que soamente avanzando poderían vivir situacións que, esperemos, vos resulten emocionantes e divertidas. E entraron no xogo. Fixeron un bo traballo, a verdade. Estou moi contento con eles. E alédome dobremente da súa decisión, porque as molestias gástricas xa apareceran a principios de semana, e iso soamente significaba unha cousa: algo non marchaba como eu quería.Tra-la última secuencia, esa que temo escribir, agóchase o peche dunha historia que dende o primeiro momento se me mostrou personal e vitalista (sinceira). Se cadra, en todo este optimismo que rodea ao guión, algo ten que ver a miña filla.
Aínda non a gravamos e xa a soñei unhas cantas ducias de veces a historia. E iso é bo. Porque sei perfectamente o aspecto que terá se facemos unha boa pre-produción.
Agora soamente falta esa secuencia e ter sorte co reparto. O resto... O resto non estará soamente nas nosas mans, senón nas vosas. Aínda queda un pouco, xa se verá o que pasa.
24 junio 2008
Ano 2004. O rescate
O caso é que ao saír do seminario achegueime ate a casa do Polaco e, unha vez alí, puiden comprobar en que asuntos audiovisuais anda metido. O xeito de produción das súas curtas foi evolucionando cara a simplicidade: o punto de vista único; a figura dun demiurgo que guioniza, opera e monta; dun neno que xoga na soidade. E teño que dicir que vin cousas interesantes (quédome co tratamento das texturas nas súas imaxes). Hipnótico.
Xa de volta a casa, lembrei que eu mesmo realizara un aberrante vídeo (aló polo 2004) co mesmo punto de partida e, se cadra, un resultado bastante máis incerto.
Rebusquei nas miñas copias de seguridade e din, nun CD estragado, co vídeo que agora ides padecer. O rescate non foi doado e, durante o proceso de recuperación, a obra quedou cercenada en case un minuto. Pero tranquilos todos, que a historia do cine non se sentirá magoada por esta perda. Se cadra sentirá alivio... e pena por non ter acabado co resto tamén.
Sen máis miramentos déixovos con esta prescindible peza mutilada:
20 junio 2008
Cuestións (4)
Fotografía dos emigrantes de Manuel Ferrol
Supoño que este cambio de imaxe no noso blog debería ser xustificado. Cando, un mes atrás, me propuxen resucita-lo blog tiña en mente dúas melloras. Unha sen moita importancia: a estética; e outra que me levaba rondando un pouco máis de tempo: a idiomática. Pois xa está feito.
O certo é que dispor un blog bilingüe permíteme, dunha banda, escribir tal e como se me presentan as ideas, sen ter que facer incómodas adaptacións "polo camiño"e ao mesmo tempo ser entendido por todos aqueles que, de xeito casual ou intencionado (habelos hailos -o caso é dar con eles-) acaban neste noso recuncho.
Dito isto, queda aínda unha cuestión por contestar: Para cando a posibilidade de elixi-lo idioma galego no Blogger? Señor Blogger, póñase as pilas ou acabaremos emigrando (que polo visto é o noso).
12 junio 2008
Sen letras non hai paraíso
Pola tarde releerei o escrito e veremos entón se pagou a pena unha noite de insomnio. En calquera caso a ver se non perdemo-lo ritmo e, antes de que remate a semana, damo-lo visto bo á primeira versión "definitiva" do guión.
E é que un pode ter ideas (incluso algunhas boas e todo) pero, sen letras non hai paraíso. Maldito bloqueo.
-------------
*Onte fun ao super e a metade das estanterías estaban baleiras. Nas gasolineiras os coches facían cola para que os seus depósitos bebesen ate vomitar. Son o único que pensa que esta psicose do carburante non está para nada xustificada? Isto estase a converter en Deep Impact, pero sen impacto de meteorito nin efectos especiais nin nada de nada. Polo menos os efectos especiais farían máis dixerible tanto esperpento.
09 junio 2008
Probas de decorado


08 junio 2008
O outro El Sur (polo propio Victor Erice)
Hai uns anos, Erice regalounos a (cruel) posibilidade de coñecer o que tería sido o final desta (anque inconclusa) obra maestra:
07 junio 2008
Namorado fiquei (por Roberto Chico)
Para o que despois de escoita-la emotiva versión de Amancio Prada queira coñece-la súa letra...
Pertence ao libro "Cantiga Nova Que Se Chama Riveira" de 1933. Hei de dicir que non coñecía a poesía de Cunqueiro e que descubrila a traveso deste poema resultou algo emocionante.
Déixovos cuns versos do mesmo libro e que me lembran ás vellas cantigas de amor dos trovadores.
06 junio 2008
O pesadelo de Barton Fink

Barton Fink fronte á muller da praia
Agobio, agobio. Agora mesmo entendo perfectamente a Barton Fink (Joel Coen, 1991). Claro que polo menos el xa escribira e dirixira para Broadway unha exitosa obra de teatro. Pero aí está. O bloqueo. Bloqueo. Bloqueo.Barton Fink soñaba cunha muller fronte ao mar, na praia. Eu soñei hoxe, por terceira vez, cun pirata que entra nun barco que non é o seu. Ao pasar pola cuberta, unha rede cáelle enriba, aplástao. O cheiro fétido dos peixes en descomposición que hai atrapados nela provócanlle náuseas. Entón alguén ergue un extremo da malla e aparece unha man. É a miña man. Pero eu son tamén o pirata e, ao liberarme, obrígome a engulir un deses pútridos peixes.
Soño ademáis que teño un incrible final para a miña historia. Algo fóra do normal! A excitación invádeme: O pirata devorador de cadáveres mariños afástase no barco rumbo ao horizonte. Estou feliz. Satisfeito. Entón desperto.
Non son un pirata atrapado nunha rede, pero aínda non teño un final que non sexa tristemente típico como o do pesadelo.
01 junio 2008
Nine, a RCP do documental galego
E non me decepcionou (nada máis lonxe). Atopei a unha persoa afable, directa e faladora. Esa noite caeron as horas e case nos caen unhas hostias polo feito de ter nacido próximos a Vigo. E foi precisamente esta disparatada situación a que xenerou en min unha reflexión: Se cadra, Nine atrae as boas historias. O mundo transforma a súa simplicidade en algo realmente único ao pasar por diante dos seus ollos. Ten que ser iso.
Lonxe da hermética concepción clásica de documental e cunha narración que se achega máis ao emocional que ao puramente informativo, Nine mostra ao espectador fragmentos de vidas, lapsos de tempo.
É un gustazo disfrutar de bos exercicios de montaxe e independencia como "Jedn. Pensando en soidade" ou "Historia dunha parroquia". E o mellor non é a cantidade de premios que colleitan os seus traballos, o mellor é que este cineasta aínda se está a forxar. Mete medo.
Se queredes saber como afronta os seus proxectos, non deixedes de visita-la súa bitácora "Soidade^3". Déixovos aquí o trailer do seu último e prometedor traballo:
O PREMIO DA RUBIA
23 mayo 2008
Aberto por reformas

Unha vez máis, embarcarémonos nunha aventura curta. E tódalas dúbidas están aí, cada un dos medos. Ate o de agora sempre estiven listo á hora de atopar un culpable que xustificase os desastres nos que se acaba por converter cada unha das curtametraxes que emprendo (que emprendemos).
Pero o certo é que a última, Cafés de Papel, funcionou moi por encima do agarado, tendo en conta que era un proxecto moi moi limitado (moi humilde pódese dicir). E este inusitado resultado brindounos a posibilidade de rodar, antes da fin do verán, outra curta (desta vez contando con máis recursos).
Estou aterrado, porque a historia eu penso que está bastante ben (é divertida e ten un punto optimista -vitalista- que gustará) e iso quere dicir que se desta vez algo sae mal será pola miña culpa e non poderei agocha-las miñas incapacidades detrás da falta de medios o vai ti a saber que.
Estou xestando este novo fillo con esperanza, pero ao mesmo tempo teño a impresión de que desta vez estoume deixando levar de máis. Poida que sexa porque, por primeira vez, a pre-produción non a estou a afrontar só. Así que quero adicar esta primera entrada posterior á reforma do blog para recoñece-lo traballo que, dende xa, están a facer polo novo proxecto: Abi, Roberto e María (Grazas pola vosa paciencia: Quérovos!!!).
Por certo, déixovos unha ligazón (como primicia) coa posible Banda Sonora... A ver que vos parece.
01 abril 2008
INLAND EMPIRE: A través do labirinto

Participaron os conferenciantes: Fran Benavente, Angel Quintana (Redactores de Cahiers du Cinéma España), Andrés Hispano, Inma Merino e o mesmo Hervé Aubron (Redactor de Cahiers du Cinéma e autor do libro sobre Mulholland Drive).
Aínda lembro cando saín da sala despois de ter asistido a INLAND EMPIRE. María, que no último momento decidiu non acompañarme (ela foi ver Banderas de nuestros padres), agardaba fóra e, ao verme a cara, dixo con certa preocupación: “Atópaste ben? Queres tomar unha infusión?”. Mal sabía eu entón que o que precisaba era este seminario.
As diferentes intervencións de cada un dos conferenciantes foron aclarando o mundo no que se move Lynch e as súas motivacións á hora de afrontar un proxecto. E a primeira conclusión que saquei é precisamente esta: pódese concreta-lo marco no que Lynch move as súas pezas, pero se cadra é un tanto desacertado intentar dar unha explicación única ás súas películas, xa que Lynch parte da premisa de que “Algo é un misterio en tanto en canto hai pezas que non acaban de encaixar. Se todo é desvelado, onde está o misterio?.”
Así a todo non se pode afirmar que a obra de Lynch careza de sentido pois en ningún intre ten un a sensación de que o autor está perdido na súa propia narración. Somos nós os que nos deixamos perder nese mundo de corredores e portas que Lynch crea coas súas historias.
INLAND EMPIRE pecha a triloxía aberta con Carretera Perdida e Mulholland Drive. Pero é algo máis que a terceira peza dun tríptico. Ademáis da evidente reflexión sobre a industria do cine nos Estados Unidos, a última película de Lynch convírtese nunha retrospectiva do seu propio cine. Nela atopamos localizacións e postas en escena que nos remiten a algúns dos seus traballos anteriores (incluída a maxisrtal serie Twin Peaks).

Non esquezamos que David Lynch provén do mundo da pintura, e o xeito "libre" de traballar no seu estudio dista moito do xeito hermético de produción que utilizan as películas. Será por iso que Lynch foi elocuente á hora de eloxiar ao formato dixital, ate o punto de afirmar que “non volverá a traballar en cine” (xa veremos).
Escoitei algo no seminario que, nun primeiro momento, me produxo inquedanza. Andrés Hispano, despois de falarnos da curiosa relación existente entre a propia estructura horizontal da cidade de Los Ángeles (na que está ubicada a triloxía) e o carácter labiríntico das historias que en torno a ela se xeneran, dixo isto: “Después de ver a Laura Dern vomitando sangre sobre una estrella del paseo, ¿qué más puede hacer Lynch?” Tranquilizoume o feito de lembrar que o mesmo pensei eu ao saír do cine, despois de ver Mulholland Drive.

É posiblemente a súa mellor película e quen sabe se será a película que necesitaba facer para se liberar de xeito definitivo dos seus medos, compartilos connosco e traballar, soamente entón, libremente.
22 enero 2008
No Country For Old Men
E ti, que opinas?