
Participaron os conferenciantes: Fran Benavente, Angel Quintana (Redactores de Cahiers du Cinéma España), Andrés Hispano, Inma Merino e o mesmo Hervé Aubron (Redactor de Cahiers du Cinéma e autor do libro sobre Mulholland Drive).
Aínda lembro cando saín da sala despois de ter asistido a INLAND EMPIRE. María, que no último momento decidiu non acompañarme (ela foi ver Banderas de nuestros padres), agardaba fóra e, ao verme a cara, dixo con certa preocupación: “Atópaste ben? Queres tomar unha infusión?”. Mal sabía eu entón que o que precisaba era este seminario.
As diferentes intervencións de cada un dos conferenciantes foron aclarando o mundo no que se move Lynch e as súas motivacións á hora de afrontar un proxecto. E a primeira conclusión que saquei é precisamente esta: pódese concreta-lo marco no que Lynch move as súas pezas, pero se cadra é un tanto desacertado intentar dar unha explicación única ás súas películas, xa que Lynch parte da premisa de que “Algo é un misterio en tanto en canto hai pezas que non acaban de encaixar. Se todo é desvelado, onde está o misterio?.”
Así a todo non se pode afirmar que a obra de Lynch careza de sentido pois en ningún intre ten un a sensación de que o autor está perdido na súa propia narración. Somos nós os que nos deixamos perder nese mundo de corredores e portas que Lynch crea coas súas historias.
INLAND EMPIRE pecha a triloxía aberta con Carretera Perdida e Mulholland Drive. Pero é algo máis que a terceira peza dun tríptico. Ademáis da evidente reflexión sobre a industria do cine nos Estados Unidos, a última película de Lynch convírtese nunha retrospectiva do seu propio cine. Nela atopamos localizacións e postas en escena que nos remiten a algúns dos seus traballos anteriores (incluída a maxisrtal serie Twin Peaks).

Non esquezamos que David Lynch provén do mundo da pintura, e o xeito "libre" de traballar no seu estudio dista moito do xeito hermético de produción que utilizan as películas. Será por iso que Lynch foi elocuente á hora de eloxiar ao formato dixital, ate o punto de afirmar que “non volverá a traballar en cine” (xa veremos).
Escoitei algo no seminario que, nun primeiro momento, me produxo inquedanza. Andrés Hispano, despois de falarnos da curiosa relación existente entre a propia estructura horizontal da cidade de Los Ángeles (na que está ubicada a triloxía) e o carácter labiríntico das historias que en torno a ela se xeneran, dixo isto: “Después de ver a Laura Dern vomitando sangre sobre una estrella del paseo, ¿qué más puede hacer Lynch?” Tranquilizoume o feito de lembrar que o mesmo pensei eu ao saír do cine, despois de ver Mulholland Drive.

É posiblemente a súa mellor película e quen sabe se será a película que necesitaba facer para se liberar de xeito definitivo dos seus medos, compartilos connosco e traballar, soamente entón, libremente.