Aurora segue traéndonos alegrías. E a pesares de que agora os esforzos están divididos, seguimos avanzando. 
A semana pasada María (Productora Executiva) conseguiu poñerse en contacto con Amancio Prada (primeiro a través da súa representante e despois en persona) e por fin podemos confirmar que na banda sonora teremos esa preciosa canción da que vos falabamos en maio.
Dende un primeiro momento Aurora aparecéuseme como unha aventura íntima que debía ser compartida. Por iso cando Abi e Roberto deron con "Amiga, namorado vou" ao momento souben que era a canción perfecta para a nosa historia.
Por que Amancio Prada? Permitídeme que, como bo galego, dea un pequeno rodeo para contarvo-los motivos:
Sendo cativo eran frecuentes as miñas afeccións pulmonares. Para combatilas, tódolos días, ao saír do colexio, agardábanos aparcado (á miña irmá e a min) o Citröen Dian-6 cor crema (o que puidemos chorar cando meu pai decidiu cambialo!) para levarnos ata Hermelo ou Liboreiro. Naqueles paseos, aprendimos a escalar, a ama-la natureza (valores tan desafasados hoxe en día) e un par de nomes de setas. Algo de culpa ten meu pai en todo iso.
Pero eses paseos non sempre eran efectivos e por iso non era extraño pasar algúns días encamado. Miña nai fervía entón auga nunha perola e botaba nela as follas de eucalipto recollidas polo camiño; despois deixaba a infusión baixo a mesiña e para facerme compaña achegábame a cesta coa calceta (coa que facía bufandas sobre todo) e tamén un magnetofón con cassettes.
Cantas veces teño escoitado aquelas cintas! Dende Bob Seger aos chistes de Arévalo, pasando por El Puma. Pero as miñas preferidas, as que máis veces puña, eran aquelas que me achegaban os nosos sons: Milladoiro, Fuxan os Ventos... e Amancio Prada. Por iso é tan importante para a min que sexa él (e non outro) o que complete musicalmente a nosa historia.
Se Aurora chega a vós cos sons que rodean aos meus recordos será gracias ao bo facer de María e, como non, a Amancio Prada. E para el vai dedicada esta entrada. Gracias amigo por permitírmonos empregar todo sentimento que transmite o teu cantar en favor do noso proxecto.