E niso o bo de Quentin leva razón, porque hai animais socialmente ben (e mal) vistos dependendo da cultura á que pertenzas. Porque, falemos claro: quen de vós quixera ser porco, cascuda ou lesma? Mais, ai, que boíñas son as formigas que traballan a reo, que bonitiñas facendo as súas ringleiras, sorteando obstáculos, portando dez veces o seu propio peso. Que feitiñas e como se organizan.
Sexa como sexa, son consciente de que o proxecto de deseño que vos quería recomendar nesta entrada, non tería posiblemente o mesmo tirón se chega a chamarse o porco amarelo, a cascuda vermella, ou a lesma multicolor.

Hai un ano, a xente de La hormiga azul empezou a crer nas súas inquedanzas e a publicar pequenos traballos reunidos nun fanzine. Se cadra víronse identificados coas formigas porque xuntos tiran máis partido de si mesmos como individuos; ou porque agochan no máis profundo, onde normalmente o ollo non chega, un universo único e abraiante (quen sabe!).
Deixo unha ligazón permanente por se queredes colaborar con eles ou, simplemente, visitalos de cando en vez para comprobar que a comunidade segue viva, aló no formigueiro. Eles, cada tres meses, compartirán a súa arte con todos nós sen prexuizos polo feito de sermos porcos, ratas, esquíos, cascudas ou lesmas.
_____________
* Admítense invitacións.

















