22 agosto 2012

You Know Where I Am

Din que para conseguilo, hai que perseguilo.

É paradóxico valorar sequera un cambio de sector, cando un defende a profesión (penso) con entrega e dignidade. Así que intento reafirmarme en cada edición, poñer cariño en cada fundido e encadenado; e intentarei seguir realizando dez cortes no plano, por cada vez que escoite que todo está moi mal e vai a ir a peor.

Polos amigos que fun facendo nestes anos; pola xenerosidade de quen colabora nos proxectos propios; polo risco dalgúns traballos; pola liberdade á hora de editar e o reto de conseguilo do mellor xeito posible; por esa chamada de quen pensou en min como profesional; por todo iso sigo adiante e hoxe teño o pracer de compartir o trailer de You Know Where I Am, a nosa primeira aventura curta intercontinental.

Un trailer que non sería o mesmo de non asistir, o pasado 11 de agosto, ao concerto de Trampoline en Bueu. Dende entón teño o convencemento de que este grupazo fai boa música, bos directos e (para mostra un botón) magníficas bandas sonoras. Graciñas pola vosa disposición.


YOU KNOW WHERE I AM (TRAILER)

12 agosto 2012

Trampolineando

Empezar un novo ano trampolineando. Non existe ecuación de resultado máis exacto.
Música especial + familia + reencontro con amigos dos de sempre = concerto redondo.

Trampoline deu un paso acertado ao incorporar a batería
No chiringo de Alex, aos pes da praia de Lagos, Trampoline engadiu máxicos matices a unha das paixases máis fermosas de Beluso.

Momento "coche negro, en dobre fila, sonando en fa sostido"
A estes tres artistas deséxolles que degusten o feito de ir paso a paso. O primeiro xa está conseguido, chegar á xente e atrapala coa súa atmósfera musical. Agora hai que ir a polo disco, para que Sufjan Stevens poida versionarlles algún tema no seu vindeiro concerto. E despois xa se irá a pola Lúa e a conquista interplanetaria.


A súa páxina en Facebook: https://www.facebook.com/trampolinemusic

04 julio 2012

Fóra de contexto

O vigor das palabras soamente o dicta o tempo. Remexendo no meu "cerebro externo", un caixón desastre no que gardo aquilo que me parece importante, atopo un recorte do xornal, cunhas letras escritas hai anos por Fátima Chamadoira, autora de "Sin el permiso de Dios":

Frase de Fátima Chamadoira extraída do Faro de Vigo

Unha sentenza que, sacada fóra de contexto, encerra todo o que a min me motiva a achegarme a outros para ler, ver e/ou escoitar. E finalmente empúrrame a crear eu mesmo.

19 junio 2012

A música amansa os corazóns rebeldes

Desconecto a tele con ardor de estómago.
Prima de risco.
Os riscos de ser un lixo nas poutas dun primo.
Na miña retina un cocktail de lumes forestais ao son de "yo soy español, español, español".
Un país que se vai ao carallo mentres chimpa extasiado tralo pase definitivo de Iniesta.
Hora de traballar.
Uns intres de espera e despois "play".
Hai traballos que te poñen en paz co mundo.
Hai sons que latexan con forza dentro dos coraçãos.

CoraSons, unha longametraxe documental luso-galaica, escrita e dirixida por Paco Abelleira, na que teño o orgullo de participar como montador.

Aí  vai o primeiro teaser.

10 mayo 2012

Manuel de Bueu, que fai curtas

Éncheme de orgullo e satisfacción... Tranquilos, non me carguei ningún elefante.

A nosa Aurora foi seleccionada para competir no festival galego de curtas por excelencia, o IX Festival de Cans (Porriño). Se asistides á inauguración do festival (23 de maio -non se precisa entrada-) ou á proxección (26 de maio -con entrada-) por aló andaremos.



Ademáis estamos con Aurora a concurso no Festival Angelika Cinema Lounge (Madrid).

A presentación da curta correrá a cargo de Alber Ponte, e aquí dan premio do público asistente. Así que se andades desocupados por Madrid o día 16 de maio ás 21h, non vos cortedes e asistide para votarnos (aínda que a curta non vos guste un carallo). Necesitamos pelas para facer outra carallada audiovisual e non podo saquear novamente á miña muller (que non me deixa nin sacar o tema). Non vos cortedes e pasade a información aos vosos contactos, seguro que algún vive en Madrid.



Graciñas aos que co voso esforzo, traballo e comprensión axudáchedes a que hoxe sexa un home feliz.

04 mayo 2012

F de FRAUDE

Busco nunha charqueira aos grandes, coa intención de retratarme no deformado trazo da súa sombra. Máis non son quen de ver directamente a luz que emiten (menos aínda de entender a fraxilidade do mecanismo que produce tal efecto).

Amólanme as
identidades fraudulentas:

Os falsos modestos, autoconscentes da súa valía, ávidos predadores de eloxios que regalen os seus oídos.

Tamén os comerciantes de fume, tan comúns como miserentos e mediocres; agochando sen pudor no seu curriculum fedorentas mentiras: "director, guionista, realizador e montador". Ha!

Amólanme todos eles... e os que lles dan corda. Fágome vello.

26 abril 2012

Desexos (8) / Cicloxénese

Supliquei durante meses, con vehemencia case irracional, por unha cicloxénese explosiva que mudase con virulencia a orde das cousas neste deserto travestido de aldea.

Esquivando ramallos, camiño do último día de traballo, vexo pola xanela do coche e onde unha vez dixen vello, agora desexo poder dicir novo. Entendes o que digo?

13 abril 2012

Fe de Erros (13) / Tricaster

Ante a tentación de sentirse importante realizando unha serie de televisión aos mandos da Tricaster, os mesmos distribuidores do produto lémbranche graficamente que o teu traballo pode facelo un neno de primaria (está por ver se incluso un gorila de lombo prateado). Por sorte, a reforma laboral aínda non permite contratar a ningún dos citados. Pero ao tempo.


Estudante manexando unha Tricaster

17 marzo 2012

"Calmar el alma"

Empecei Las Montañas del Olvido de J.J.M. Veiga e, ao momento, viñeron a min as mesmas sensacións que ao ler Dune de Frank Herbert, ou ao ver por primeira vez o Episodio IV de Star Wars. Esa cousa de estar ante un universo totalmente descoñecido que se vai explicando por si mesmo a medida que se desenvolve a historia.

Non nos espetamos contra unha gran parrafada inicial destinada ao lector, coa fin de contextualizar o espazo e o tempo. E iso encántame. A orde dese novo mundo, o xeito de convivir as moitas especies que o poboan (as opinións que teñen unhas doutras...), as relacións político-militares, dedúcense a medida que cotilleamos nos diarios que tecen a novela. Obriga a unha lectura activa e, señores, como gusto diso!

Se cadra, o único punto na contra é o de contar cunha gran cantidade de personaxes e localizacións interrelacionados. Cousa que dificulta por momentos a tarefa de ubicalos dentro dunha historia que, como dixen, se nos mostra en fraccións a través de diarios.

Subir Las Montañas del Olvido non foi un camiño doado para min (houben de sortear os obstáculos da miña visión dobre). E, así a todo, foi un placer ler. Mérito da novela, como non.

Para amantes das escaramuzas militares, da Natureza, da Filosofía e da boa Literatura en xeral.

Como di o cabrón de Kalmarsiam: "La vida puede ser corta o larga, pero siempre, si uno pone todo su empeño, tenemos un tiempo para aprender de los errores, otro para añorar la venganza y finalmente un momento para actuar y calmar el alma." Graciñas por calmar a túa escribindo.

Fotograma da nosa curtametraxe Aurora, cos tres referentes
literarios
do protagonista: Bob, Suso e Juan

06 marzo 2012

Cuestións (13) / Guillotina

Canso de escoitar a toda sorte de neófitos financieiros invocando nos medios de comunicación (incluso en parques infantís e zonas comúns) aos demos máis e mellor mantidos do averno bolsista. Política de austeridade (vómito), crise económico-financieira (vómito), paro e abaratamento do despido (vómito, vómito e máis vómito)...

Tal e como defendían os Monty Phyton na súa curta Seguros Permanentes Crimson*, se o mundo non fose redondo (como o ollo do cú), non había pintar todo de xeito ben distinto?


Tería un aquel o de reinstaurar a guillotina. Pero vexo a cousa moi parada ao respecto.

______________
* The Crimson Permanent Assurance (de 1983) é unha curtametraxe dirixida por Terry Gilliam (Monty Phyton) que foi incluída como prólogo na súa excepcional comedia El sentido de la vida, e que por certo veñen de poñela hoxe en la Sexta3.

25 febrero 2012

Fe de Erros (12) / A voltas coa lingua

O pasado 24 de Xaneiro deixei no foro do blogger un fío cunha solicitude:
Premer na imaxe para ampliar

Hai algo máis dunha semana houbo resposta. Non foi nin de lonxe a desexada, pero polo menos haiche feedback:
Premer na imaxe para ampliar

E para facer un pouco máis de feed, tamén houbo contraback:
Premer na imaxe para ampliar

08 febrero 2012

Un autorretrato, dous retratos, tres retratados

Hoxe Aldara retratounos á súa nai e mais a min. Tamén a si mesma. O parecido interior é abraiante.

Papá e Mamá
A min pintoume azul. Como me calou! Eu vexo no seu papá debuxado a un pitufo. Un home pequeno que quere asemellarse grande utilizando un xersei de colo alto (vaia idiota...). Case sen ollos porque non ve (será polo desprendimento de retina?). Case sen boca porque ten serios problemas de comunicación. Azul celeste, como non podía ser doutro xeito. Cianótico porque lle custa respirar abafado polas dúbidas existenciais e por outras dúbidas moito máis importantes (as que tecen o seu día a día).

Claro que o mesmo ela, aos seus catro anos, aínda ve en seu pai a unha especie de Dr. Manhattan, un semi-deus que ten resposta para todo, que cura as feridas cun bico, que lle saca chocolate das orellas por arte de maxia.

Á súa nai pintouna multicolor. E aí é onde demostrou ter psicoloxía. As mulleres son máis complexas e iso salta á vista. Hai amarelo nas fazulas, rosa, verde;  Fíxome rir o dos ollos vermellos (e que ninguén pense mal). Non son de ira, son polas noites de insomnio por mor do can.

Aldara
Aldara retratouse coma un sol con patas que é. Un sol bicolor. Con menos cores que a súa nai pero coas complexidades dunha muller medrando nela xa. No debuxo reflexou as súas dúas caras: a verde, que ocupa case todo o espazo, e que ven sendo a Aldara boa e obediente, cariñosa, rebulideira, presumida, alegre e sentida, faladora; e a rosa, a Aldara dos días raros, a que chora sen sentido e métese co seu irmán. E finalmente pintouse o corazón azul celeste, porque aínda que papá non pensa lavar o cerebro a ninguén... o Celta é moi grande, carallo!!!!

31 enero 2012

Pozo

Hai meses nos que costa manter o optimismo.

Tocoume facer os papeis do paro. O primeiro día cheguei aos dous minutos de abrir e quedei sen número.
- E non podo facer todo isto a través de internet?
- Es que tiene que entregar los documentos que faltan.
- E a que hora veño?
- Pues a primera hora.
- Desculpe? E que hora é esa?
Entendín todo ao día seguinte, ás portas do edificio do INEM. Facía frio e era cedo, moi cedo. Case hora e media antes de que abrise o garito. Pero é que somos moitos. Somos parados de carallo... Coñecín a unha rapaza, ela viña de segunda volta tamén. "Amigos na cola do paro", chamoume. Agardamos dende a famosa "primeira hora" ata a maldita "última hora". Tomamos un café, falamos de fútbol, de cine (inevitable), da vida na Coruña. A miña sólida tapadeira de tímido ao descuberto nunha triste mañá. Ah, un inciso: podía ter feito a xestión a través de internet. Gracioso, non?

Fun ao oculista polo do desprendimento de retina. O tipo non viu o volante, non preguntou nada, limitouse a sinalar co dedo unha banqueta mentres a súa enfermeira prendía a pantalla luminosa con formas:
- ¿Dónde tiene la abertura?
- Arriba, dereita, dereita, abaixo, dereita, arriba.
- Ves perfectamente, puedes irte.
- É que de preto, ao ler, vexo dobre. De lonxe non teño problema.
- Pero los miopes vemos bien de cerca, nuestro problema es de lejos. Quítate las gafas para leer. Puedes irte.
Un mes de incertidume agardando polo veredicto do puñeteiro especialista e vai e dime que quite os lentes para ler. Saír de alí foi comparable a ver a sexta tempada de Perdidos: Frustración crecente e ganas de matar.

O noso can pasou seis noites chorando sen parar, sen deixarnos durmir. Despois pareceulle pouco tempo e tamén chorou durante o día. Levámolo á veterinaria e seica ten ansiedade, unha especie de consecuencia do síndrome de separación canina. Que non entendo moi ben a santo de que lle entra un síndrome de separación, xusto no momento en que estamos todo o día na casa con el. Igual non ten o síndrome ese e o que lle pasa é que sinte que invadimos o seu espazo vital, con tanta compaña. Resumindo, despois de tres días nos que os ansiolíticos (baixo receita veterinaria) non deron resultado positivo algún, agora vése moito máis tranquilo. E nós levamos tres días seguidos durmindo (que non é pouco).

Conectei un iPod ao meu mac. Aínda me pregunto por que. Nin sequera teño iPod. Sincronizou, procesou, actualizou, xestionou e cascou o disco duro. Ah! e, culpa miña, non tiña copia de seguridade de canta morralla tiña metida nel. Leveino á tenda oficial en Coruña.
- El disco duro no funciona.
Grazas señor porque estos técnicos sempre dan co problema! (sic). Aceptei un cambio de disco duro con intento de recuperación de datos por un non moi módico prezo. Quedaron de chamarme hoxe os ladróns do Replay para dar contestación ao problema, pero será mañá. Ou igual están a agardar para que, definitivamente, empece Febreiro con mellor pé.

Xaneiro, aló fuches. Unha cousa teño clara: non te botarei en falta :)


31 diciembre 2011

Obituario de asuntos pasados

Ampliar para ver as miñas estrelas frikis
Este foi o ano no que Aurora se levantou e andivo; da chegada de Sexyboy (mátasme con eses ollos! vamos queimar Vigo xuntos meu!!!); o ano da familia emigrada en terras alleas; da calma chicha en Cerceda; dos cambios nos máis cativos da casa; dos proxectos que se farán o vindeiro ano; dos amigos conservados e os novos atopados; das crises existenciais varias; do desprendimento parcial de retina; da Terbutalina; Klaus & Kinski; El Árbol de la Vida; Juego de Tronos; American Horror Story; e esa tenda tan chusquiña de comics en Santiago de Compostela.

O vindeiro ano é unha páxina en branco e preciso da vosa axuda para escribir unha boa historia! Boa entrada no 2012!!!

10 diciembre 2011

Próxima Apertura / Me llamo Rama

Os problemas oculares persisten. Ando bastante mellor pero perdín vista e agora, de preto, teño visión dobre. Por iso ando desaparecido no blog. Tendo en conta o meu traballo, compréndese que intente coidarme, ou?

Hei volver, iso seguro. Polo momento podo adiantar que estarei este luns na presentación que se fará en Ames de "Me llamo Rama", outra curtametraxe de Alber Ponte na que colaborei como montador. Ten un reparto de luxo e unha historia que te mantén entretido os trinta minutos que dura. Aquí vos deixo o trailer (coa posibilidade de velo en HD):


ME LLAMO RAMA, outra curtametraxe de Alber Ponte (TRAILER)


15 octubre 2011

Compromiso cego

Gústame moito a miña profesión. Calquera que traballe comigo nótao ao momento.

John Ford co parche posto
Cando tomei a senda da edición, fíxeno con certa responsabilidade, porque xa iba cumprindo os meus anos e tocaba comprometerse. Dende entón intento nutrirme dos traballos doutra xente; a de aquí e a de máis aló do gran charco; e do pouco (bo) que se escribiu ao respecto. Intento mellorar. E gozo certamente co proceso.

O último proxecto no que participei foi unha proba realmente dura. Foi unha delicia traballar con aquela xentiña, pero non é doado dar sentido a moito material sen guión previo. Penso que foi a primeira vez que me sobrepasou o traballo... en dez anos! Un uppercut con crochet sobre o meu ego que por sorte non me afundiu. Todo o contrario, axudoume a reinventar o meu xeito de traballar e a reafirmarme máis no método que estaba a seguir (se cadra).

Despois dunha semana tirando moitísimas horas diante da liña de tempos, un xoves deixei de ver dun ollo.  E pilloume diante da mesa de edición. Así que estiven media hora cos ollos pechados, nun intento por relaxar a vista. Cando vin o suficiente (malia ser borroso) para coller o coche, volvín a Cerceda. Eu non lle quixen dar moita importancia, pero ao chegar a casa tanto María coma Cru, encargáronse de tirarme das orellas para que fose ao médico. Pero eu (inconsciente que é un) esperei a acabar o proxecto.

Situación superada... pero con consecuencias.

Onte houben de ir a urxencias porque sego vendo puntiños negros nese ollo. Tiveches un desprendemento de retina que está cicatrizando, dixo a oculista. Non me botaron bronca por ir tan tarde, botáronme bronca por non ir aquel mesmo xoves, ao momento. Seica non quedei cego dese ollo porque teño unha flor pegada no cú de nacemento. Unha vez máis, e van unhas cantas, tiven a sorte de aprender dun erro sen consecuencias dramáticas.

Hai situacións que nos fan ver a vida doutro xeito. Un pouco irónico, pero certo.

Agora sei que comprometerse cun proxecto non significa ir máis aló dos límites dun; significa cumplir co acordado e asegurarse de que vas a poder seguir facendoo ao día seguinte.

30 septiembre 2011

Fe de Erros (11) / Tralas Luces

Títulos como Tralas luces, son un gancho directo na queixada daqueles pailáns travestidos de eruditos que insisten en atopar todo o bo alén das nosas fronteiras.

Préme sobre a imaxe para visitar a páxina oficial da película
Un documental sensible e atmosférico con personalidade propia. Para ver e reflexionar. Moi recomendable.

27 septiembre 2011

Solución ao gadget SEGUIDORES

Cando o Blogger engadiu un gadget para os habituais dun blog (gadget de "Seguidores"), pareceume un aporte interesante. Se non o incluín inmediatamente no meu recuncho foi porque simplemente non se me cargaba na páxina.

Comprobei nestes meses que o gadget cárgase nalgúns blogs mais noutros non. Despois de falar onte pola noite con Crunia e Deb (e vendo os seus respectivos blogs) semella que a cousa confírmase. Cheguei á conclusión de que ten que ver coa compatibilidade do patrón que empregamos ao crear o noso sitio.

Así que  seguín argallando e penso que din coa solución ao problema. En troques de engadir o gadget "Seguidores" o que hai que facer é  conseguir o código fonte e engadilo como un gadget de "HTML/Javascript" dos de sempre. Doado e efectivo. 

O PROCESO PASO A PASO (Se o fixen eu, ti tamén podes)
  • Ingresar no Blogger co teu usuario e contrasinal.
  • Ir a www.google.com/friendconnect/
  • Para os que tedes máis dun blog: Elixir o blog no que queremos engadir o gadget (número 1)
  • Premer en "Añadir el gadget de miembros" (número 2
  • Na páxina que se abre, personalizar o teu gadget (números 3, 4 e 5)
  • Premer en "Generar código" (número 6) e copiar o contido.
  • Entrar no teu Blog, ir a "Diseño", engadir o gadget "HTML/Javascript" (número 7) e pegar dentro o código fonte que ves de copiar.
  • Gardar e... listo!

PODES AMPLIAR AS IMAXES DE AXUDA PREMENDO SOBRE ELAS

19 septiembre 2011

Escapismo

Cámara de Tortura China de Houdini

Estes figuras sacaron unha nova mellora de visualización (?) para o Blogger, pero a posibilidade de configuralo en galego segue a resultarlles un complexo xogo de escapismo de Harry Houdini. A ver se temos sorte e nun dos espectáculos afogan na piscina idiomática, amarrados ás cadeas da súa indiferencia. Xa o botei... Arreóh!

14 septiembre 2011

Fe de Erros (10) / A cascala

Os que verten a súa verborrea estéril sobre a humanidade; os que envexan o que ti tes porque non se atreven a perseguir o seu propio soño; os que odian xenerosamente e sen necesitar demasiados motivos; os que por prometer prometen e non cumplen porque lles tira dun pé mentres poidan seguir sacando tallada; os que se pensan eternos porque gozan de piscina na súa praia privada... Eles, seres despreciables, abofé teñen algunhas cousas en común con nós. E non o digo eu: "Vamos a ir poniéndonos todos en fila india porque vamos a cascarla."

Mamá Ladilla - Absolutamente nada (do álbume Jamón Beibe)