01 noviembre 2007
Elisabeth: A Idade Dourada
O certo é que xa me gustara a primeira “Elisabeth” (firmada también por Shekhar Kapur).
Nesta ocasión, a historia coñecida que se estudia nas escolas, serve de telón de fondo sobre o que Kapur tece unha historia de amor verdadeiro e conspiracións. Porque, como puede atopar unha raíña un sincero amor se, pola posición que ocupa, todo o mundo di o que quere escoitar? A resposta... nos cines.
Moi recomendable, ao meu parecer.
15 octubre 2007
Cuestións (3)
Tra-lo amparo do principio esencial de seguridade, os Estados Unidos ofrecen os seus non sempre desinteresados servizos ao resto do mundo.
Agasallan diariamente a outros países con seguridade, a costa da cuestionable eficacia dos seus ataques preventivos e convirten a paz en falacia, co desproporcionado volume de cartos que anualmente destinan á construcción e invención de novos xeitos de morte e tortura. Todo isto obviando, loxicamente, as cantidades que se embolsan coa venda de armamento obsoleto a países dos que despois (paradoxicamente) asegurarán, deben protexernos.
Unha loita sen cuartel que o máximo representante estadounidense non se priva de calificar como “unha búsqueda da paz mundial”. Todo un xesto de xenerosidade e honestidade co resto desfavorecido do planeta.
A cuestión está clara: Antes de esgotar a lista de inimigos a inventar, manterán a dignidade e honestidade da que agora tanto se fachendean e protexerannos do verdadero perigo? A súa propia ambición.
14 octubre 2007
Desexos (5)
10 octubre 2007
Entre os 50 e os 60 anda o listado
Teño que aclarar, denantes de comenzar, que tódolos comentarios verquidos neste artigo son persoais e polo tanto subxectivos. É responsabilidade miña que diga que “Sede de Mal” está por enriba de “O Home Kane” (por poñer un exemplo)... Ah! E non seguín orde cronolóxica algunha (salta á vista). Este é o listado:
Algo así de quente (de Billy Wilder, 1959) - Moito me temo que non será a única película de Wilder neste listado de xoias que deberías ver. E é que ninguén coma el para sacar ouro de situacións absurdas e esmendrellantes.A Costela de Adán (de George Cukor, 1949) - Sería inxusto non incluíla por un triste ano. Unha gran película cunha reflexión sobre a dominancia de sexos que aínda hoxe ten un arrecendo de frescura. E cunha das miñas parellas favoritas e con máis morbo (na vida real): Katherine Hepburn e Spencer Tracy.
A Raíña Africana (de John Huston, 1951) - Vaia, outra de Katherine Hepburn... Pois é casualidade, eh? (fiu fiu fiu) Xenial, divertida e cunha evolución de personaxes que derrite ao guionista máis pintado. Comedia. Romántica. Incisiva. Ñam!
¡Benvido, Mister Marshall! (de Luis García Berlanga, 1952) - Unha comedia con pouco romanticismo pero con humor para parar un tren (a toda unha comitiva americana -incluso-). Cine patrio do imprescindible (ao meu parecer).
Cantando baixo a choiva (de Stanley Donen e Gene Kelly, 1951) Do mellorciño en musicais. Realmente divertida e cunha parte de reflexión sobre o paso do cine mudo ao sonoro que personalmente me gusta moito. Se che tira esta película, poida que tamén o faga “Un día en New York” (mesma dirección, 1949).
Veña, máis musical, que imos a todo tren: Melodías de Broadway (de Vincente Minnelli, 1953). Na liña de “Cantando baixo a choiva” anque a min, personalmente, gústame máis a de Donen/Kelly. Moi divertida, en calquera caso.
As vacacións de Monsieur Hulot (de Jacques Tati, 1953) Se soes rir con Faemino e Cansado e gravas Humor Amarelo cando non o vas a poder ver... Esta película é a túa. Unha rareza, certo. Pero cun fermoso xeito de recoce-los gags. Unha comedia especial. O romanticismo polo ti.Sunset Blvd. (Billy Wilder, 1950) Non é comedia romántica, é un clásico imprescindible. E ate aquí podo ler. Se ves os títulos de crédito e non quedas pegado á cadeira ate que remata o filme... a cena págoa eu, prometido.
O apartamento (de Billy Wilder, 1960) - Para min, a mellor película de Billy Wilder (xunto coa mencionada Sunset Blvd.) É unha comedia corrosiva e cun estraño sentido do romanticismo. Impresionantes as labazadas que leva a protagonista.
Todo sobre Eva (de Joseph L. Mankiewicz, 1950) - Unha película incrible. Pero incrible de verdade. Se pensas que “O sexto sentido” ten un bo final... senta e agárrate ben. Esta película é para aqueles aos que lles gustan os xiros de guión que non entran con calzador. Non é unha comedia, non é romántica, pero é despiadada e retrata o mundo do espectáculo dun xeito que estremece. Ah, e dirixe Mankiewicz. Aínda non a queres ver?
Fresas Salvaxes (de Ingmar Bergman, 1957) - Bendito o día en que Bergman decidiu abandona-lo armario no que adoitaba encerralo seu pai para poñerse a dirixir teatro... Un dos meus directores de culto cunha das súas películas máis fermosas e melancolicamente románticas. Un doce co que empezar a súa filmografía (demoledora). Non é comedia (É necesario aclarar isto cando estamos a falar de Bergman?).
Sendeiros de Gloria (de Stanley Kubrick, 1957) - Pediches clásicos e sen non meto unha película de Kubrick hoxe non durmo. Un filme antibélico cun Kirk Duglas inmenso (a ver se aprende o fillo) e unha posta en escena que mete medo (exteriores claustrofóbicos e grandes espacios pechados -aí é nada-). Unha xoia imprescindible e in-men-sa.
Sede de Mal (de Orson Welles, 1958) - Despois de todo Orson Welles non debe ser tan malo como din se conseguiu filmar esta película. (...) E despois destes breves momentos de sorna galega, soamente me queda dicir: dalle duro e goza dun thriller de luxo... e a súa mellor película (como dicía no encabezamento). Ah! e con Charlton Heston e Janet Leigh. Nada, que non a vexas... (perdón, xa deixaramo-la sorna)E polo momento xa chega. Quedan moitas pero darían para unha segunda parte (incluso máis) deste artigo.
Para que vexas que non minto deixeime no tinteiro xoias como “A lei do silencio” (do delator -e nembargantes gran director- Elia Kazan, 1954), “Os Sete samurais” (de Akira Kurosawa, 1954), Vértigo (de Alfred Hitchcock, 1958), “Os 400 golpes” (de François Truffaut) (1959), “Orfeo Negro” (de Marcel Camus, 1959) ou “Morte dun ciclista” (de Juan Antonio Bardem, 1955)...
A ver se che resulta útil este listado. Se ves algunha que non tiñas visto e resulta que che gustou... non dubides en deixa-lo teu comentario.
08 septiembre 2007
Precísase tanto remake?
Acabáronselle as boas ideas? É necesario tanto remake? Gustouche algún remake máis que o propio orixinal?
Os grandes estudios sempre copiaron (con máis ou menos descaro) aquelas historias (propias ou alleas) que funcionaban no mercado. Xa o dicía Billy Wilder: "(...) polo que respecta aos argumentos, penso que xa todo está inventado. Agora fanse remakes."
Dende Os Sete Magníficos, coñecido remake da maxistral Os Sete Samurais de Akira Kurosawa; a sorprendente versión de Carta dunha descoñecida, orixinalmente de Max Ophüls; ou o prescindible e excesivo King Kong de Peter Jackson.
Mais, todo quede dito, a historia dos remakes deixounos obras ben curiosas. E neste punto gustaríame falar do Psycho de Gus Van Sant, que fusila plano a plano a famosa película de Alfred Hitchcock (un dos directores máis solicitados por Hollywood á hora de facer versións das súas obras).
O traballo de Gus Van Sant lembroume un pouco ao relato de Jorge Luis Borjes no que Pierre Menard intenta redescubrir O Quixote para chegar á conclusión de que é unha obra que non se pode facer doutro xeito. Unha obra perfecta (coas súas imperfeccións) tal e como está. Cando vin a película enfadoume un pouco ese descaro co que aborda os planos de Hitchcock, pero ao tempo pensei: Gus Van Sant, eres tan ousado coma reflexivo!
Na actualidade Hollywood prepara sendos remakes con Nicole Kidman (Ao final do espectro) ou Tom Hanks (Fahrenheit 451). Veremos que desfeitas fan.
30 julio 2007
O Fårö de Bergman apagouse
SECUENCIA FINAL. ISLA DE FARO. EXTERIOR / DÍA.
30 de Xullo de 2007. Hoxe, ás portas dos noventa años, Ingmar Bergman decidiu percorrer por derradeira vez a súa amada illa de Fårö. Pero sobre a area non quedaron as súas pegadas; nin os seus pés chegaron húmidos ou cheos de salitre; nin tan sequera, nun día tan caluroso, se detivo o vello Bergman para repoñer forzas ou beber da fonte; o eco dos seus pasos era xordo e a súa respiración o propio vento. Hai quen di telo visto voando. Alto. Moi alto.
Grazas Bergman por ternos levado da man todos estes anos, a través das túas luces e sombras e por ter guiado a nosa ollada cara aquilo que soamente tí sabías ver.
18 julio 2007
O dano que nos fixo un refresco
Maldita esa hora na que prendimos o televisor para ve-lo novo anuncio da innombrable bebida carbonatada con sabor a cola. E é que non hai nada máis baixo que facer recoñecer a un os anos que ten. Quen vivise como Sara Montiel ou Marujita Díaz, alleo a este desagradable tema ate o fin dos seus días!
Dito isto, deixemos que sexan a nostalxia e o cine infantil os que protagonicen este artigo. E é que os oitenta foron unha moi boa década para os que entón eramos nenos (hoxe -como dicía- fieis seguidores do dogma de Peter Pan).
A Princesa Prometida (1987), ademáis de ser unha das miñas películas de infancia preferidas, soportou con gran dignidade a sempre dura pegada do paso do tempo. Temos que recoñecelo: sempre funcionou moi ben aquilo de "mozo busca moza, á moza gústalle o mozo e perdices de postre".
Pero os oitenta deixaron algunhas outras xoias, como A Historia Interminable (1984), da que recomendo ademáis o libro; Dentro do Labirinto (1986), que seguía os pasos da serie televisiva Fraggle Rock e mesturaba con gran eficacia personaxes reais e bonecos animados manual e mecánicamente (esquezamo-lo 3D polo momento); Cristal Escuro (1982), unha historia fantástica en tódolos sentidos e la primera película que conseguiu que pasase medo e rise ao mesmo tempo (dende ese día adoro á bruxa Aughra e ao seu creador Frank Oz –o gran Mestre Yoda de Star Wars-); Os Goonies (1985), Quen no buscou no seu trasteiro unha porta secreta cun mapa do tesouro (e se non a atoupou... inventouna!)?; O voo do navegante (1986), que aproveitaba o camiño aberto por E.T. (1982) e tiña unha factura infinítamente máis refinada que Mi amigo MAC (1988) a pesares de ser esta última posterior;... e outras tantas.
Vinte anos máis tarde, continúo gozando destas historias. Recentemente, puiden comprobar que ás miñas sobriñas gústanlle tanto como a min.
Grazas Gretel por convidarnos a ver cara atrás. E se a alguén se lle ocorre algunha outra película que marcou a súa infancia... Que nolo conte! Teño ganas de redescubrir algunha rareza agochada nalgún lugar inaccesible da miña memoria.
10 enero 2005
Fe de erros (2)
Pensa con soberbia o lobo que se agocha a lúa tra-las nubes, aterrada polo seu oubear.
19 diciembre 2004
Desexos (4)
Acompáñame esta sensación de baleiro dende que teño uso de razón. Onte pola noite, estiven a piques de dar coa solución ao problema. Foi durante unha das miñas fugaces viaxes oníricas. Soñei contigo. No meu soño susurrabas: “Dime de que presumes e direiche de que careces”. Se cadra, ter algo do que presumir ante ti, brindaríache a posibilidade de me dicir que é iso que dende hai tanto tempo me falta... Magoadamente, ao espertar, os máis doces soños tornan parvos. E é por iso que te chamei. Desexaba contarcho.
12 diciembre 2004
O Bico

Detalle da composición de Pablo San José
Eles namoraron nunha noite noite ateigada de estrelas (de mar). E foi el o primeiro en se atrever a garabuxar no silencio unha promesa. Decidiu (e díxollo compartindo os seus beizos entreabertos), que non a deixaría ate ter bicado todos e cada un dos seus recunchos. E aínda así, decidiu, tampouco a deixaría. Pasaron moitos anos tinguidos de violetas e café, de area. Un día ela amenceu con el, pero soa... E aloumiñándose as canas comprendeu que el viña de cumpli-la súa promesa (ao fin e ao cabo). Horas antes, apenas un intre despois de que o seu corazón esbozase un derradeiro latexo, el bicouna na memoria.
08 diciembre 2004
Cuestións (2)
Paseaba polo parque e entráronme unhas irremediables ganas de tirarme a vida (de a pouco) así que levando un pito á boca, achegeime a un hombre que xogaba co seu chisqueiro.
> Pode darme vostede lume, por favor?
O home, sen imutarse sequera, continuou facendo desaparece-la mecha baixo o seu furabolos. Por aquel entón a miña necesidade suicida a prazos medrara tanto que, case sen decatarme, atopeime implorando:
> Pode venderme una chamiña?
Detívose entón o home e fitoume.
> A ver, vostede que quere?
E é que antes do lume, está claro, inventouse o comercio.
20 noviembre 2004
Desexos (3)

Fotograma do filme El Sur de Víctor Erice
19 noviembre 2004
Desexos (2)
Atoparon a un pobre cego sen vida na súa propia casa. A xente (que tende a marmurar) dicía que morrera de fame. Días antes vírano fozando na escombreira. De alí, aseguraban, salira cun espello de lúa fracturada. O cego, moi contento, levárao para casa e colgárao na parede do seu cuarto (quen sabe o motivo). Unha vez fronte a el, o espello, que acabou sendo un espello máxico, dirixiuse ao cego cunha voz profunda e pausada: Contesta bo home, dixo o espello máxico, que cousa desexas máis? Ver ou comer?. O que sucedeu seguramente é que desexou o cego non terse visto en semellante situación.
13 noviembre 2004
09 noviembre 2004
Puntualizando
23 octubre 2004
Noite de ollos abertos, noite de afectos desertos
Durmiunos a noite
desafiando ao tempo, aos cánticos, aos brindes,
a un aire tinguido en ascuas.
Por este intre!
Chin, chin.
Bébedos, na noite,
buscabamos rescatar
e afundir nas nosas gorxas,
situacións xa vividas.
E, se cadra, outra copa.
E se gozamos, dalgún xeito,
de fugaces efluvios de felicidade, sexa porque dous corpos
que non deixan de aproximarse,
ocorre que ao fin se tocan.
Chin, chin.
19 octubre 2004
18 octubre 2004
Fe de Erros
Haiche dous tipos de nó de estómago: os que aniñan na conciencia e os que oprimen o miocardio. Ningún deles sabe de dixestivo e, con toda seguridade, ningún viu un estómago nin de lonxe.
17 octubre 2004
Perfil de Manuel Macou
Nacín en Bueu con medio agosto de 1977 xa usado (un xoves, concretamente). Meus pais celébrano sen ter chegado a un acordo co raio do nome. Cada familia tira para un lado (que se ten que se chamar como o avó materno, que se ten que levar o nome do pai) e ninguén pensa en min. Nin tan sequera eu penso en min, que con tan poucos días de experiencia neste mundo, aínda non tomei conciencia de min mesmo. Bastante teño con facerme escoitar cada vez que me entra a fame. Nun xiro inesperado de boa sorte que á postre me acompañará toda a vida, líbrome no último momento de ser chamado Manuel Servilio. Lacra que tivese arruinado as miñas pretensións de ser o rapaz máis popular en primaria e tivese acabado por me converter, a golpe de Rexistro Civil, nun friki sen remisión.
Así pois, como Manuel Buceta, curso a xa defenestrada Educación Xeral Básica (E.X.B.) no Colexio Público "A Pedra" de Bueu, onde acabo converténdome, a golpe de méritos propios, nun friki sen remisión. Por aquel entón gusto de escribir, gañando incluso algún premio de narrativa; gusto do teatro (prometo non subir o vídeo ese das maias vermellas facendo de "W" en "Hai festa en ABC"); pero sobre todo, onde destaco realmente, é falando na clase, gañando incluso varios castigos máis que merecidos e odiosas comparacións coa miña irmá maior.
Estas primeiras vivencias escolares supéroas con bastante gloria (no que a notas se refire). Teño a sorte de caer nas mans de Arturo Sánchez, que ademáis de ter unha páxina sobre Bueu que paga a pena ser visitada (tedes o vencello aí, á vosa dereita), convértese no mestre, amigo e referente para min. A súa filosofía de "non amaestrar aos rapaces, axudalos a pensar" fíxome aceptar o meu rol no mundo, que non é outro que o de buscar o meu maldito rol no mundo en cada traballo que emprenda. Xa vos contarei os avances a este respecto.
![]() |
| En Cuarteto para unha noite de verán xunto a Elia |
Cando abandono a pubertade, líbrome de paso das roupas de cores fosforitas, os acid house e aquelas ombreiras que xamáis deberon inventarse. En definitiva, son quen de deixar atrás toda pegada dos oitenta. É entón cando curso os meus estudos na Escola Universitaria de Enfermería de Pontevedra e dirixo (sen deixar de lado a interpretación) o grupo teatral "Teatro Scaenae" (novembro de 1998), coa que estreamos un ano despois "Cuarteto para unha noite de verán" de Miguel Anxo Fernán-Vello. As calurosas críticas da prensa (se cadra o exceso de calor) disolven o grupo teatral como tal, sen chegar a converter en cinzas o cariño que teño a Elia e Carmela (co-protagonistas da obra xunto a María).
![]() |
| En Aurora, xunto a Encarna Alonso |
Arrancamos deste xeito coa primeira curta: "Exitus". Con guión propio e co-dirixida xunto a Vanesa Amoedo, "Exitus" é un thriller psicolóxico que conta no seu reparto con Fer Patiño, Sara Varela e Evencio Álvarez. CURIOSIDADES: Cando dispoño dos medios e coñecementos técnicos necesarios, remonto a curtametraxe para re-estreala na súa versión definitiva en 2007. Exitus, pese a non ter sido presentada a certame algún é, de tódalas curtas que fixen, a máis solicitada para a súa proxección.
A finais de 1999, despois de ano e medio extraendo sangue, aplicando apósitos, levando o corazón nun puño nunha ambulancia e loitando contra a enfermidade allea dos ingresados no Complexo Hospitalario Provincial-Montecelo, son eu mesmo o que ingreso, neste caso, na Escola de Imaxe e Son (EIS) de A Coruña para cursar o módulo de Realización e Espectáculos.
En 2002, antes de acabar o primeiro ano, incluso antes de acabar o primeiro trimestre, escribo e dirixo "Sublimación (todo o que sube baixa -e viceversa-)" unha curta delirante e cíclica con Luis Zahera como protagonista e a produción da propia EIS detrás. CURIOSIDADES: Esta obra, ao igual que sucedera con "Exitus", está en proceso de remontaxe e remestura de son. Ten sen dúbida o inicio máis imactante dos que chegarei a gravar, grazas aos efectos dixitais de Martin DeSoto. Un amigo e habitual escravo nos nosos proxectos.
En 2003 estreamos a nosa terceira curta con Teatro Scaenae (novamente con guión propio e eu mesmo aos mandos da Enterprise), "Nai que non fuches", un drama con acenos poéticos e coa emocionante interpretación de Luis Iglesia e Sara Varela. CURIOSIDADES: Con "Nai que non fuches" cumprín o obxectivo de contar en doce minutos o que pasa (en segundos) pola cabeza dun home que se recosta. A primeira parte foi gravada nas praias de Beluso, semanas antes de seren tinxidas co ouro negro do Prestige (que finalmente nin se evaporou nin se solidificou -como dicían-).
![]() |
| Gravación de Aurora (Fotos de Pablo Carballeira) |
Ao sairen da EIS empezo a desenvolverme como montador. Participo, a través das produtoras Aldea Films, Filmanova, Continental Televisión, Ficción Produccións e Zenit Televisión, en diversos proxectos para televisión e cine: "A Casa de 1907", un docusoap para a TVG na que os participantes debían vivir como antano; "A Caixa Negra", unha serie documental (adaptación do exitoso formato vasco co mesmo nome), posiblemente a mellor serie documental de produción propia emitida ata a data na TVG; "Fútbol de Alterne", a terceira longametraxe de Alber Ponte (sobre unha idea orixinal de Antón Reixa); "A Casa da Luz", segunda longametraxe de Carlos Amil (aquí como axudante de montaxe de Juan Carlos Arroyo -montador de "La noche que dejó de llover" "El Portero" ou "El hombre de arena"); "Gran Cambio", docusoap, tamén para a TVG, na que os protagonistas deben perder peso para gañar o concurso; "Casamos" que contaba os avatares da preparación das vodas; "Escoba!" a galecom dirixida por Mariana Carballal e realizada por Alex Sampayo; "CoraSons" a longametraxe documental musical dirixida por Paco Abelleira e presentada na XXVI Edición de Cineuropa; a longametraxe de ficción "Schimbare" (aquí como Script) dirxida por Alex Sampayo e protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.
![]() |
| Diante do monitor durante a rodaxe de Schimbare |
Sección: Pensamientos para Ladillas
Sinopse: Pena e Gloria reciben a visita inesperada das súas curmás: María e Jules.
En 2007 gravamos, sempre con Teatro Scaenae e guión propio, "Cafés de Papel", unha curta experimental con fondo social, coa que participamos en Curtas na Rede, gañando os premios de Mellor Curtametraxe de Inmigración e Mellor Actriz Principal (Maguette Niang). CURIOSIDADES: Sen entrar a concurso, "Cafés de papel" proxectouse no Festival de Cans nunha das salas alternativas.
A finais de 2008 saqueo parte dos aforros á miña muller e activamos, a través de Teatro Scaenae, a curtametraxe "Aurora", o proxecto máis persoal ata o momento. CURIOSIDADES: Partindo das experiencias vividas na casa coa miña bisavoa, fíase o guión dunha comedia dramática coa que se pretende destacar o valor dos nosos maiores. Non só porque pertencen ao noso pasado, se non porque axudan a que forxemos un futuro mellor. Neste proxecto contamos con Xúlio Abonjo, Mª Ángeles Prieto e as colaboracións especiais de Camila Bossa, Antonio Mourelos e Abi Buceta. Por problemas técnicos non pode ser estreada ata 2011 e, polo momento, foi seleccionada como finalista nos certames de Angelika Cinema Lounge de Madrid e o certame galego de curtametraxes por excelencia, o IX Festival de Cans.
Actualmente continúo a traballar como montador (todo o que a crise económica me permite) e colaborando en canta curtamentraxe podo, pois é un formato que adoro.
Temos en preprodución un guión de longametraxe baseado nunha excelente novela de J.J.M. Veiga.
E con todo e sen queixarme, podo asegurar: o bo está por chegar...











