23 mayo 2008

Aberto por reformas

O certo é que non teño nin idea de canto durará esta nova obra. Pero o feito é que aquí estamos (que non é pouco).

Unha vez máis, embarcarémonos nunha aventura curta. E tódalas dúbidas están aí, cada un dos medos. Ate o de agora sempre estiven listo á hora de atopar un culpable que xustificase os desastres nos que se acaba por converter cada unha das curtametraxes que emprendo (que emprendemos).

Pero o certo é que a última,
Cafés de Papel, funcionou moi por encima do agarado, tendo en conta que era un proxecto moi moi limitado (moi humilde pódese dicir). E este inusitado resultado brindounos a posibilidade de rodar, antes da fin do verán, outra curta (desta vez contando con máis recursos).

Estou aterrado, porque a historia eu penso que está bastante ben (é divertida e ten un punto optimista -vitalista- que gustará) e iso quere dicir que se desta vez algo sae mal será pola miña culpa e non poderei agocha-las miñas incapacidades detrás da falta de medios o vai ti a saber que.

Estou xestando este novo fillo con esperanza, pero ao mesmo tempo teño a impresión de que desta vez estoume deixando levar de máis. Poida que sexa porque, por primeira vez, a pre-produción non a estou a afrontar . Así que quero adicar esta primera entrada posterior á reforma do blog para recoñece-lo traballo que, dende xa, están a facer polo novo proxecto: Abi, Roberto e María (Grazas pola vosa paciencia: Quérovos!!!).

Por certo, déixovos unha ligazón (como primicia) coa posible
Banda Sonora... A ver que vos parece.

01 abril 2008

INLAND EMPIRE: A través do labirinto

Este artigo pretende ser unha man amiga dentro do labirinto de imaxes e sensacións creado por Lynch...

Tiven a ocasión (a sorte) de asistir en A Coruña a un seminario organizado polo CGAI baixo o título: "INLAND EMPIRE. Propostas desde o labirinto".

Participaron os conferenciantes: Fran Benavente, Angel Quintana (Redactores de Cahiers du Cinéma España), Andrés Hispano, Inma Merino e o mesmo Hervé Aubron (Redactor de Cahiers du Cinéma e autor do libro sobre Mulholland Drive).

Aínda lembro cando saín da sala despois de ter asistido a INLAND EMPIRE. María, que no último momento decidiu non acompañarme (ela foi ver Banderas de nuestros padres), agardaba fóra e, ao verme a cara, dixo con certa preocupación: “Atópaste ben? Queres tomar unha infusión?”. Mal sabía eu entón que o que precisaba era este seminario.

As diferentes intervencións de cada un dos conferenciantes foron aclarando o mundo no que se move Lynch e as súas motivacións á hora de afrontar un proxecto. E a primeira conclusión que saquei é precisamente esta: pódese concreta-lo marco no que Lynch move as súas pezas, pero se cadra é un tanto desacertado intentar dar unha explicación única ás súas películas, xa que Lynch parte da premisa de que “Algo é un misterio en tanto en canto hai pezas que non acaban de encaixar. Se todo é desvelado, onde está o misterio?.”

Así a todo non se pode afirmar que a obra de Lynch careza de sentido pois en ningún intre ten un a sensación de que o autor está perdido na súa propia narración. Somos nós os que nos deixamos perder nese mundo de corredores e portas que Lynch crea coas súas historias.

INLAND EMPIRE pecha a triloxía aberta con Carretera Perdida e Mulholland Drive. Pero é algo máis que a terceira peza dun tríptico. Ademáis da evidente reflexión sobre a industria do cine nos Estados Unidos, a última película de Lynch convírtese nunha retrospectiva do seu propio cine. Nela atopamos localizacións e postas en escena que nos remiten a algúns dos seus traballos anteriores (incluída a maxisrtal serie Twin Peaks).


Ao longo da triloxía, Lynch fálanos insistentemente do preto que están ao proceso fílmico as mafias e a prostitución. E se cadra, fálanos tamén da súa propia prostitución como cineasta (como artista) e das súas pantasmas. Pouco e pouco, case sen decatarse, Lynch foise pechando en si mesmo, ate chegar a INLAND EMPIRE, onde toda a narración sona a desesperada chamada de auxilio.

Non esquezamos que David Lynch provén do mundo da pintura, e o xeito "libre" de traballar no seu estudio dista moito do xeito hermético de produción que utilizan as películas. Será por iso que Lynch foi elocuente á hora de eloxiar ao formato dixital, ate o punto de afirmar que “non volverá a traballar en cine” (xa veremos).

Escoitei algo no seminario que, nun primeiro momento, me produxo inquedanza. Andrés Hispano, despois de falarnos da curiosa relación existente entre a propia estructura horizontal da cidade de Los Ángeles (na que está ubicada a triloxía) e o carácter labiríntico das historias que en torno a ela se xeneran, dixo isto: “Después de ver a Laura Dern vomitando sangre sobre una estrella del paseo, ¿qué más puede hacer Lynch?” Tranquilizoume o feito de lembrar que o mesmo pensei eu ao saír do cine, despois de ver Mulholland Drive.


Pero así son os xenios. Anos máis tarde, e cunha proposta arriscada e efectiva, Lynch volve a agasallarnos con outro poema visual: INLAND EMPIRE. Recoméndovola con especial énfase e ao tempo advírtovos que non hai nela nada eventual (nin os desenfoques, nin os movementos “sucios” de cámara,... nada).

É posiblemente a súa mellor película e quen sabe se será a película que necesitaba facer para se liberar de xeito definitivo dos seus medos, compartilos connosco e traballar, soamente entón, libremente.

22 enero 2008

No Country For Old Men

Veño de ver a nova película dos irmáns Coen e penso que é, sobre todo, unha volta a casa. O camiño de retorno non foi doado, pero pagou a pena. Cunha narración sinxela, directa e sen artificios (nin tan sequera ten banda sonora!) se nos conduce cara o final dun xeito totalmente natural. Soamente podo dicir que o novo dos Coen devolveunos (ao fin) aos vellos Coen.

E ti, que opinas?

08 diciembre 2007

O outro Alber Ponte e un agasallo

E por fin, a luz. Despois de varios meses de tebras que anunciaban a fin da curtametraxe española (e de paso do curtametraxista), finalmente a irmá pequena da longametraxe foi readmitida no firmamento cinematográfico patrio.

E agora que a Academia deu un paso atrás e posto que, por unha vez, retroceder ten connotacións positivas, penso que é oportuno falar de alguén como Alber Ponte.


fotograma de Pernambuco, unha das súas curtas

Con case 40 curtametraxes (se é que neste mesmo intre non está rodando xa a número 41) é o curtametraxista máis prolífico do noso país e, segundo o que din, o terceiro (no que ao Guiness se refire) por detrás dun finlandés e un islandés. Pero eu descoñecía todos estos datos cando, nunha calurosa mañá de maio, asomóu pola porta da nosa cabina de montaxe.

Un tío enorme tipo Shrek (pero sen as orelliñas en forma de cono), pelo cano, gafas de sol e unha voz profunda seguiron ao xemir das bisagras ao abrirse a porta. A sala ficou en silencio. E por un instante puidemos observalo en toda a súa inmensidade. Entón, Alber falou. E se cadra non é literal o que vou relatar, máis a situación foi algo semellante ao que sigue:

- Mmm... Ola - Novo silencio. - Se cadra agardábades algo máis profundo - dixo sorrindo (lembro iso perfectamente). Pechou a porta para volver a abrila, un segundo máis tarde e, con certa sobreactuación, citar a algún filósofo (ou sería un director de cine), ou simplemente inventar algo como: Deixemos aos que teñen envexa a tarefa de proferir calumnias e aos necios a de contestalas*.

E así é Alber: directo, impredecible e (agora podo decilo) amigo dos seus amigos.

Dende aquel venturoso mes de maio tiven a sorte de camiñar xunto a el en varios proxectos (entre os que destaco con gran afecto o primero deles: “Rosita e Jacinto”) e comprobei que dispón dunha enerxía sobrehumana que lle permite parir sen descanso historias... e o que é máis difícil, levalas a bo porto.

Envéxolle a capacidade de non namorarse, de non amar unha curta súa ata o punto de esquecer por unhas semanas (durante unhas horas) que necesita facer outra e outra.

Pero así é Alber, vai camiño das 40 curtametraxes (xa digo que igual a cifra está desfasada a estas horas) e segue crendo nun formato que ata hai unhas semanas era prescindible para a nosa Academia.

Alguén estará a preguntarse iso que tantas veces a el mesmo lle plantexaron: Despoi
s de tanta curta... Para cando outra longametraxe? Quen sabe. Poida que non teñamos que agardar moito...

Déixovos como agasallo o trailer do último proxecto que compartimos:

OS TESOUROS DE CARACONA

____________________

* esta cita é propiedade de Luis Dupaty

01 noviembre 2007

Elisabeth: A Idade Dourada

A vida da Raíña Virxe seguramente foi así. Unha película que non se detén, enérxica e emocionante... Ah! E Jordi Mollá ten un incrible parecido Borbón. En fin, que soamente lle falta dicir "¿Por qué no te callas?" a Elisabeth. Hahahahaha

O certo é que xa me gustara a primeira “Elisabeth” (firmada también por Shekhar Kapur).

Nesta ocasión, a historia coñecida que se estudia nas escolas, serve de telón de fondo sobre o que Kapur tece unha historia de amor verdadeiro e conspiracións. Porque, como puede atopar unha raíña un sincero amor se, pola posición que ocupa, todo o mundo di o que quere escoitar? A resposta... nos cines.

Moi recomendable, ao meu parecer.

15 octubre 2007

Cuestións (3)


esta é a posguerra dos Estados Unidos

Tra-lo amparo do principio esencial de seguridade, os Estados Unidos ofrecen os seus non sempre desinteresados servizos ao resto do mundo.

Agasallan diariamente a outros países con seguridade, a costa da cuestionable eficacia dos seus ataques preventivos e convirten a paz en falacia, co desproporcionado volume de cartos que anualmente destinan á construcción e invención de novos xeitos de morte e tortura. Todo isto obviando, loxicamente, as cantidades que se embolsan coa venda de armamento obsoleto a países dos que despois (paradoxicamente) asegurarán, deben protexernos.

Unha loita sen cuartel que o máximo representante estadounidense non se priva de calificar como “unha búsqueda da paz mundial”. Todo un xesto de xenerosidade e honestidade co resto desfavorecido do planeta.

A cuestión está clara: Antes de esgotar a lista de inimigos a inventar, manterán a dignidade e honestidade da que agora tanto se fachendean e protexerannos do verdadero perigo? A súa propia ambición.

14 octubre 2007

Desexos (5)

O desexo insatisfeito de atopar traballo por parte dunha desafortunada maioría, xenera na xente xove un desalento que soamente é comparable coa impotencia, consecuencia da explotación laboral á que se ve sometida o resto da minoría afortunada.

10 octubre 2007

Entre os 50 e os 60 anda o listado

Cinéfilos, sempre ao voso servizo. En resposta á petición feita por olgabarbie, comprácenos o feito de presentarvos a nosa particular colleita de clásicos e comedias románticas dos anos 50 e 60... Se falta algunha non dubides en facérnolo saber!

Teño que aclarar, denantes de comenzar, que tódolos comentarios verquidos neste artigo son persoais e polo tanto subxectivos. É responsabilidade miña que diga que “Sede de Mal” está por enriba de “O Home Kane” (por poñer un exemplo)... Ah! E non seguín orde cronolóxica algunha (salta á vista). Este é o listado:

Algo así de quente (de Billy Wilder, 1959) - Moito me temo que non será a única película de Wilder neste listado de xoias que deberías ver. E é que ninguén coma el para sacar ouro de situacións absurdas e esmendrellantes.

A Costela de Adán (de George Cukor, 1949) - Sería inxusto non incluíla por un triste ano. Unha gran película cunha reflexión sobre a dominancia de sexos que aínda hoxe ten un arrecendo de frescura. E cunha das miñas parellas favoritas e con máis morbo (na vida real): Katherine Hepburn e Spencer Tracy.

A Raíña Africana (de John Huston, 1951) - Vaia, outra de Katherine Hepburn... Pois é casualidade, eh? (fiu fiu fiu) Xenial, divertida e cunha evolución de personaxes que derrite ao guionista máis pintado. Comedia. Romántica. Incisiva. Ñam!

¡Benvido, Mister Marshall! (de Luis García Berlanga, 1952) - Unha comedia con pouco romanticismo pero con humor para parar un tren (a toda unha comitiva americana -incluso-). Cine patrio do imprescindible (ao meu parecer).

Cantando baixo a choiva (de Stanley Donen e Gene Kelly, 1951) Do mellorciño en musicais. Realmente divertida e cunha parte de reflexión sobre o paso do cine mudo ao sonoro que personalmente me gusta moito. Se che tira esta película, poida que tamén o faga “Un día en New York” (mesma dirección, 1949).

Veña, máis musical, que imos a todo tren: Melodías de Broadway (de Vincente Minnelli, 1953). Na liña de “Cantando baixo a choiva” anque a min, personalmente, gústame máis a de Donen/Kelly. Moi divertida, en calquera caso.

As vacacións de Monsieur Hulot (de Jacques Tati, 1953) Se soes rir con Faemino e Cansado e gravas Humor Amarelo cando non o vas a poder ver... Esta película é a túa. Unha rareza, certo. Pero cun fermoso xeito de recoce-los gags. Unha comedia especial. O romanticismo polo ti.

Sunset Blvd. (Billy Wilder, 1950) Non é comedia romántica, é un clásico imprescindible. E ate aquí podo ler. Se ves os títulos de crédito e non quedas pegado á cadeira ate que remata o filme... a cena págoa eu, prometido.

O apartamento (de Billy Wilder, 1960) - Para min, a mellor película de Billy Wilder (xunto coa mencionada Sunset Blvd.) É unha comedia corrosiva e cun estraño sentido do romanticismo. Impresionantes as labazadas que leva a protagonista.

Todo sobre Eva (de Joseph L. Mankiewicz, 1950) - Unha película incrible. Pero incrible de verdade. Se pensas que “O sexto sentido” ten un bo final... senta e agárrate ben. Esta película é para aqueles aos que lles gustan os xiros de guión que non entran con calzador. Non é unha comedia, non é romántica, pero é despiadada e retrata o mundo do espectáculo dun xeito que estremece. Ah, e dirixe Mankiewicz. Aínda non a queres ver?

Fresas Salvaxes (de Ingmar Bergman, 1957) - Bendito o día en que Bergman decidiu abandona-lo armario no que adoitaba encerralo seu pai para poñerse a dirixir teatro... Un dos meus directores de culto cunha das súas películas máis fermosas e melancolicamente románticas. Un doce co que empezar a súa filmografía (demoledora). Non é comedia (É necesario aclarar isto cando estamos a falar de Bergman?).

Sendeiros de Gloria (de Stanley Kubrick, 1957) - Pediches clásicos e sen non meto unha película de Kubrick hoxe non durmo. Un filme antibélico cun Kirk Duglas inmenso (a ver se aprende o fillo) e unha posta en escena que mete medo (exteriores claustrofóbicos e grandes espacios pechados -aí é nada-). Unha xoia imprescindible e in-men-sa.

Sede de Mal (de Orson Welles, 1958) - Despois de todo Orson Welles non debe ser tan malo como din se conseguiu filmar esta película. (...) E despois destes breves momentos de sorna galega, soamente me queda dicir: dalle duro e goza dun thriller de luxo... e a súa mellor película (como dicía no encabezamento). Ah! e con Charlton Heston e Janet Leigh. Nada, que non a vexas... (perdón, xa deixaramo-la sorna)

E polo momento xa chega. Quedan moitas pero darían para unha segunda parte (incluso máis) deste artigo.

Para que vexas que non minto deixeime no tinteiro xoias como “A lei do silencio” (do delator -e nembargantes gran director- Elia Kazan, 1954), “Os Sete samurais” (de Akira Kurosawa, 1954), Vértigo (de Alfred Hitchcock, 1958), “Os 400 golpes” (de François Truffaut) (1959), “Orfeo Negro” (de Marcel Camus, 1959) ou “Morte dun ciclista” (de Juan Antonio Bardem, 1955)...

A ver se che resulta útil este listado. Se ves algunha que non tiñas visto e resulta que che gustou... non dubides en deixa-lo teu comentario.

08 septiembre 2007

Precísase tanto remake?

Tomemos como punto de partida o feito de que tódalas historias foron xa contadas no cine. Aínda nese hipotético caso, dun tempo a esta parte a multimillonaria industria de Hollywood está botando man, dun xeito de cada vez máis insistente e con menos pudor, de filmes xa realizados no seu momento cunha factura máis que meritoria.

Acabáronselle as boas ideas? É necesario tanto remake? Gustouche algún remake máis que o propio orixinal?

Os grandes estudios sempre copiaron (con máis ou menos descaro) aquelas historias (propias ou alleas) que funcionaban no mercado. Xa o dicía Billy Wilder: "(...) polo que respecta aos argumentos, penso que xa todo está inventado. Agora fanse remakes."

Dende Os Sete Magníficos, coñecido remake da maxistral Os Sete Samurais de Akira Kurosawa; a sorprendente versión de Carta dunha descoñecida, orixinalmente de Max Ophüls; ou o prescindible e excesivo King Kong de Peter Jackson.

Mais, todo quede dito, a historia dos remakes deixounos obras ben curiosas. E neste punto gustaríame falar do Psycho de Gus Van Sant, que fusila plano a plano a famosa película de Alfred Hitchcock (un dos directores máis solicitados por Hollywood á hora de facer versións das súas obras).

O traballo de Gus Van Sant lembroume un pouco ao relato de Jorge Luis Borjes no que Pierre Menard intenta redescubrir O Quixote para chegar á conclusión de que é unha obra que non se pode facer doutro xeito. Unha obra perfecta (coas súas imperfeccións) tal e como está. Cando vin a película enfadoume un pouco ese descaro co que aborda os planos de Hitchcock, pero ao tempo pensei: Gus Van Sant, eres tan ousado coma reflexivo!

Na actualidade Hollywood prepara sendos remakes con Nicole Kidman (Ao final do espectro) ou Tom Hanks (Fahrenheit 451). Veremos que desfeitas fan.

30 julio 2007

O Fårö de Bergman apagouse

Ingmar Bergman (1918 – 2007)

SECUENCIA FINAL. ISLA DE FARO. EXTERIOR / DÍA.

30 de Xullo de 2007. Hoxe, ás portas dos noventa años, Ingmar Bergman decidiu percorrer por derradeira vez a súa amada illa de Fårö. Pero sobre a area non quedaron as súas pegadas; nin os seus pés chegaron húmidos ou cheos de salitre; nin tan sequera, nun día tan caluroso, se detivo o vello Bergman para repoñer forzas ou beber da fonte; o eco dos seus pasos era xordo e a súa respiración o propio vento. Hai quen di telo visto voando. Alto. Moi alto.

Grazas Bergman por ternos levado da man todos estes anos, a través das túas luces e sombras e por ter guiado a nosa ollada cara aquilo que soamente tí sabías ver.

18 julio 2007

O dano que nos fixo un refresco

Gretel abriu a Caixa de Pandora e saíron dela unhas cantas películas da nosa infancia. Lembras ti algunha outra?

Maldita esa hora na que prendimos o televisor para ve-lo novo anuncio da innombrable bebida carbonatada con sabor a cola. E é que non hai nada máis baixo que facer recoñecer a un os anos que ten. Quen vivise como Sara Montiel ou Marujita Díaz, alleo a este desagradable tema ate o fin dos seus días!



Dito isto, deixemos que sexan a nostalxia e o cine infantil os que protagonicen este artigo. E é que os oitenta foron unha moi boa década para os que entón eramos nenos (hoxe -como dicía- fieis seguidores do dogma de Peter Pan).

A Princesa Prometida (1987), ademáis de ser unha das miñas películas de infancia preferidas, soportou con gran dignidade a sempre dura pegada do paso do tempo. Temos que recoñecelo: sempre funcionou moi ben aquilo de "mozo busca moza, á moza gústalle o mozo e perdices de postre".

Pero os oitenta deixaron algunhas outras xoias, como A Historia Interminable (1984), da que recomendo ademáis o libro; Dentro do Labirinto (1986), que seguía os pasos da serie televisiva Fraggle Rock e mesturaba con gran eficacia personaxes reais e bonecos animados manual e mecánicamente (esquezamo-lo 3D polo momento); Cristal Escuro (1982), unha historia fantástica en tódolos sentidos e la primera película que conseguiu que pasase medo e rise ao mesmo tempo (dende ese día adoro á bruxa Aughra e ao seu creador Frank Oz –o gran Mestre Yoda de Star Wars-); Os Goonies (1985), Quen no buscou no seu trasteiro unha porta secreta cun mapa do tesouro (e se non a atoupou... inventouna!)?; O voo do navegante (1986), que aproveitaba o camiño aberto por E.T. (1982) e tiña unha factura infinítamente máis refinada que Mi amigo MAC (1988) a pesares de ser esta última posterior;... e outras tantas.

Vinte anos máis tarde, continúo gozando destas historias. Recentemente, puiden comprobar que ás miñas sobriñas gústanlle tanto como a min.

Grazas Gretel por convidarnos a ver cara atrás. E se a alguén se lle ocorre algunha outra película que marcou a súa infancia... Que nolo conte! Teño ganas de redescubrir algunha rareza agochada nalgún lugar inaccesible da miña memoria.

10 enero 2005

Fe de erros (2)


Debuxo de Carlo Wierland

Pensa con soberbia o lobo que se agocha a lúa tra-las nubes, aterrada polo seu oubear.

19 diciembre 2004

Desexos (4)


Atopei esta nota no corredor

Acompáñame esta sensación de baleiro dende que teño uso de razón. Onte pola noite, estiven a piques de dar coa solución ao problema. Foi durante unha das miñas fugaces viaxes oníricas. Soñei contigo. No meu soño susurrabas: “Dime de que presumes e direiche de que careces”. Se cadra, ter algo do que presumir ante ti, brindaríache a posibilidade de me dicir que é iso que dende hai tanto tempo me falta... Magoadamente, ao espertar, os máis doces soños tornan parvos. E é por iso que te chamei. Desexaba contarcho.

12 diciembre 2004

O Bico


Detalle da composición de Pablo San José

Eles namoraron nunha noite noite ateigada de estrelas (de mar). E foi el o primeiro en se atrever a garabuxar no silencio unha promesa. Decidiu (e díxollo compartindo os seus beizos entreabertos), que non a deixaría ate ter bicado todos e cada un dos seus recunchos. E aínda así, decidiu, tampouco a deixaría. Pasaron moitos anos tinguidos de violetas e café, de area. Un día ela amenceu con el, pero soa... E aloumiñándose as canas comprendeu que el viña de cumpli-la súa promesa (ao fin e ao cabo). Horas antes, apenas un intre despois de que o seu corazón esbozase un derradeiro latexo, el bicouna na memoria.

08 diciembre 2004

Cuestións (2)

Paseaba polo parque e entráronme unhas irremediables ganas de tirarme a vida (de a pouco) así que levando un pito á boca, achegeime a un hombre que xogaba co seu chisqueiro.

> Pode darme vostede lume, por favor?

O home, sen imutarse sequera, continuou facendo desaparece-la mecha baixo o seu furabolos. Por aquel entón a miña necesidade suicida a prazos medrara tanto que, case sen decatarme, atopeime implorando:

> Pode venderme una chamiña?

Detívose entón o home e fitoume.

> A ver, vostede que quere?

E é que antes do lume, está claro, inventouse o comercio.

20 noviembre 2004

Desexos (3)


Fotograma do filme El Sur de Víctor Erice

O peor que pode desexar un amigo egoísta e necio ao que no vas ver en moito tempo é que "Non cambies nunca".

19 noviembre 2004

Desexos (2)


Lámina de Alfonso R. Castelao

Atoparon a un pobre cego sen vida na súa propia casa. A xente (que tende a marmurar) dicía que morrera de fame. Días antes vírano fozando na escombreira. De alí, aseguraban, salira cun espello de lúa fracturada. O cego, moi contento, levárao para casa e colgárao na parede do seu cuarto (quen sabe o motivo). Unha vez fronte a el, o espello, que acabou sendo un espello máxico, dirixiuse ao cego cunha voz profunda e pausada: Contesta bo home, dixo o espello máxico, que cousa desexas máis? Ver ou comer?. O que sucedeu seguramente é que desexou o cego non terse visto en semellante situación.

13 noviembre 2004

Cuestións

As mellores cuestións son aquelas que ao respondérense acaban en novas preguntas.

09 noviembre 2004

Puntualizando

a casa con dentes non abre a súa porta abre as súas fauces e engúlete e o seu tellado non te protexe da choiva porque o tempo e o vento fixeron voar as súas tellas e ate se te descoidas os seus cimentos se podes elixir elixe non entrar na casa con dentes e se non tes outro remedio retén o bafo e pecha os ollos porque a posta en escena é aterradora e a atmósfera que la rodea fede

23 octubre 2004

Noite de ollos abertos, noite de afectos desertos

Durmiunos a noite
desafiando ao tempo, aos cánticos, aos brindes,
a un aire tinguido en ascuas.
Por este intre!
Chin, chin.

Bébedos, na noite,
buscabamos rescatar
e afundir nas nosas gorxas,
situacións xa vividas.
E, se cadra, outra copa.

E se gozamos, dalgún xeito,
de fugaces efluvios de felicidade, sexa porque dous corpos
que non deixan de aproximarse,
ocorre que ao fin se tocan.
Chin, chin.