28 septiembre 2008
Aurora: Deuses e Monstros
Con Aurora buscabamos un paso adiante. E se cadra démolo. Pero toda evolución ten o seu prezo. E no caso de Aurora o custe non é pequeno. Durante toda a fin de semana pasada lembreime do monolito de 2001: unha odisea espacial.
Nunha rodaxe chea de atrancos sentinme en algúns momentos perdido (non estou moi habituado a improvisar) pero por sorte contei cun reparto que sumou todo o rato e aportou a sua experiencia para suplir algunhas das nosas carencias e aguanta-lo trebón nos momentos difíciles.
Tiven, estes días pasados, ocasión de visionar o gravado e o certo é que ao principio non acadaba a entender como puido ser unha rodaxe tan dura. O aspecto das imaxes é formidable e os actores están a uns niveis de realidade que vos emocionarán e que a min énchenme de orgullo.
Aprendimos moito dos acertos e (sobre todo) dos erros. Nese sentido e moi ao meu pesar, teño que destaca-la lección de profesionalidade que nos deu a todos Xosé Manuel Olveira "Pico" e que deixou ao descuberto que a pesares da nosa aposta polo xiro cara o profesional (se cadra incluso na boa dirección), seguimos sendo uns novatos. As miñas máis sinceras desculpas, amigo.
Agora quédanos confirmar coa montaxe que temos unha boa película e armar todo cun bo son e banda sonora. Como dixo un amigo ao que lle confesaba o día antes da rodaxe que o cámara era os meus ollos e polo tanto unha peza fundamental para conta-la nosa historia: "Coida ben da vista, mais non descoide-lo oído." Seguiremo-lo seu consello.
07 septiembre 2008
P e A: PA
Así a todo sería moi mal pai se o día máis importante do ano non fago un alto na vertixinosa carreira cara a gravación para dicir que a miña pequecha aprendeu a dicir: Pa-pa.
E para ela vai esta entrada (e se todo sae ben a curta tamén). Quérote Aldara.
25 agosto 2008
Fe de Erros (4)
Eu amo os nosos idiomas, porque me achegan aos meus semellantes (incluso aos que non están ou aos que non chegei a coñecer porque finaron moito antes de que meus propios pais nacesen) e porque estou convencido de que o mundo é máis rico coa sua existencia.
Pero a imposición é contraproducente e as trabas á súa utilización (con tanto continuo cambio) un grave erro. A solución non é doada, admítoo, mais hai dous días, paseando por Coruña cerca do Millenium, atopei un berro feito pintada ao que me adscribo:

A evolución natural non debería ser provocada, non?
15 agosto 2008
Cuestións (6)
09 agosto 2008
Eucalipto e sons doutros tempos

30 julio 2008
Fe de Erros (3)
24 julio 2008
A), B) e C)
Se hai uns días defendía A Casa da Luz na entrada que Amelie lle dedicaba no seu blog, hoxe, cunha xogada maestra por parte do destino, entro a formar parte da familia da Luz como Axudante de Montaxe.
Isto quere dicir varias cousas: A) que as casualidades existen, B) que estou moi contento e C) que Aurora, a nosa vindeira curtametraxe, vai ter que se xestar unhas cantas semanas máis.
Luz e cine para todos.
22 julio 2008
Cuestións (5)
Espero que vos guste e que vos faga reflexionar. A min reviviume unha cuestión dolorosamente actual: vale o sabor do petróleo o sangue dun home?
FALLEN ART
16 julio 2008
Un día coma hoxe
Nacen un día coma hoxe figuras da cultura e as artes coma: Barbara Stanwick - actriz estadounidense (1907); Reinaldo Arenas - poeta cubano (1943); Rubén Blades - artista panameño (1948); Miguel Indurain - ciclista español (1964); Laura Espido Freire - escritora española (1974); ou Jesse Jane - actriz porno estadounidense (1980).
E quedan para o noso recordo personaxes coma: Herbert Von Karajan - director de orquestra austríaco (1989); ou Celia Cruz - artista cubana (2003).
E un día coma hoxe nace unha peza fundamental na miña vida: ti.
FELICIDADES ABI
13 julio 2008
Todo final é un punto de partida
Esta mañá achegueime ao Rexistro de Propiedade Intelectual. Levei todo o camiño o guión baixo o brazo, pero non me puiden resistir a abrilo e reler algunha das pasaxes coas que non estaba totalmente conforme. Dominando as gañas de volver a casa e reescribilas, cubrín os impresos de xeito case inconsciente e soamente cando me devolveron o resgardo sentín o que debe sentir un pai que leva ao seu fillo á escola por primeira vez. Gustará a historia? Atoparemos financiación? Dirá ela que si? Que ganas teño de poder falarvos de... ela.
Esta é, sen dúbida, a curta que máis me custou escribir. Isto débese seguramente a que tamén é a primeira comedia á que me enfronto. Dentro dun xénero que recoñezo non é o meu, penso que acadei algo importante: atopei un estilo que si me é propio. Espero con impaciencia as reaccións da xente, claro.
Agora mesmo as vibracións son boas, pero atrás quedan longas semanas de loita contra o bloqueo. E máis semanas que quedan por diante de loita na pre-produción. Seguiremos informando.
11 julio 2008
Ensaios fotográficos (por Roberto Chico)
Na súa reflexión sobor da dictadura franquista, elixiu Deleitosa, un pequeno pobo de Cáceres de pouco máis de 2000 habitantes. Desta estancia xurdiu a reportaxe "Spanish Village, 1950" publicada na revista Life. Nela apreciamo-las secuelas da Guerra Civil, e todo o que supuxo esa época de fascismo, terror, represión, miseria e fame.
Nestas fotos pódese aprecia-lo seu xeito de traballar. Non tiña moito que ver coa inmediatez das nosas cámaras dixitais. Eugene Smith facía unha análise, investigaba e amosaba a súa opinión sobre o tema que viña de escoller.
Sempre que abro un vello álbume de fotografías penso en toda esa xente que non coñezo e tamén no valor que teñen ao lembrarnos como eran as cousas hai non tanto tempo. Cantos novos descubrimentos poden estar agochados aínda nas vellas caixas estragadas pola humidade. Coméntovos 3 instantáneas coa miña vella polaroid...
- polaroid#1:: Aínda non hai moitos anos que Ben Tarver herdou da súa tía 3 caixas de negativos que Robert Capa tomou durante a Guerra Civil española, sen que ata entón ninguén lle prestase moita atención.
- polaroid#2:: fállame a memoria... pero lembro un documental no que un profesor universitario recuperaba unha vella colección de fotografías aparecidas nun faiado e que constituían o vello arquivo dun fotógrafo semiprofesional, que nos anos 50-60 retrataba a vida dos pobos deas serras dunha provincia española. Ademáis de recupera-las vellas instantáneas, completáronas coa laboura antropolóxica de coñecer a aqueles que aparecían nas fotografías, como era a súa vida, que fixeron dela... aproveitando que algún dos seus protagonistas aínda podía lembrar.
- polaroid#3:: para rematar, o fotógrafo Virxilio Vieitez, que durante toda a súa vida estivo a retratar á xente de Terra de Montes e que ate 1998 non se recoñeceu o valor tanto estético coma documental da súa obra.

28 junio 2008
A unha secuencia
Secuencia de Dalí da película Recuerda
Onte foi un bo día. Conseguín por fin animar aos nosos personaxes para que entrasen no coche. Estaban atenazados polo medo. Finalmente puiden facerlles ver que soamente avanzando poderían vivir situacións que, esperemos, vos resulten emocionantes e divertidas. E entraron no xogo. Fixeron un bo traballo, a verdade. Estou moi contento con eles. E alédome dobremente da súa decisión, porque as molestias gástricas xa apareceran a principios de semana, e iso soamente significaba unha cousa: algo non marchaba como eu quería.Tra-la última secuencia, esa que temo escribir, agóchase o peche dunha historia que dende o primeiro momento se me mostrou personal e vitalista (sinceira). Se cadra, en todo este optimismo que rodea ao guión, algo ten que ver a miña filla.
Aínda non a gravamos e xa a soñei unhas cantas ducias de veces a historia. E iso é bo. Porque sei perfectamente o aspecto que terá se facemos unha boa pre-produción.
Agora soamente falta esa secuencia e ter sorte co reparto. O resto... O resto non estará soamente nas nosas mans, senón nas vosas. Aínda queda un pouco, xa se verá o que pasa.
24 junio 2008
Ano 2004. O rescate
O caso é que ao saír do seminario achegueime ate a casa do Polaco e, unha vez alí, puiden comprobar en que asuntos audiovisuais anda metido. O xeito de produción das súas curtas foi evolucionando cara a simplicidade: o punto de vista único; a figura dun demiurgo que guioniza, opera e monta; dun neno que xoga na soidade. E teño que dicir que vin cousas interesantes (quédome co tratamento das texturas nas súas imaxes). Hipnótico.
Xa de volta a casa, lembrei que eu mesmo realizara un aberrante vídeo (aló polo 2004) co mesmo punto de partida e, se cadra, un resultado bastante máis incerto.
Rebusquei nas miñas copias de seguridade e din, nun CD estragado, co vídeo que agora ides padecer. O rescate non foi doado e, durante o proceso de recuperación, a obra quedou cercenada en case un minuto. Pero tranquilos todos, que a historia do cine non se sentirá magoada por esta perda. Se cadra sentirá alivio... e pena por non ter acabado co resto tamén.
Sen máis miramentos déixovos con esta prescindible peza mutilada:
20 junio 2008
Cuestións (4)
Fotografía dos emigrantes de Manuel Ferrol
Supoño que este cambio de imaxe no noso blog debería ser xustificado. Cando, un mes atrás, me propuxen resucita-lo blog tiña en mente dúas melloras. Unha sen moita importancia: a estética; e outra que me levaba rondando un pouco máis de tempo: a idiomática. Pois xa está feito.
O certo é que dispor un blog bilingüe permíteme, dunha banda, escribir tal e como se me presentan as ideas, sen ter que facer incómodas adaptacións "polo camiño"e ao mesmo tempo ser entendido por todos aqueles que, de xeito casual ou intencionado (habelos hailos -o caso é dar con eles-) acaban neste noso recuncho.
Dito isto, queda aínda unha cuestión por contestar: Para cando a posibilidade de elixi-lo idioma galego no Blogger? Señor Blogger, póñase as pilas ou acabaremos emigrando (que polo visto é o noso).
12 junio 2008
Sen letras non hai paraíso
Pola tarde releerei o escrito e veremos entón se pagou a pena unha noite de insomnio. En calquera caso a ver se non perdemo-lo ritmo e, antes de que remate a semana, damo-lo visto bo á primeira versión "definitiva" do guión.
E é que un pode ter ideas (incluso algunhas boas e todo) pero, sen letras non hai paraíso. Maldito bloqueo.
-------------
*Onte fun ao super e a metade das estanterías estaban baleiras. Nas gasolineiras os coches facían cola para que os seus depósitos bebesen ate vomitar. Son o único que pensa que esta psicose do carburante non está para nada xustificada? Isto estase a converter en Deep Impact, pero sen impacto de meteorito nin efectos especiais nin nada de nada. Polo menos os efectos especiais farían máis dixerible tanto esperpento.
09 junio 2008
Probas de decorado
08 junio 2008
O outro El Sur (polo propio Victor Erice)
Hai uns anos, Erice regalounos a (cruel) posibilidade de coñecer o que tería sido o final desta (anque inconclusa) obra maestra:
07 junio 2008
Namorado fiquei (por Roberto Chico)
Para o que despois de escoita-la emotiva versión de Amancio Prada queira coñece-la súa letra...
Pertence ao libro "Cantiga Nova Que Se Chama Riveira" de 1933. Hei de dicir que non coñecía a poesía de Cunqueiro e que descubrila a traveso deste poema resultou algo emocionante.
Déixovos cuns versos do mesmo libro e que me lembran ás vellas cantigas de amor dos trovadores.
06 junio 2008
O pesadelo de Barton Fink
Barton Fink fronte á muller da praia
Agobio, agobio. Agora mesmo entendo perfectamente a Barton Fink (Joel Coen, 1991). Claro que polo menos el xa escribira e dirixira para Broadway unha exitosa obra de teatro. Pero aí está. O bloqueo. Bloqueo. Bloqueo.Barton Fink soñaba cunha muller fronte ao mar, na praia. Eu soñei hoxe, por terceira vez, cun pirata que entra nun barco que non é o seu. Ao pasar pola cuberta, unha rede cáelle enriba, aplástao. O cheiro fétido dos peixes en descomposición que hai atrapados nela provócanlle náuseas. Entón alguén ergue un extremo da malla e aparece unha man. É a miña man. Pero eu son tamén o pirata e, ao liberarme, obrígome a engulir un deses pútridos peixes.
Soño ademáis que teño un incrible final para a miña historia. Algo fóra do normal! A excitación invádeme: O pirata devorador de cadáveres mariños afástase no barco rumbo ao horizonte. Estou feliz. Satisfeito. Entón desperto.
Non son un pirata atrapado nunha rede, pero aínda non teño un final que non sexa tristemente típico como o do pesadelo.
01 junio 2008
Nine, a RCP do documental galego
E non me decepcionou (nada máis lonxe). Atopei a unha persoa afable, directa e faladora. Esa noite caeron as horas e case nos caen unhas hostias polo feito de ter nacido próximos a Vigo. E foi precisamente esta disparatada situación a que xenerou en min unha reflexión: Se cadra, Nine atrae as boas historias. O mundo transforma a súa simplicidade en algo realmente único ao pasar por diante dos seus ollos. Ten que ser iso.
Lonxe da hermética concepción clásica de documental e cunha narración que se achega máis ao emocional que ao puramente informativo, Nine mostra ao espectador fragmentos de vidas, lapsos de tempo.
É un gustazo disfrutar de bos exercicios de montaxe e independencia como "Jedn. Pensando en soidade" ou "Historia dunha parroquia". E o mellor non é a cantidade de premios que colleitan os seus traballos, o mellor é que este cineasta aínda se está a forxar. Mete medo.
Se queredes saber como afronta os seus proxectos, non deixedes de visita-la súa bitácora "Soidade^3". Déixovos aquí o trailer do seu último e prometedor traballo:
O PREMIO DA RUBIA
