31 marzo 2011

Exitus e o hipocampo

Dentro do apartado Relatos do Hipocampo, vese incluída Exitus, na I Mostra de Curtametraxes Galegas (Fundación Rodríguez Iglesias), en Coruña. Sorpréndeme unha vez máis (despois do de Ferrol) que alguén conte coa nosa curta. Se digo a verdade, sempre me pareceu a menos accesible de todas.

O vindeiro martes, 5 de Abril, ás 20.00h proxectaranse xunto a Exitus outros catro traballos (algúns célebres como Coruña Imposible). E ao final haberá un pequeno coloquio sobre o apoio institucional (ou a falta del) ás curtametraxes. Aínda non teño moi claro que poida aportar demasiado, pero participarei. Sen fuxir voluntariamente do politicamente incorrecto, direi que non creo moito ou case nada no sistema actual de subvencións e, antes de que ninguén teña a tentación de chamarme hipócrita, apuntillarei que sempre autofinanciei os nosos traballos. Iso si, sangrando a moita xente. Eternamente agradecido a tódolos artistas e técnicos que puxeron e porán á disposición de un o seu tempo.

Podedes descargarvos o programa desta I Mostra de Curtametraxes Galegas (que por certo durará varios días): PREMENDO AQUÍ.

23 marzo 2011

O amencer nas nosas mans

Onte quedei con Martin en Coruña. Por fin temos todo o material de Aurora á nosa disposición. Foi un proceso longo de máis, duro de máis. Estou certo de que isto non pode ser así cada vez. Entre outras moitas cousas porque teño colaborado noutras producións e isto ás veces non é así. En fin, agora hai que aprender dos erros e sacar o DVD. Hai que ensinala. Espero facelo en poucas semanas.

O gracioso de todo isto é que non debín padecer tanto se necesito meterme noutra curta. Díxenllo a Martin: Teño que degustar o proceso de novo e quitarme este sabor a fresa áceda.

Destes dous anos de proceso intermitente haiche moitas lecturas positivas que sacar, pero sobre todo gústame pensar que serviu de escusa para non perder contacto co propio Martin. Obligármonos (doce obriga) a ir ao cine de cando en vez; escoitar as súas teimas, sempre estimulantes; asistir ao concerto dos Mamá Ladilla; as conversas sobre isto e o outro, antes de coller o coche; unhas risas en Shakespeare para ignorantes de Mofa e Befa; tirarlle das orellas para que medre dun raio dunha vez e poña todo ese talento a disposición dunha produtora...

15 marzo 2011

Caídos

En tódalas guerras, tamén na que nos mete de cabeza nunha curtametraxe, van caendo pezas (moitas delas vitais) como danos colaterais do propio proceso.

Durante a gravación de Aurora, un dos momentos máis dolorosos foi aceptar que tiñamos que aparcar esta secuencia, unha das preferidas da miña irmá (tamén das miñas), por mor dun nefasto erro de planificación.

"Pico" non chegaría a darlle vida ao noso entrañable Gaspar. Nin que dicir ten que ao tempo que defraudamos a un grande como Xosé Manuel Olveira "Pico", defraudámonos a nós mesmos, quedando como verdadeiros afeccionados xogando a un xogo que nos viña grande.

Síntoo por "Pico", por Aurora, por min mesmo e tamén polo verdadeiro Gaspar. Por iso, agora que a curta xa ten pé e medio no chan, vexo importante compartir este fragmento* da historia que non veremos en imaxes:

___________________

* Respéctanse neste fragmento os idiomas utilizados no orixinal.

02 febrero 2011

Partituras de Coro

Veño de encontrar un fío onde se comparten gratuitamente unha gran cantidade de partituras. Moitas delas para coro (tamén para guitarra ou acompañamento ó piano). Todas organizadas por tipo e título.

As partituras foron creadas co programa ENCORE (dispoñible para PC e MAC). Se o conseguides (ou xa tedes), poderedes abrilas e incluso reproducilas para escoitar un midi de referencia. Tamén poderedes gardalas como .pdf para imprimilas posteriormente ou o que sexa.

Espero que vos sexa útil:
http://elsitiocoral.wordpress.com/

01 febrero 2011

Macou contra o zombie

Moi ben Macou (excelente-fetén), dous anos para facer este croquis de gardería:

Retoque final dun dos planos da zombificada curtametraxe Aurora

Algo máis de 730 días para facer un par de borrados de sonidista e micro en plano fixo; máscaras de torso, brazo, cabeza, plumas, nariz e boca; e un desenfoque gaussiano no fondo que vai cambiar o amigo Martin por un desenfoque "guaissiano" que simula ao de cámara. Hai ou non hai talento en Galiza? Cagho na vida... Hai que ir morrendo.

Aurora, coming soon (soon? hahahaha).

31 diciembre 2010

Fe de Erros (8)

Abre o pano. A escena está composta unicamente por unha porta central que a divide en dous. Pola esquerda aparecen CNN+ e Telecirco falando das súas cousas. Detéñense diante da porta. Telecinco ábrea e empurra a CNN+ dentro. Coma se de Alicia atravesando o espello se tratase, aparece CNN+ á dereita, agora convertido en GranHermano 24horas.

Pódese empezar o ano cun chiste máis bizarro?

29 diciembre 2010

O proído

Esta mañá levanteime e proíame a gorxa. Xusto debaixo da queixada atopei unha pequena fenda. En metendo o índice comprobei que baixo a pel primeira existía outra. Pareceume púrpura. Os ogros son coma as cebolas. Lembrei. Os ogros teñen capas, as cebolas teñen capas. Sempre coa cinefilia ás voltas.

Coincidindo co parón creativo aparéceseme esa ferida imaxinaria. Moi oportuna, si señor. Alguén pode sentir o impulso de mostrar compaixón, pero en realidade é estupendo confirmar que non son humano. Iso réstalle importancia ao feito de non sentirse parte deste planeta, e de paso xustifica por que é tan traballoso facerse entender. Incluso nun mundo ceibe (?) e de libre pensamento (?) como o noso, ás veces resulta imposible compatibilizar este espírito ácrata e asocial (que non antisocial) que me define.

Ducheime e puxen moito coidado de tapar a fenda cun apósito. Ha curar nun par de días. O tempo que tarde eu en asimilar que debo permanecer calado. Seguir pensando, pero en silencio. O xusto para camuflar o meu verdadeiro ser púrpura e mergullarme dentro da masa humana. Despois de todo, a xente tranquilízase en canto se lle mostra aquilo que quere ver. Así sexa unha imaxe irreal dun. Por certo, onde deixei a colonia? Teño que poñerme ben dela se quero enganar tamén ao can.

28 octubre 2010

Crónicas de Exitus

O círculo pechouse. Exitus proxectouse onte en Ferrol en pantalla grande.

Quedei con Fer pola tarde e as ganas de velo fixeron que chegase tarde. Perdinme. Fer xa agardaba mais non houbo reproche. "Macou!", dixo. E sonou tan caluroso que por un instante non din en pensar que levaba o pobre quince minutos conxelado diante do Teatro Jofre.

Falamos. Amosamos as nosas feridas de guerra e sorprendéronme moi positivamente as súas creacións, o seu crecemento artístico. Falamos, falamos.

Pola noite proxectouse Exitus e tiven unha serena sensación de derrota. As luces apagáronse. Sete minutos despois e, pese ás caras de desconcerto, o público despediunos cuns aplausos que deixaron na sala un inequívoco resón de condescendencia. Ou a min así mo pareceu.

Marchamos de alí a pé. Tiñamos tanto que contarnos! Gustoume porque non foi un paseo director-actor, eramos Fer e eu percorrendo as desertas rúas de Ferrol.

Xa nun bar achegouse a nós unha rapaza. Recoñecina ao momento porque foi unha das dúas persoas que tiveron o valor de facernos unha pregunta no cine (acerca de Exitus). Felicitounos e regalounos o seu sorriso. Que máis se pode pedir?

Ás once e media da noite decatámonos de que estaban a dar a unha e media da madrugada. Unha fermosa elipse temporal. Cinematográfica. Tería quedado en Ferrol alongando a noite ate facela día. Pero marchei. Para pechar un círculo é necesario marchar. É inevitable.

O círculo pechouse. Si. Pero quedou aberto.


EXITUS

27 octubre 2010

Ouro pro nobis


Pasoume a miña irmá este vencello máxico. Unha visita 3D á Capela Sixtina.


Cando a vin en directo disfruteina menos. Se cadra sería pola cantidade de xente que ateigaba a sala, as asfixiantes medidas de seguridade e, a que negalo, porque estaba demasiado encabronado pensando na cantidade de cartos que teñen metidos no traseiro os malandríns do Vaticano.

Ouro pro nobis, irmáns, ouro pro nobis.

13 octubre 2010

Exitus en pantalla grande

Exitus, a nosa primeira curtametraxe, foi seleccionada para o ciclo Outubro Erotismo. Vaise proxectar en pantalla grande, coa entrada de balde e acompañando á inquedante Repulsión de Roman Polanski.

E por aló andaremos nós tamén. Contando as nosas batalliñas contra o tempo (se Aurora leva dous anos na sala de autopsias, Exitus pasou sete anos no tanatorio) e poñendo a cara por un fillo moi querido.

Data: 27 de Outubro
Lugar: Cine Dúplex (Ferrol)
Organiza: Axente Cultural.

24 agosto 2010

Tren ás doce e media


Na viaxe que fixemos a Cantabria gostamos da puntualidade ferroviaria.

27 julio 2010

Cuestións (10) / Consumir preferentemente antes de

En que momento expira un proxecto? É posible que apodreza unha idea antes de se materializar por completo? Despois de dous anos e co nacemento do meu segundo fillo de por medio, Aurora loita por non se converter nun finado.

O peor (¿?) é que a cabeza non se detén e a necesidade de abordar novos temas pide pola súa quenda.

Agora ando coa teima de falar do meu avó nun documental experimental (gústame chamarlle "trangallada familiar"). Por que? Porque non descubriu a penicilina, nin gañou millóns na lotería. Non salvou a un can de entre as lapas dun incendio, nin vendeu na televisión a vida de ningún dos seus fillos. É un home que simplemente está aí, un home que sostén coas súas vellas mans (tres veces maiores ás do pequeno Teo) a rede dunha familia enteira, a miña.

Foi un golpe de sorte atopar* os traballos de Alan Berliner, un director que moito antes ca min, tamén decidiu que falar dos seus podía ser unha boa idea. Agora estou a recopilar tódalas gravacións familiares espalladas nunhas cantas ducias de cintas de SuperHi8mm e VHS. Tamén fotos e documentos dos anos mozos do meu avó.

Non sei con que me vou atopar cando grave (esperemos que sexa este verán). Teremos historia que contar? O que é seguro é que este proxecto vaime achegar un pasiño máis ao meu avó e, por descontado, entenderei máis ao meu pai (seu fillo) e espero a min mesmo. Como pouco deixarei un documento para que Teo poida coñecer ao seu bisavó e de paso comprender o valor que este lle concedeu sempre á palabra familia.

Espero poder contar nesta buceta** de escasa tripulación coa arte de Area tirando fotos. Sopran ventos favorables. Será cousa de aproveitalo e temperar as velas.


____________
* En realidade a recomendación parte de Sandra Sánchez, coa que coincidín mentres ela montaba unha TV Movie. Pero non tería visto os catro documentais (The family album; Intimate stranger; Nobody's Bussines; The sweetest sound) de non ser por Xose, que compartiu xeneroso ese anaquiño de ouro dividido en catro DVD's (graciñas Polaco!).
** Buceta - pequena embarcación a vela e remos.

18 junio 2010

Ausencias

José Saramago abandónanos aos 87 anos. O legado literario que deixa tras da súa ausencia ben merece un fado.

07 junio 2010

Ciruxía / blog?

Encaixadora artesanal

Onte pola tarde estiven a operar un conto. Baixo a curiosa mirada de Aldara ordenei as follas, peguei con cinta adhesiva, cosín cada prego. Foi un traballo que me levou tempo e din en pensar se o seu pai, de sabelo, agradecería dalgún xeito este esforzo meu por manter con vida á súa criatura.


Visito pola noite o blog? que Suso de Toro e confirmo con tristura que o abandona definitivamente (polo momento?). Así a todo resístome a retirar a súa ligazón do meu Gústame visitar. Despois de todo as palabras non perden entidade así pase o tempo (se cadra todo o contrario) e prefiro pensar que o escrito seguirá a ter valor en tanto en canto alguén o lea nalgún momento. Deixemos logo a porta aberta.

Será por iso mesmo que estiven toda a tarde a reparar un libro, ou?

26 mayo 2010

Cuestións (9) / Perdidiños

Mete medo pensar nas consecuencias que pode chegar a ter en futuras producións un fenómeno de masas como foi Perdidos (Lost).

Unha serie que durante seis tempadas cimenta a narración (moitas veces a duras penas) sobre unha sucesión de enigmas que se atopan agochados nunha illa de propiedades fantásticas, non pode en ningún caso finalizar sen antes resolver cada unha das cuestións xeneradas.


Visto o último capítulo da última tempada as únicas palabras que me veñen a boca son decepción e medo. Decepción ao confirmar que en realidade estivemos a perder o tempo en mans duns guionistas que non tiñan nin idea (a saber dende hai canto) como acabar este lío con mínimo talento e dignidade; Medo ao pensar que isto pode abrir as portas a futuros produtos que, escudados nun mal uso da palabra "macguffin", poidan chegar a colarnos outra historia estirada ate o infinito (coma esta), cando en realidade non existe ningún tipo de argumento detrás.

01 mayo 2010

Suso de Toro e o can de Culann

Cando o neno Setanta se achegou á casa de Culann, mal sabía que o can do ferreiro, de descomunais dimensións, agardaba por el na porta coa intención de atacalo.

A súa curta estatura e os seus escasos seis ou sete anos non resultaron ser un obstáculo para acabar coa besta.

Malia proeza de saír con vida e en vendo que era o único can que tiña o ferreiro, ofreceuse, humilde, para gardar a casa de Culann ata o momento en que este adquirise outro can.


Así foi como o neno Setanta deu en chamarse Cuchulain (can de Culann), á postre un dos heroes celtas máis importantes.

Ben mirado, a obra de Suso de Toro encaixa á perfección con este pequeno relato.

Un rapaz que empeza a escribir en galego atópase cun can moito máis grande ca el: un panorama literario galego practicamente extinto. Con afouteza loita contra todo ese pesimismo e, igual que fixera Setanta, coa única axuda das súas mans, fire de morte á inercia de menosprezar un idioma que, para máis gravidade, nos é propio.

Malia proeza de logralo, en vendo que publicar é o único xeito de sentar as bases dunha normalidade á hora de utilizar o galego na escrita, decide seguir na xeira ate o momento en que o panorama literario galego atope un can mellor.

Así é como un rapaz que empeza a escribir en galego convértese nun referente para moitos de nós. Agora que Suso de Toro aparcou a pluma, prego por que o espírito de Cuchulain turre por el para que volva. Sobre todo porque seguimos sen can e agora, enriba, sóbrannos os antiheroes.

26 abril 2010

Cuestións (8) / O muro

Incluso aquilo que é un divertimento as veces endurece, faise máis e máis rexo. Con desacougo un pregúntase se o único que o rodea é o aire e mais os ladrillos do muro que o atrapa. Hai alguén?


15 abril 2010

A Caixa Curta (o ano do paro)

Esta noite de premios galegos do audiovisual non negarei que agardaba un recoñecemento ao traballo feito na serie documental A Caixa Negra. Sobre todo como compensación ao trato dubidosamente cortés brindado a este proxecto por parte da nova dirección da TVG. Un programa ateigado de aleatorios cambios horarios e absurdas polémicas. Porque, a pesares do que se teña a tentación de pensar, aínda non chegou o día que se poida falar de todo nesta terra.

Agardaba un recoñecemento para A Caixa Negra que non chegou. E case foi mellor así. Porque a dedicatoria dos compañeiros de Onda Curta (que foron os que nos arrebataron o premio ao mellor programa) foi unha fresca brisa de sensatez.

Dedicáronlla a tódolos parados. E moi especialmente a aqueles que o están a pesares de ter feito un bo traballo, recoñecido e necesario. Non en van (oh ironía!) Onda Curta, Miraxes, Botarse ao Monte e A Caixa Negra, o mesmo ano no que foron nominadas, pasaron a formar parte doutra nómina con moito menos glamour que é a lista de programas extirpados por esta nosa Televisión de Galicia.

E gustoume especialmente unha cousa que dixeron os premiados: "Seguimos querendo á nosa televisión pública (aínda que ela non nos queira a nós)". Graciñas compañeiros por roubarnos o discurso. Se cadra non había ser moi distinto se nolo dan a nós ou aos amigos de Miraxes.


AARÓN - Marcos Nine (2009)

Premio Mestre Mateo á mellor Obra Experimental

07 abril 2010

Mascotas do Audiovisual

Fragmento do cartel de Santos, película montada por Diego Macho.

Esta semana acordeime de Diego Macho, ex-montador dunha xa desaparecida empresa de audiovisual (¿?) na que traballei.

Incorporouse o luns un rapaz de prácticas. Traía o medo debuxado na cara e tres palabras contadas ben atadiñas dentro da gorxa. Observaba todo como o fai un paciente no quirófano momentos antes de ser operado; como un hamster que sae da caseta para inspeccionar a nova roda que lle acaban de instalar na xaula.

Falamos brevemente da escola e do que esperaba atopar no audiovisual. Intentei (xuro) non ser sincero ou explícito en exceso. O xusto para ferir coa verdade sen romper un soño.

Non penso que queira seguir os pasos da montaxe. Amablemente dixo que lle gustaba bastante, o cal pódese interpretar como que lle gusta bastante pouco, case nada. Non o digo como reproche. Insisto en que foi extremadamente amable cando o dixo (se cadra mostrou tanto tacto coma o meu ao dicilo).

Estes dous días serviron para que se relaxase un pouco e empezase a aflorar o profesional que quere ser. Polo pouco que sei, gústalle ver series e escribir. Gústalle (basicamente) a ficción. A ver se ten sorte e pode enganchar algo relacionado co tema.

Como non, acordeime de Diego Macho, o montador que me viu chegar, coa miña cariña de hamster e toda a ilusión posta neste medio ao que non lle perdín o gusto co tempo. Agora entendo un pouco máis como se sentiu el. E agradézolle que fose levemente sincero (o xusto para ferir sen romper un soño). Graciñas Diego, téñoche ganas de volverte ver.