Onte falei por teléfono con Abi. Reconfórtame conversar con ela. Xuntos soñamos durante horas (case sempre son horas) proxectos teatrais con monicreques de dedos ou con frascos de pastillas, bañeiras e secadores de pelo. Tamén soemos deixar tempo de ensoñación aos duetos, á crítica e á análise da propia forma musical.
Todo é tan intensamente terapéutico que finalmente se produce o efecto rebote. Esa necesidade que sempre me empurrou a garabatear nun papel ou a fedellar cunha cámara, sacia o seu apetito co placebo das palabras faladas, e adormece así entre as imaxes das paisaxes oníricas que entre os dous creamos.
Sinto que debo loitar, unha vez máis, contra a insistencia do tempo de me transformar nun Ideólogo. Un ser centrado en parir ideas e non levar a termo ningunha delas. Sobre todo porque xa sei como remata o conto.
Nas fases terminais da enfermidade, o Ideólogo dexenera nun estadío de Xestador Tántrico. As ideas (aínda uterinas) serán de cada vez máis ténues, ou tan luminosas como fugaces (que para o caso incluso é peor). Enquistaránse moi fondo, amoreándose sen orde, devorándose unhas a outras. Un banquete aberrante ao que soamente asistirei como mordomo, presente no momento de abrir a comporta e ofrecerlles unha nova vítima. Aí vos vai! Un sacrificio no que, finalmente, nin tan sequera terei ningún tipo de voluntariedade.
Hoxe, celebrando o Día das Letras Galegas, e para que non morra pasto doutras ideas, comparto unha que xestei hai unha chea de anos. Moi importante para mín no seu momento. Despois de ler a Beckett, decidín crear o meu propio Fin de partida. Era este:
No hay comentarios:
Publicar un comentario