25 septiembre 2014

Aquela lei non escrita


Veño de ver este vídeo (graciñas Rosana) e deume en pensar que a autoestima é unha necesidade básica. Hai quen a alimenta a base de cartos e quen a edifica no mesmo centro dunha paisaxe inventada. Sobra dicir que ambas fórmulas son lícitas (xunto a ese millón de fórmulas que quedan aquí sen citar).

O realmente inxusto é saber que a túa elección está en ocasións en mans de alguén incapacitado para ver que esas necesidades que ti tes son tan valiosas coma as súas. Alguén que di defender "o ben xeral da sociedade" malia que nela non reserve un espazo que ti poidas ocupar e no que poidas medrar.

Dígoo, claro, dende o punto de vista dunha persoa non influínte. Alguén que intentou facer a súa parte con suma perfección (non é esa a definición de artista?) e que, ao cabo, consegiu facelo soamente "o mellor  que lle foi posible".

E non, non me estou a queixar. Ao longo de dez anos (xa case once) tiven a ocasión de aprender duns cantos profesionais excepcionais e tamén, claro, dalgúns poucos miserentos. 

Vinme en todo tipo de situacións. Con cada unha das miñas decisións procurei botar abaixo aquela lei non escrita que reza: "Para triunfar [con independencia do campo] hai que ser un poco cabrón" e hei de dicir que aínda non conseguín situarme nunha posición cómoda ao respecto.

Agora vou empezar a impartir clases e a responsabilidade de formar a outras persoas é asoballante. Agardo que este rato xunto a eles nas aulas sírvalles para aprender habilidades e que estas lles axuden a seguir sen medos o seu propio camiño. Eu sigo gozando cada día do meu. E non será porque mo poñan doado (máis ben porque é para min unha necesidade básica seguilo, ademáis dunha cuestión de autoestima).

09 septiembre 2014

Cinzas de rosas

Sen querer facer deste sitio un obituario, é de xustiza recoñecer o mérito na batalla a Gustavo Cerati. Porque a historia non sempre é escrita polos que gañan.

08 agosto 2014

Créditos finais

Hai xa máis de dez anos que escribín "La Maraña" e esta segunda abordaxe ao guión longo foi menos doloroso. En menos tempo do esperado cheguei aos créditos finais. Axudou o feito de traballar cun material de orixe inmellorable (a novela inédita de J.J. Míguez Veiga); tamén os consellos literarios de Álex e Borja (o sistema de tarxetas realmente funciona!!!); o apoio dos máis achegados e, por qué non dicilo, a necesidade que chama tódolos días á porta de moitas familias como a miña.


Agora empeza o bo: partirme a cara por defendelo. E non determe aquí, empezar outro (agora que a engranaxe volve a estar operativa).

28 abril 2014

Fe de Erros (16) / O íntre despois

Coa máquina a pleno rendemento, planeo o asalto ao íntre despois do Xuizo Final. Con todos esos cadáveres apilándose nas cunetas, nas colas do paro, incluso algúns aos que lles sorprendeu o evento no retrete; intento evitar que me pille a nova Era preguntándome, ¡que putada!, sobrevivín. E agora que? Vouvos dicir "que"... espero que moi pronto.


06 noviembre 2013

Cuestións (16) / Encontrarse en París

Estancado, en pleno proceso de deconstrución personal, esfociño contra un diálogo aparentemente inocente entre William Holden e Audrey Hepburn*. Moi oportuno. Están a maquinar un guión e chegan a conclusión de que todo proceso de creación ten que ver con Frankenstein.

Todos somos o bo de Viktor, e aí andamos, a xuntar pezas (algunhas delas fermosas, outras en avanzado estado de descomposición), cosendo, grampando, electrocutando, procurando que ese enxendro se pareza (polo menos) a algo de aspecto humanoide.

Cae a noite e un raio fende o ceo. Percorre o cable eléctrico, penetra nos electrodos e "esa cousa", tombada na mesa de operacións, convértese no epicentro dun terremoto de espasmos (fume artificial e luz parpadeante mediante -se fose necesario crear un ambiente máis irreal e opresivo-).

Extenuados, apurámonos a tapar... "iso"... cunha saba. Temos medo do resultado, porque sabemos que soamente hai dúas opcións: que namoremos del ou que teñamos que despezalo novamente.

Cando é unha proposta artística, a deconstrución doe... pero pouco (e cura pronto). Cando o que estamos a desmantelar é un propio... A saba pode ficar aí, enriba nosa, durante semanas e semanas. ¿Certo ou non certo?

_____________
* "Paris, When It Sizzles" (Encuentro en París) comedia romántica de Richard Quine (1964)

21 septiembre 2013

Trampoline - Motivations

Trampoline, co seu Motivations, achéganos unha proposta atmosférica e inspiradora, no sentido menos relambido da palabra. Gústame a música que transporta a quen a escoita a outros lugares/tempos, que axuda a que voe a imaxinación. E iso precisamente é o que pasa con Trampoline.

Neste traballo case todo suma. De feito son moitos os ELEMENTOS A FAVOR:
  • As letras, xa que as envolventes melodías van acompañadas dun potente discurso con acenos poéticos.
  • Os seus tres compoñentes redondean definitivamente este proxecto: o virtuosismo de Marcos Rivera coas guitarras, banjo e facendo as segundas voces; a voz de David Tizón, cunha tesitura e interpretación que axudan a acadar esa atmósfera da que falaba; a incorporación de Iago Fernández, que co seu traballo na percusión convértese nunha das melloras máis salientables con respecto ao EP "Fog".
  • En si mesmo, Motivations é un disco que aguanta unha escoita "aleatoria" porque non ten un solo tema de "recheo".
  • A proxección do grupo é prometedora. Un claro exemplo foi o tema propio, inédito, que compartiron cos que nos achegamos ao seu concerto na Banda do Rio. Unha pequena mostra do contundente material que está por vir (cando aínda andaban cos menesteres de presentar este disco).
Os seus HANDICAPS poderían ser:
  • Co pulo que está acadando ultimamente a música "indie" e sendo da nosa terra poderiamos caer na tentación de pensar que "deben ser un grupo máis facendo música alternativa", cando a realidade é ben distinta e a personalidade de Trampoline faise evidente en cada tema.
  • O uso do inglés nas súas letras poderíase converter nunha barreira no directo, xa que o suposto "nivel medio" do que goza este país está moi lonxe da realidade. Axudarían a salvar este "obstáculo" breves presentacións dos temas.
  • Que da súa música en directo, por ser íntima e personal, trascenda unha errónea idea de "elitismo" e pareza quedar reservada para o disfrute dos seus tres membros. A aportación de David neste campo é vital, porque a complicidade co público é necesaria. De feito a min este grupazo gañoume completamente no seu concerto acústico ao pé da Praia de Lagos. E aquí me teñen aínda, entregado á súa causa.
E para que se vexa que non vendo fume, aquí tedes o seu traballo:

30 mayo 2013

Fe de Erros (15) / Ostia

"Ostia". Buscando información na hemeroteca dixital para un proxecto no que estou a traballar, atópome con que ABC publicitaba esta película a toda páxina (na 8 concretamente) en 1977. Sinto medo en Technicolor e Techniscope. Vivimos nun salto cara atrás no tempo. Somos as partículas rebobinadas que fuxen do futuro e achéganse a un burato negro que as papará e as volverá a cuspir en calquera outra dirección.


17 mayo 2013

A enfermidade do creador / Follas Vellas (1)


Onte falei por teléfono con Abi. Reconfórtame conversar con ela. Xuntos soñamos durante horas (case sempre son horas) proxectos teatrais con monicreques de dedos ou con frascos de pastillas, bañeiras e secadores de pelo. Tamén soemos deixar tempo de ensoñación aos duetos, á crítica e á análise da propia forma musical.

Todo é tan intensamente terapéutico que finalmente se produce o efecto rebote. Esa necesidade que sempre me empurrou a garabatear nun papel ou a fedellar cunha cámara, sacia o seu apetito co placebo das palabras faladas, e adormece así entre as imaxes das paisaxes oníricas que entre os dous creamos.

Sinto que debo loitar, unha vez máis, contra a insistencia do tempo de me transformar nun Ideólogo. Un ser centrado en parir ideas e non levar a termo ningunha delas. Sobre todo porque xa sei como remata o conto.

Nas fases terminais da enfermidade, o Ideólogo dexenera nun estadío de Xestador Tántrico. As ideas (aínda uterinas) serán de cada vez máis ténues, ou tan luminosas como fugaces (que para o caso incluso é peor). Enquistaránse moi fondo, amoreándose sen orde, devorándose unhas a outras. Un banquete aberrante ao que soamente asistirei como mordomo, presente no momento de abrir a comporta e ofrecerlles unha nova vítima. Aí vos vai! Un sacrificio no que, finalmente, nin tan sequera terei ningún tipo de voluntariedade.

Hoxe, celebrando o Día das Letras Galegas, e para que non morra pasto doutras ideas, comparto unha que xestei hai unha chea de anos. Moi importante para mín no seu momento. Despois de ler a Beckett, decidín crear o meu propio Fin de partida. Era este:

11 abril 2013

Cuestións (15) / Activismo pasivo

Se este activismo noso nas redes fose efectivo, permitiríao a clase política? Podemos dicir o que pensamos porque en realidade non cambiamos nada e non molestamos a ninguén.

17 marzo 2013

Motín


A besta desafía coa mirada triste
a inxenua fraxilidade do espello.
A farsa de non chegar a ser [querendo]
malia que os ollos semellen os teus.
O xogo de axexar nos plans pasados?
Un acto de rebeldía.
Un motín involuntario que se paga coa vida.
É por iso [e por máis nada]
que aínda querendo morrer, vivas.

08 febrero 2013

Aurora

Xénero: Dramedia
Duración: 15 minutos
Formato orixinal de gravación: DV PAL
Ano Gravación: 2008
Ano Produción: 2011
Reparto: Xúlio Abonjo, Mª Ángeles Prieto,
Camila Bossa, Antonio Mourelos, Abi Buceta
Banda Sonora Original: Rodrigo Guerrero.

AURORA

Pido desculpas ao audiovisual galego por sentirme orgulloso deste fillo imperfecto, tan cargado na súa orixe de boas intencións.

20 diciembre 2012

Nada

Hoxe recibín un correo moi especial. Falaba de Nada. Nada, parvadas. Cousas absurdas que fan niño nas cabezas das persoas que están tolas.

Quero dicirlle a quen me escribiu que a esa Nada préstalle espertarme cada mañá. Conségueo soprando  lene na miña orella ou brincando divertida sobre o meu bandullo. Sento na cama e apúrase a traerme as zapatillas. "Non collas frío", díme  agarimosa mentres se me colga nas costas. Ás veces, cando o fai, pásame os brazos por diante gorxa tan forte que me quita o aire.

Camiño da cociña, paro no salón para darlle un bico aos dous bichiños que apenas reaccionan, abducidos pola tele. Pregúntanme sen agardar resposta por algo que está a pasar nos debuxos e eu, que veño de levantarme, non sei moi ben que dicir. Para eles estiven todo o tempo, supoño.

Na cociña arrecende a zume recén feito. María pon sobre a mesa tres galletas que manteñen o equilibrio sen esforzo, unhas enriba das outras. E despois outras tres, dispostas do mesmo xeito, un pouco máis aló. "¡A desayunar!" Berra. Doulle un bico. Abrázoa. E ela, que sabe canto a quero, fai como que non me viu agochar esa Nada nun dos petos do pixama e pregúntame que tal durmín. "Así, así. E ti?" "Así, así".

Cando leo ou vexo películas que me recordan o lonxe que viven moitas das persoas que aprecio e necesito, a Nada aloumíñame condescendente ("Tonto!") e pon na miña man un lápis. Entón díctame palabras. Frases con (sen)sentido. E eu, coma un autómata, escribo. Cousas de tolos coma isto.

13 diciembre 2012

Estrelas Waris para combater o Nadal

Nunha casa con nenos practicamente o Nadal empeza cando remata o verán. Xa entón teñen o albarán cheo de peticións e empezan a desesperar coa "inminente" entrega de regalos.

En datas adobadas con tanta fraternidade desmedida e verdadeiro falso amor desproporcionado, penso que é xusto compartir un antídoto efectivo: as estrelas frikis para a árbore.

O ano pasado a experiencia foi tan boa que este ano comparto con vós esta sabedoría ancestral transformada en modelos para imprimir e recortar. Que o pasedes coma nenos!

DESCARGA OS OITO MODELOS PREMENDO AQUÍ

DIFICULTADE: ★★☆☆    PACIENCIA: ★★★★
TEMPO: ★★★★☆     FRIKISMO

Así quedaron o ano pasado
MATERIAL NECESARIO: Papel, impresora, tixeiras, cúter e táboa de madeira/plástica.

COMO FACELO: Unha vez descargado o arquivo, descomprimímolo (veñen catro imaxes nun arquivo .zip) e pasámolo a papel. Recortamos o círculo (van dous por folio) e pregamos polas liñas ata deixar un so "queixiño". Procedemos coa corta de detalles.

CONSELLOS VARIADOS:
1) Á hora de imprimir non sexades roñosos e imprimide en calidade normal (como mínimo) porque en calidade borrador (que vos coñezo peixes) pode ser que non se vexa demasiado.
2) En canto ao tipo de papel, canto máis fino, mellor é de pregar e cortar.
3) Empezade a recortar os detalles interiores (co cúter) para que a vosa estrela non perda consistencia antes de tempo. Xa que logo, deixaremos para o último os bordes (e algúns poden ir cortados a tixeira sen problema).
4) Traballade nun sitio con boa luz.

06 noviembre 2012

CoraSons en Cineuropa

Resulta que o traballo deu o seus froitos. A longametraxe documental "CoraSons" (de Paco Abelleira), na que traballei como montador, será presentada na XXVI edición de Cineuropa.

DIA: Xoves, 15 de novembro
HORA: 18.00 h
LUGAR: Salón Teatro (Santiago de Compostela)
MÁIS INFORMACIÓN: Préme aquí

Quen nolo diría a principios de xuño. Foi entón cando tivemos as primeiras tomas de contacto e, teño que recoñecelo, antes incluso de ver as imaxes, soubo Paco atraparme contándome a historia dos CoraSons e a solución visual que quería darlle:

Páxina de facebook causante de todo este lío
Tomando como pretexto as fotografías e escritos que Isabel Leal veu colgando na súa páxina "Quem ve coraçoes" de facebook, un grupo de artistas (pero sobre todo un grupo de amigos) deciden poñer música á exposición que ten lugar na Casa das Crechas (Santiago de Compostela).

O que viría despois, penso que soamente é comprensible vendo o documental. Concertos en Galicia e Portugal e ata 40 músicos (e non músicos) implicados. Artistas do calado de Uxía (voz e alma mater do proxecto), Carlos Blanco (actor e condutor nos concertos), Magín Blanco (compositor dun bo número de temas), Budiño, António Zambujo, Couple Coffee, João Afonso,... Pero tamén arquitectos facendo a percusión, carpinteiros que son compositores, actores que ademáis son cantantes, e ate cardioloxistas (fermosa coincidencia, non?) poñendo voz a cancións sobre o corazón.

Tan especial como soa.

Como afrontar 16 horas de bruto? Do único xeito que coñezo. Dándolle a play. Durante a primeira semana, mentres Paco loitaba coa "parte narrativa" do documental, eu limiteime a ver e intentar comprender todo o que eles viviron mentres gravaban a preparación do disco (porque tamén haberá disco) e o propio concerto na Arousa.

Fotograma do teaser con Tatán R. Cunha e Xoán Curiel
Despois chegaron meses de edición nos que fomos desenvolvendo e definindo os bloques temáticos e, en paralelo, editando os temas musicais do concerto que servirían de fío condutor da narración. Xa por último recrearse cos recursos, currarse as transicións (graciñas Isabel por esas magníficas fotos!!!), mesturar a gravación do disco, ensaios e concerto e comprobar que todo aquilo que Paco Abelleira quería contar, ademáis de atractivo, tiña sentido. 

Conseguido? Penso que si. Pero haberá que agardar pola resposta do público.

Quédame pena por temazos como o "Desafinado" dos "Couple Coffee", ou o momentazo do gran Quico Cadaval no concerto do Maus Hábitos (Porto), que ao fin quedaron fóra da versión definitiva, pero penso que temos un documental cálido e emotivo. Espero que poidades velo en Cineuropa (xa me contaredes) e espero poder presentalo en Bueu proximamente.

Fotograma da película cos agradecementos
O meu agradecemento especial aos familiares e amigos que saen neste fotograma, porque co seu visionado axudaron a redondear o documental e sen algún deles non tería dado coa tecla no After Effects. Graciñas!!!

16 octubre 2012

Fe de Erros (14) / Aldebarán

Antes de adentrarme en Betelgeuse (de Luiz Eduardo de Oliveira -LEO-), releo no texto dalgunha das viñetas de Aldebarán (Primeiro Ciclo). Un calofrío percorre o meu corpo ao facelo.

Reflexión do Senador Lopes, falando coa súa filla Gwen
crúa realidade que vivimos, ás veces atópase magnificamente representada en lonxanos mundos imaxinados como Aldebarán.

P.S. Graciñas Juan, por deixarme os libros, o teu novo libro, pola amizade.

21 septiembre 2012

Un conto sen conto

Os nenos róubanche o corazón... e o tempo. Ves cara atrás e levas un ano sen escribir. Pero para compensar, os momentos creativos multiplícanse exponencialmente cando tes que inventar un "conto sen conto" durante a merenda, ou atopando unha solución a catástrofes naturais do tipo "hai un moutro na habitación". Pois si. Así é a miña vida ultimamente:

Un, dous, tres.
Érase unha vez...
Verde, azul, marrón.
Dous patos, un león.
Hai que compartir.
Non sei quen empezou.
O debuxo é para min?
Pipí no pantalón.
Que é? Por que?
Pídello aos Reis.
Fai caso a mamá.
Quérovos. Ata mañá!

31 agosto 2012

Cuestións (14) / Carne Cruda

Ver o xeito en que a dirección de Radio 3 fulmina o programa Carne Cruda, trae á miña memoria imaxes como a de "Monsters vs Aliens":


Non é certo que o dedo co poder para premer no botón vermello de exterminio, adoita ir unido a unha man, brazo e corpo dun verdadeiro imbécil?

Os pormenores do que comento, na carta de despedida de Javier Gallego aos seus ointes.

22 agosto 2012

You Know Where I Am

Din que para conseguilo, hai que perseguilo.

É paradóxico valorar sequera un cambio de sector, cando un defende a profesión (penso) con entrega e dignidade. Así que intento reafirmarme en cada edición, poñer cariño en cada fundido e encadenado; e intentarei seguir realizando dez cortes no plano, por cada vez que escoite que todo está moi mal e vai a ir a peor.

Polos amigos que fun facendo nestes anos; pola xenerosidade de quen colabora nos proxectos propios; polo risco dalgúns traballos; pola liberdade á hora de editar e o reto de conseguilo do mellor xeito posible; por esa chamada de quen pensou en min como profesional; por todo iso sigo adiante e hoxe teño o pracer de compartir o trailer de You Know Where I Am, a nosa primeira aventura curta intercontinental.

Un trailer que non sería o mesmo de non asistir, o pasado 11 de agosto, ao concerto de Trampoline en Bueu. Dende entón teño o convencemento de que este grupazo fai boa música, bos directos e (para mostra un botón) magníficas bandas sonoras. Graciñas pola vosa disposición.


YOU KNOW WHERE I AM (TRAILER)

12 agosto 2012

Trampolineando

Empezar un novo ano trampolineando. Non existe ecuación de resultado máis exacto.
Música especial + familia + reencontro con amigos dos de sempre = concerto redondo.

Trampoline deu un paso acertado ao incorporar a batería
No chiringo de Alex, aos pes da praia de Lagos, Trampoline engadiu máxicos matices a unha das paixases máis fermosas de Beluso.

Momento "coche negro, en dobre fila, sonando en fa sostido"
A estes tres artistas deséxolles que degusten o feito de ir paso a paso. O primeiro xa está conseguido, chegar á xente e atrapala coa súa atmósfera musical. Agora hai que ir a polo disco, para que Sufjan Stevens poida versionarlles algún tema no seu vindeiro concerto. E despois xa se irá a pola Lúa e a conquista interplanetaria.


A súa páxina en Facebook: https://www.facebook.com/trampolinemusic

04 julio 2012

Fóra de contexto

O vigor das palabras soamente o dicta o tempo. Remexendo no meu "cerebro externo", un caixón desastre no que gardo aquilo que me parece importante, atopo un recorte do xornal, cunhas letras escritas hai anos por Fátima Chamadoira, autora de "Sin el permiso de Dios":

Frase de Fátima Chamadoira extraída do Faro de Vigo

Unha sentenza que, sacada fóra de contexto, encerra todo o que a min me motiva a achegarme a outros para ler, ver e/ou escoitar. E finalmente empúrrame a crear eu mesmo.